• A lista de propostas comeza o domingo 11 coa tradicional Festas dos Maios 

  • O IV Premio Daniel García Ramos que se entrega o Día das Letras Galegas recoñece ás Pandereteiras da Baña como símbolo da poesía oral popular

WhatsApp Image 2025 05 02 at 12.27.39

O Concello da Baña celebrará durante todo o mes de maio unha programación cultural diversa e participativa con motivo do Mes das Letras Galegas, cun calendario de actividades que combinan tradición, música, literatura, educación e memoria colectiva.

A programación arranca o domingo 11 de maio coa tradicional Festa dos Maios, que encherá de cor, música e convivencia a Praza do Concello desde as 10.00 horas. Oli Xiraldez ofrecerá asesoramento e elaboraranse os maios durante toda a xornada, na que tamén haberá obradoiros, a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e un xantar veciñal ao aire libre na área recreativa do río Albariña, no que o Concello achegará uns petiscos. Pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar a actuación de Os Monifates, un espectáculo único de marionetas danzantes ao son da música en directo, recuperando a esencia do teatro popular galego.

“Queremos animar á veciñanza a participar nesta tradición tan nosa como é a dos Maios, e que desfruten dunha xornada festiva, aberta e para todos os públicos, na que poden sumarse en calquera momento do día”, destaca a concelleira de Cultura Mónica González.

O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase a entrega do IV Premio Daniel García Ramos, que este ano recoñece a traxectoria das Pandereteiras da Baña, como homenaxe á tradición da poesía oral e da música popular. Esta elección está aliñada coa temática do Día das Letras Galegas 2025, que se dedica precisamente ás cantareiras e á poesía oral popular. O acto, que comezará ás 11.00 horas na Escola de Música Emilio Andújar , contará coa actuación de Mari Faltri e cunha degustación de petiscos. “Esta é unha data moi especial para nós, porque este ano as Letras están dedicadas á narración oral, un eido no que A Baña tivo sempre unha presenza destacada grazas ás súas cantareiras e gaiteiros”, engade Mónica González.

A programación continúa o domingo 18 de maio, ás 12.00 horas na Casa da Cultura, coa presentación do libro As verbas do luns de Xan Martínez, unha nova oportunidade para achegarse á literatura galega e compartir reflexións co seu autor.

O 23 de maio celebrarase a actividade Axudádeme a cantar, unha xuntanza musical e educativa entre o CPI da Baña e o CPI de Bembibre, promovendo a colaboración e o respecto pola nosa lingua e cultura entre o alumnado.

Como broche final, o 24 de maio terá lugar unha excursión cultural organizada en colaboración coa Asociación Alborada.

Con esta programación, A Baña súmase á celebración do Día das Letras Galegas cun calendario que pon o foco na oralidade, na música tradicional e na importancia de manter vivas as nosas raíces culturais. Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza e contan coa colaboración de artistas locais, entidades sociais e centros educativos.

  • A iniciativa enmárcase na liña 2 de actuación subvencionada pola Xunta de Galicia para promover a reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante compostaxe doméstica ou comunitaria

  • O Concello anima á veciñanza a sumarse a este proxecto que xa conta con máis de 170 familias participantes nas edicións anteriores

20250430 compostaxe alcalde

O Concello da Baña dá un novo paso no seu proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria coa entrega de 30 novos composteiros individuais, que se suman aos 170 xa repartidos noutras edicións, e coa creación de dous puntos de compostaxe comunitaria no centro urbano de San Vicenzo. Con esta iniciativa, o municipio reforza o seu compromiso cunha xestión de residuos máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
Esta nova actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcado na Orde do 17 de decembro de 2024 publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia – NextGenerationEU.
O obxectivo da iniciativa é promover a separación e reciclaxe en orixe dos biorresiduos, facilitando a elaboración de compost natural tanto nas vivendas con horta ou xardín como nas zonas urbanas onde se instalarán os composteiros comunitarios.
Convertelos residuos orgánicos en fertilizante é unha maneira sinxela e efectiva de coidar o medio ambiente e contribuír a un concello máis sostible, un obxectivo no que o alcalde José Antonio Pereira Gil quere involucrar á veciñanza. Así, fixo un chamamento á participación veciñal e anunciou que nos vindeiros meses organizaranse charlas informativas e obradoiros prácticos para fomentar o uso axeitado dos composteiros.
 
