• A edición máis participativa ata o momento reuniu 55 parellas e obrigou a ampliar a competición desde o xoves ata a madrugada do domingo

  • A organización procurou que todas as parellas xogasen un mínimo de dous ou tres partidos, favorecendo unha maior participación

  • O alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, participaron na entrega de premios aos finalistas

 

20261019 V Torneo de Padel A Banha 4

O V Torneo de Pádel A Baña pechou esta pasada fin de semana cun balance moi positivo tanto no deportivo como no participativo. A cita, organizada polo Concello e disputada nas pistas de Lañas, reuniu 55 parellas e deixou un total de 78 partidos, desenvolvidos ao longo de catro xornadas, desde o xoves 15 ata pasada a medianoite do domingo 18 de outubro.

A elevada participación obrigou a ampliar o calendario inicialmente previsto e a adiantar o inicio da competición ao xoves. O esforzo organizativo permitiu encaixar unha programación moi intensa e, ao mesmo tempo, cumprir cun dos obxectivos marcados nesta edición: que todas as parellas puidesen disputar como mínimo dous ou tres partidos, garantindo así unha maior participación e máis tempo de xogo para as persoas inscritas.

O torneo desenvolveuse nun gran ambiente de deportividade, compañeirismo e convivencia, tanto dentro como fóra das pistas, confirmando o crecemento dunha cita que xa está plenamente consolidada no calendario deportivo municipal.

Na organización do torneo participou o técnico de Deportes da Baña, Adrián Vázquez, e tamén Daniel Guzmán, monitor de pádel das Escolas Deportivas Municipais da Baña, cuxo traballo resultou fundamental para a coordinación dos cadros, horarios e encontros ao longo das catro xornadas.

Así quedaron os resultados por categorías:

Iniciación masculina
1º posto: Beto e Pepiño
2º posto: Jon e José R.

3ª feminina
1º posto: Elena e Renata
2º posto: Alba e Nuria

2ª mixta
1º posto: Borja e Cristina
2º posto: Tito e Loreto

3ª masculina
1º posto: Jacobo e Julio
2º posto: Xoán e Nico

3ª mixta
1º posto: Cristina e Juancar
2º posto: Renata e Pablo I.

2ª masculina
1º posto: Daniel Guzmán e Víctor O.
2º posto: José E. e Enric G.

As parellas finalistas recibiron premios, mentres que todas as persoas participantes contaron tamén cun agasallo de benvida.

20261019 V Torneo de Padel A Banha 1

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, achegáronse ás pistas de Lañas e participaron na entrega de premios, acompañando os deportistas no peche dunha edición que volveu superar as cifras de participación de anos anteriores.

Desde o Concello da Baña queren agradecer o comportamento, a colaboración e a comprensión de todas as persoas participantes ante a complexidade organizativa que supuxo encaixar un número tan elevado de encontros, así como o traballo de todas as persoas implicadas na organización.

O éxito desta quinta edición reforza a aposta municipal pola promoción da actividade física, os hábitos de vida saudables e a convivencia a través do deporte, e consolida o Torneo de Pádel A Baña como unha das citas deportivas con maior capacidade de convocatoria do municipio.