• A elaboración con flores e elementos naturais reuniu a familias enteiras baixo a dirección creativa de Oli Xiraldez

  • O xantar veciñal e a actuación de ‘Os Monifates’ formaron parte tamén desta celebración 

web

A Baña viviu este domingo, 11 de maio, unha xornada marcada pola cor, a natureza e a tradición coa celebración da súa Festa dos Maios, unha cita cultural que convocou á veciñanza arredor dunha das celebracións máis simbólicas da primavera galega.

A iniciativa foi organizada pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que dirixe Mónica González, quen estivo presente e participou activamente xunto á veciñanza. Ao longo da xornada viñeron facer un seguimento da elaboración do Maio o alcalde José Antonio Pereira e a concelleira de Turismo Ana Pensado.

maios1

A programación deu comezo ás 10:00 horas cun obradoiro participativo de elaboración de Maios dirixido polo artista Oli Xiraldez, no que moitas persoas, grandes e pequenas, se achegaron a crear estruturas florais con elementos naturais, recuperando así unha expresión artística tradicional moi vencellada á identidade cultural galega. A cativada gozou coa busca das cañas, das flores e descubrindo a montaxe en cada un dos seus pasos ao tempo que os maiores uniron forzas para completar un maio ben fermoso que loce xa na praza do Concello.

Maios2

Debido a inestabilidade meteorolóxica o xantar veciñal trasladouse ao Centro Social, onde o grupo deu boa conta tanto dos aperitivos aportados polo Concello como da comida que moitos achegaron da casa.

Maios3

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, o público gozou do espectáculo “Os Monifates”, no que Alberto Millán e Xosé Piñeiro ofreceron unha función de marionetas danzantes acompañada de música en directo, que fixo as delicias de cativos e de maiores.

Maios4

Desde o Concello da Baña destacouse a boa participación da veciñanza e a boa acollida dunha festa que logrou combinar o espírito festivo coa posta en valor das tradicións galegas.

A Festa dos Maios cumpriu co obxectivo de promover a identidade local e o encontro interxeracional.

Maios5