O Concello da Baña publicará nos próximos días no Boletín Oficial da Provincia da Coruña a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego de persoal de atención (técnico/a) da Escola Infantil Municipal, en réxime de persoal laboral temporal.
Esta bolsa permitirá atender as necesidades do servizo e cubrir posibles baixas, acumulacións puntuais de tarefas ou outras circunstancias que requiran unha contratación inmediata. A convocatoria responde tamén á ampliación das instalacións e da capacidade da Escola Infantil Municipal de cara ao próximo curso escolar.
Co obxectivo de facilitar ás persoas interesadas a preparación da documentación e do temario, o Concello adianta as bases e a convocatoria a través da sede electrónica municipal.
O sistema de selección será o de concurso-oposición. Poderán participar as persoas que conten coa titulación de licenciatura en Pedagoxía ou Psicopedagoxía, mestrado coa especialidade en Educación Infantil ou equivalente, ou título de técnico/a superior en Educación Infantil ou equivalente, ademais dos demais requisitos recollidos nas bases.
O prazo para presentar as solicitudes será de sete días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP da Coruña.
As persoas interesadas poden consultar as bases completas, a documentación necesaria e o temario na sede electrónica do Concello da Baña, nesta ligazón, e no arquivo adxunto a esta nova.