• A campaña “A auga non é infinita. Consúmea con cabeza” ten como obxectivo concienciar a toda a veciñanza

    campaña auga A Baña web

    O impacto do cambio climático en Galicia xa non é unha ameaza futura, senón unha realidade urxente. Basta con mirar o estado dos ríos, encoros e acuíferos para comprobar como as ondas de calor adiantadas, as secas máis longas do habitual e a irregularidade das precipitacións están a poñer en risco un recurso que sempre demos por garantido.

    Ante este escenario, o Concello da Baña e Espina & Delfín poñen en marcha, un ano máis, a súa campaña de consumo responsable de auga, baixo o lema “A auga non é infinita. Consúmea con cabeza”.

    Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo municipal de auga, traballa en estreita colaboración co goberno local nesta iniciativa. Así, combinaranse materiais informativos e canles de comunicación dixital para que a mensaxe de aforro chegue á veciñanza coa maior proximidade posible.

    A campaña pon o foco en que ningunha acción individual é pequena cando se trata de aforrar e protexer o ciclo integral da auga. Por iso, máis alá da teoría, apóstase por trasladar pautas moi sinxelas e fáciles de aplicar no día a día. No fogar, pecha a billa mentres enxaboas os pratos ou os dentes, escolle a ducha fronte ao baño, e que non se alongue máis do necesario, e usar lavadoras e lavalouzas a carga completa. É importante tamén revisar as instalacións domésticas ou instalar aforradores de caudal para evitar os litros que se perden co goteo.

    Encher a piscina, lavar o coche ou regar o xardín son hábitos frecuentes nesta época, pero convén facelos con responsabilidade: evitar as horas de máis calor, aproveitar mellor cada litro e reducir os usos que non sexan necesarios. E se marchamos de vacacións e a vivenda queda baleira, deberíamos pechar a chave de paso para evitar fugas e sobresaltos mentres non hai ninguén para detectalos.

    Porque coidar a auga tamén depende desas pequenas decisións que, sumadas, axudan a protexer un recurso cada vez máis valioso e vulnerable.
    • O paquete de investimentos inclúe obras en vías municipais e a adquisición dun novo vehículo para Servizos Sociais


WEB

 

O Concello da Baña continúa avanzando na execución do plan de investimentos previsto para este ano 2026 coa licitación dun novo paquete de actuacións por un importe global de 635.379,20 euros (IVE incluído), destinado á mellora da rede viaria municipal e ao reforzo dos servizos públicos.

Este novo bloque de investimentos forma parte da estratexia impulsada polo goberno local para seguir modernizando as infraestruturas municipais e dar resposta ás necesidades da veciñanza, mellorando tanto as comunicacións entre os distintos núcleos como os recursos destinados á atención social.

A maior parte do investimento destínase á mellora de varias estradas do concello. A partida máis elevada corresponde ás obras na vía entre o límite municipal e Vilacoba, na parroquia de Troitosende, cun orzamento de 242.653,80 euros. Unha actuación que permitirá mellorar de forma significativa a seguridade e a comodidade da circulación nesta zona do municipio.

Entre as actuacións licitadas neste eido tamén se atopan a mellora da estrada entre Vilar de Suso e o límite municipal, cun orzamento de 104.961,82 euros, así como a actuación nos accesos a Agra de Cabanas, dotada con 71.759 euros.

Así mesmo, inclúese a mellora das estradas de Busto, cun investimento de 65.640,52 euros, e as obras previstas nas de San Cibrán, cun importe de 95.639,30 euros.

Ademais destas actuacións en infraestruturas, o Concello tamén acaba de de licitar a adquisición dun novo vehículo destinado aos Servizos Sociais municipais, cun investimento de 54.724,76 euros, co obxectivo de reforzar os recursos dispoñibles para a atención á cidadanía e para mellorar a prestación deste servizo esencial.

Dous millóns de investimento en 2026

Este novo paquete de licitacións dá continuidade ao ambicioso plan de investimentos impulsado polo Concello da Baña durante o ano 2026, que prevé a execución de actuacións por valor de dous millóns de euros en diferentes parroquias do municipio.

