• O acto será este sábado 17 de maio na Escola de Música Municipal Emilio Andújar

  • A elección destaca o seu labor á hora de manter viva a tradición oral no noso concello, formando parte da identidade cultural da Baña

20250216 Banha festa filloa pedra Caxade pregoeiro Escola Musica tradicional 6

O Concello da Baña celebrará este sábado 17 de maio, ás 11:00 horas na Escola de Música Municipal Emilio Andújar, o Día das Letras Galegas 2025 cun acto institucional e cultural no que se entregará o IV Premio Daniel García Ramos ás Cantareiras e Pandeireteiras da Baña, en recoñecemento ao seu labor de transmisión da tradición oral e musical galega.

Con este galardón, A Baña súmase activamente ao espírito da Real Academia Galega, que decidiu dedicar o Día das Letras Galegas deste ano á poesía popular oral, homenaxeando de forma colectiva a mulleres pandeireteiras e cantareiras. A elección pon en valor un legado cultural transmitido de xeración en xeración, tal e como se fixera en 1998 cos trobadores da ría de Vigo.

Neste contexto, a elección das Cantareiras e Pandeireteiras da Baña como receptoras do IV Premio Daniel García Ramos cobra un sentido especial, pois representa o recoñecemento a un colectivo local que leva décadas mantendo viva a tradición oral no noso concello. A súa contribución vai máis alá do musical pois forman parte da identidade cultural da Baña, transmitindo saberes, sonoridades e formas de relación comunitaria que fortalecen o tecido social e cultural da nosa contorna.

Ao tempo que se rende homenaxe a este grupo representativo, o Concello da Baña quere lembrar tamén a importante presenza doutros colectivos, entidades e persoas que contribuíron e contribúen de maneira decisiva á preservación da narrativa oral no municipio. A Baña conta cun rico patrimonio inmaterial vinculado á tradición oral que tamén merecen ser recoñecidas. Este premio é, tamén, unha mostra de respecto e gratitude a ese conxunto plural que mantén viva a memoria colectiva.

O acto incluirá tamén a presentación da Banda da Escola Municipal de Música e a actuación de María Faltri, cun espectáculo titulado Coa pandeireta na man. Trátase dunha proposta que ofrece unha experiencia completa para todas as idades, na que música, xogos e tradición se entrelazan para garantir a vixencia do noso legado cultural, combinando aprendizaxe, entretemento e posta en valor da nosa historia musical.

A xornada pecharase cunha degustación de petiscos para compartir entre as persoas asistentes.

A actividade está organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.