Petición de composteiros
As persoas interesadas en participar nesta nova entrega poden solicitar o seu composteiro doméstico na Casa do Concello ou a través do teléfono 981 886 501, ata esgotar existencias.
O Concello facilitará tamén formación básica para garantir unha correcta xestión dos residuos orgánicos e unha boa calidade do compost resultante. Ademais, os composteiros comunitarios permitirán participar neste proxecto a aquelas persoas que non dispoñen de espazo verde nas súas vivendas.
Con esta actuación, A Baña reafirma o seu compromiso coa loita contra o cambio climático, a redución de residuos e a transición cara a un modelo circular e respectuoso co medio ambiente.
 
 
ABana composta Logos UE
 

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe, 21 de abril de 2025, as modificacións de dúas ordenanzas do Concello da Baña: unha relativa ao uso e xestión das áreas recreativas e outra sobre as plantacións e cortas de árbores.

Ábrese agora un prazo de 30 días naturais, contados dende esta publicación no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello, para que a veciñanza poida presentar alegacións ou suxestións a estas modificacións. De non recibirse reclamacións nese tempo, as ordenanzas consideraranse aprobadas definitivamente.

Modificación da ordenanza das áreas recreativas

 

A principal novidade é a introdución de condicións específicas para o uso da Área Recreativa de Chans:

  • Establécese unha fianza de 50 euros para todas as persoas usuarias.
  • As persoas non empadroadas deberán abonar tamén unha taxa de alugueiro de 50 euros.
  • As persoas empadroadas no Concello da Baña quedan exentas do pago desta taxa, mantendo a fianza.
  • A fianza e a taxa deberán aboarse nas entidades bancarias onde o Concello ten conta.

Esta modificación pretende priorizar o uso por parte da veciñanza local e garantir o coidado e mantemento das instalacións.

Consulta o texto completo da ordenanza modificada sobre áreas recreativas nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.

 

Modificación da ordenanza sobre cortas e plantacións forestais

 

As modificacións desta ordenanza buscan minimizar os danos nas vías públicas e mellorar a xestión ambiental das cortas. Entre os principais cambios destacan:

  • Obrigatoriedade de comunicar as cortas con 15 días hábiles de antelación cando superen as 5 toneladas.
  • Establecemento de licenzas bianuais obrigatorias para as tarefas de depósito, carga e transporte de madeira.
  • Fianzas obrigatorias:
    • 1.600 € para vehículos de menos de 16 Tm.
    • 3.100 € para vehículos de 16 Tm ou máis.
  • O/A madeireiro/a e/ou persoa propietaria será responsable directa dos danos causados e da limpeza das vías.
  • Detállanse as infraccións leves e graves, con sancións que oscilan entre os 300 e os 1.500 euros.

Consulta o texto completo da ordenanza modificada sobre cortas e plantacións nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.

20250423 AsQueCoidan web2O Concello da Baña puxo fin este martes, 22 de abril, a unha nova edición do taller Ás que coidan, un programa de sete sesións dirixido a persoas coidadoras e impulsado desde o servizo de educación familiar municipal.

A iniciativa, conducida pola educadora social Tamara Rodríguez Pereira, tivo como obxectivo proporcionar ferramentas para o autocoidado físico, emocional e mental, fomentar o empoderamento persoal, reflexionar sobre as propias necesidades e crear redes de apoio entre mulleres coidadoras do municipio. As actividades abrangueron desde dinámicas de atención plena, traballo emocional, ata a recuperación de afeccións persoais, sempre coa persoa coidadora como eixo central da intervención.

Na última sesión do taller, celebrada onte, a concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, Mónica González, achegouse para compartir uns momentos coas participantes e facerlles entrega dos diplomas. Aproveitou a ocasión para recoñecer o seu compromiso ao longo do obradoiro e salientar a importancia de coidar do propio benestar para poder continuar coidando doutras persoas.

subvencion voluntariado interxeracional

O Concello da Baña foi beneficiario dunha subvención por importe de 15.020 euros para a elaboración e execución de proxectos de voluntariado interxeracional no medio rural.

A axuda foi concedida pola Dirección Xeral de Xuventude no marco do programa Talento interxeracional, integrado no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Este programa ten como obxectivo promover a colaboración entre distintas xeracións, favorecer a transmisión de coñecementos e experiencias, e potenciar a participación activa da mocidade en iniciativas sociais e culturais no ámbito rural.

Co apoio desta subvención, o Concello da Baña poderá desenvolver actividades que conecten persoas maiores e mozos e mozas, xerando espazos de encontro, aprendizaxe e cooperación. O proxecto contribúe ao fortalecemento do tecido social local e á dinamización de comunidades rurais, promovendo valores de solidariedade e participación cidadá.

Accede á resolución premendo neste enlace.