“Seguimos avanzando na execución dos compromisos adquiridos coa veciñanza, impulsando investimentos que permiten mellorar as comunicacións e reforzar os servizos públicos”, destaca o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil. Que engade: “O noso obxectivo é continuar actuando de forma equilibrada nas distintas parroquias e responder ás necesidades reais do municipio cunha xestión responsable e eficaz dos recursos públicos".

Con estas actuacións, o Concello da Baña reafirma a súa aposta por un modelo de investimento sostido que permita continuar mellorando as infraestruturas municipais, favorecer a cohesión territorial e ofrecer uns servizos públicos cada vez máis modernos e eficientes.

 

WhatsApp Image 2026 06 05 at 15.51.35

 

29 de xuño de 2026

O Concello da Baña fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas para participar no Campamento Xuvenil de Verán 2026. A resolución pode consultarse no arquivo adxunto.

As persoas admitidas dispoñen de 7 días naturais para realizar o pagamento da actividade e presentar o correspondente xustificante, ben sexa presencialmente en Servizos Sociais ou no Rexistro xeral do Concello; ben a través da sede electrónica municipal.

 

19 de xuño de 2026

Faise pública a listaxe provisional de persoas admitidas e excluidas para participar no Campamento Xuvenil de Verán do Concello da Baña 2026.

A resolucion da alcaldía pode consultarse no documento adxunto

 

 

5 de xuño de 2026

  • A actividade, dirixida a mozas e mozos de 12 a 18 anos, desenvolverase do 13 ao 31 de xullo no Local Social de San Vicenzo

  • O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 17 de xuño e as prazas están limitadas a un total de 20 participantes

  • O programa inclúe actividades educativas, culturais e de fomento de valores, con bonificacións especiais nas taxas para familias con menos recursos

 

O Concello da Baña, a través Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, abre a convocatoria para o Campamento Xuvenil de Verán 2026. Este programa, consolidado como un espazo para a conciliación e o ocio educativo no municipio, ofrecerá á mocidade un amplo abano de actividades lúdicas, sociais e culturais durante o mes de xullo.

O campamento está dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. As actividades levaranse a cabo entre os días 13 e 31 de xullo, en horario de mañá (de 09.00 a 14.00 horas), tendo como sede principal o Local Social de San Vicenzo da Baña, aínda que tamén se fará uso doutras instalacións municipais como o pavillón ou a axencia de lectura.

Inscricións e criterios de acceso

O prazo para apuntarse xa está aberto e as familias interesadas terán ata o vindeiro 17 de xuño para presentar as súas solicitudes. Estas deberán entregarse asinadas polos proxenitores ou titores legais a través do Rexistro Xeral do Concello ou de xeito telemático na Sede Electrónica (https://sede.concellodabana.gal/).

O campamento conta cun total de 20 prazas. No caso de que a demanda supere a oferta, as bases establecen un sistema de prioridades que prima, en primeiro lugar, ás familias totalmente empadroadas na Baña, seguido dos fillos/as do persoal municipal e, por último, de mozos non censados. De ser necesario, realizaríase un sorteo público.

Prezos públicos e bonificacións sociais

As tarifas están reguladas segundo a ordenanza fiscal do municipio. Para as persoas empadroadas, o prezo do primeiro fillo/a será de 60 €, 48 € para o segundo e 30 € a partir do terceiro. No caso de non censados, os prezos van desde os 90 € ata os 45 €.

Ademais, cun marcado carácter social, o Concello contempla bonificacións especiais (reducindo a taxa á metade: 30 €, 24 € e 15 € respectivamente) para aquelas familias empadroadas cuxos ingresos non superen dúas veces o IPREM, previo informe dos Servizos Sociais.

O pago da taxa deberase realizar nos sete días naturais posteriores á publicación da listaxe definitiva de admitidos.

Desde o Concello da Baña lémbrase que toda a documentación necesaria (ficha de inscrición, tarxeta sanitaria e anexos médicos e de autorizacións) xa está dispoñible para a súa descarga na web municipal.

Consulta as bases e descarga o formulario de inscrición nos documentos adxuntos. 

Para máis información:

  • Concello da Baña - Servizos Sociais
  • Teléfonos: 981 886 501 / 981 886 516
  • Correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

O Concello da Baña pon en marcha un proceso de participación pública para recoller achegas e opinións arredor da futura Ordenanza Reguladora da Escola Municipal de Música. Esta iniciativa pretende implicar a veciñanza e as entidades interesadas na elaboración dunha norma reguladora dos prezos deste servizo.

