Escola Musica Deputacion Coruna copia

A Escola de Música e Música Tradicional do Concello da Baña é un servizo que ten a función de ofertar, achegar e promover a aprendizaxe musical para toda a poboación do concello da Baña.

Está dirixido á poboación xeral, a partir dos tres anos de idade.

As actividades levadas a cabo son de índole educativa e cultural, fomentando valores transversais como a confianza, a cooperación; así como o respecto persoal e colectivo promovendo o completo desenvolvemento da crianza.

A súa actividade desenvólvese nos meses de setembro a maio, ámbolos dous incluídos.

O departamento de cultura, responsable do programa, é o encargado da valoración e o deseño das características da prestación do servizo así como o responsable da súa supervisión. Polo tanto, establécese unha coordinación periódica entre o departamento de cultura, o persoal municipal e o persoal contratado.

 

Obxectivos do instrumento

  • Controlar o aire mediante a respiración diafragmática e os músculos que forman a embocadura para unha correcta emisión, afinación, articulación e flexibilidade do son.
  • Saber utilizar os reflexos de precisión necesarios para corrixir a afinación das notas e a calidade do son.
  • Coñecer as características e as posibilidades sonoras do instrumento e saber utilizalas, tanto na interpretación individual como en conxunto.
  • Demostrar unha sensibilidade auditiva para o control da afinación e o perfeccionamento do son.
  • Emitir un son estable, en toda a extensión do instrumento, e empezar a utizar o vibrato e os diferentes matices.
  • Interpretar un repertorio básico integrado por obras de diferentes épocas e estilos.

Obxectivos do grao

  • Ser conscientes da importancia da música como linguaxe artística e medio de expresión cultural.
  • Expresarse con sensibilidade musical e estética para interpretar e gozar da música das diferentes épocas e estilos.
  • Interpretar en público, con seguridade en si mesmos, para vivir a música como medio de comunicación.
  • Interpretar música en grupo e habituarse a escoitar outras voces ou instrumentos.
  • Ser conscientes da importancia do traballo individual e adquirir as técnicas de estudo que permitan a autonomía no traballo e a súa valoración.
  • Valorar o silencio como elemento indispensable para desenvolver a concentración, a educación interna e o pensamento musical.