Con esta normativa búscase dotar a Escola Municipal de Música e Tradicional dun marco propio e específico de regulación dos prezos públicos, xa que na actualidade estes atópanse integrados na ordenanza xeral de prezos públicos por actividades culturais e deportivas, sen contemplar as particularidades propias do servizo.

Os obxectivos desta iniciativa regulatoria son:
• Regular de forma autónoma os prezos públicos da Escola Municipal de Música e Tradicional do Concello da Baña.
• Establecer as cotas correspondentes ás distintas especialidades e servizos ofertados.
• Regular a matrícula, forma de pagamento e réxime de liquidación.
• Garantir a seguridade xurídica e a transparencia na xestión económica do servizo.
• Mellorar a organización e xestión administrativa dos ingresos vinculados.
• As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O procedemento foi aprobado por decreto da Alcaldía o 26 de xuño de 2026 e estará aberto durante un prazo de 10 días hábiles desde a publicación do anuncio na web municipal, finalizando o prazo de achegas o vindeiro luns, 13 de xullo, ás 23.59 horas.

As contribucións deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello da Baña, empregando o formulario habilitado para documentación complementaria (prema nesta ligazón). No campo “código de expediente” será preciso indicar: 2026/G013/00005.

Desde o Concello da Baña anímase a cidadanía a participar activamente neste proceso. No documento adxunto pode consultarse o anuncio completo da consulta pública.

 

  • A nova torre de telecomunicacións de Retegal xa está plenamente operativa e ofrece servizos de voz e datos de alta velocidade a través da rede de Vodafone

  • O Concello xa solicitou que outras operadoras poidan prestar servizo desde esta instalación para ampliar as opcións dispoñibles para a veciñanza 

20260622 torre teleco

As parroquias de Lañas e Cabanas contan xa cunha mellora substancial nas súas comunicacións grazas á entrada en servizo da nova torre de telecomunicacións instalada por Retegal, que permite ofrecer cobertura móbil de voz e datos 5G en zonas que ata o de agora presentaban importantes carencias neste ámbito.

A instalación, que xa se atopa plenamente operativa tras superar o correspondente período de probas, presta servizo a través da rede de Vodafone e de todas aquelas compañías que empregan esta infraestrutura para a prestación dos seus servizos.

Este despregamento supón un avance moi significativo para a veciñanza das parroquias de Lañas e Cabanas, ao posibilitar por primeira vez o acceso a servizos de comunicación móbil e internet de alta velocidade en condicións equiparables ás das contornas urbanas, tanto no interior como no exterior dos fogares.

A posta en funcionamento desta infraestrutura dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza e contribúe a reducir a fenda dixital existente entre o rural e os núcleos urbanos. A nova cobertura permitirá acceder con maiores garantías a servizos dixitais, realizar trámites electrónicos, facilitar o teletraballo, a formación en liña e mellorar as comunicacións persoais e profesionais da poboación residente.

Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para mellorar a cobertura móbil no rural galego, ao que está adherido o Concello da Baña.

Xestións para ampliar os servizos dispoñibles

Co obxectivo de acelerar a chegada deste servizo, o goberno municipal realizou diversas xestións ante Amtega para trasladar a necesidade de actuar nas zonas con maiores déficits de cobertura do municipio. Entre elas figurou a reunión mantida polo alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e o concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Pena, co director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, para abordar a situación das parroquias de Lañas, Cabanas e A Riba.

O Concello da Baña colaborou activamente no desenvolvemento do proxecto mediante a identificación das zonas afectadas e a posta á disposición dos terreos e infraestruturas necesarias para facer posible o despregamento da rede.

Ademais, desde a administración local xa se solicitaron as actuacións necesarias para que outras operadoras de telefonía móbil poidan prestar servizo a través desta nova instalación, ampliando así as alternativas dispoñibles para a veciñanza e aproveitando ao máximo as capacidades da infraestrutura recentemente posta en funcionamento.

A mellora das telecomunicacións constitúe un elemento fundamental para reforzar a competitividade do rural, favorecer a fixación de poboación e garantir a igualdade de oportunidades entre toda a cidadanía.