San Cibrán de Barcala: A igrexa desta parroquia está situada nun val profundo e pechado, co campanario afastado desta e rodeado dunha fermosa carballeira, con carballos centenarios.
San Xoán de Barcala: Destacan a igrexa parroquial e o seu cruceiro, o pazo de Cores e, por suposto, a escola unitaria, edificio construído no seu día coas achegas dos emigrantes en Cuba.
Santa María de Ordoeste: Situada no centro xeográfico do val de Barcala, ofrécenos a fermosa estampa do seu conxunto relixioso co cruceiro e cunha igrexa barroca na que destaca a torre neoclásica.
San Cristovo de Corneira: Destacan a igrexa parroquial, de finais do s. XVIII, coa súa capela maior do s. XIX e o seu cruceiro. Outra construción representativa atópase na aldea de Ferraces, un pazo co seu pombal, hoxe en día en estado ruinoso, pero que conserva o corredor cuberto, as portas, os arcos e o escudo.
San Mamede de Suevos: A igrexa parroquial é de estilo neoclásico, construída no período de finais do s. XVIII a mediados do s. XIX.
San Salvador da Ermida: Destaca a capela das Neves e dignos de visitar son tamén os interesantes hórreos que se conservan de tipo xalleiro.
San Xoán da Riba: Petróglifos nas aldeas de Carballeira e Ferreiros e o conxunto de mámoas de Ferreiros testemuñan a pegada dos antigos poboadores destas terras. Na igrexa parroquial, orixinariamente románica, poden apreciarse os estilos barroco e neoclásico.
San Miguel de Cabanas: A igrexa, de estilo ecléctico, ten unha fachada barroca similar á de S. Fructuoso de Santiago, cunha torre inspirada nas compostelás. Posteriormente construiuse a casa reitoral que deu lugar a un conxunto parroquial de gran beleza.
Santa Mariña do Barro: Nesta parroquia está o pico máis alto do municipio, o de Santa Mariña, no cumio do cal houbo antigamente unha capela, hoxe derrubada e substituída por unha cruz. Podemos admirar o pazo de Leis, do s. XVI, en bo estado de conservación.
Santa Cristina de Marcelle: Dos seus monumentos destácase a igrexa do s. XVII, cun estilo marcadamente barroco, e un pombal na casa reitoral, de planta rectangular que rompe co modelo barcalés.
Santa María de Troitosende: A prehistoria deixou o seu sinal na presenza do castro e de varios restos, hoxe expostos no Museo de Pontevedra, como estelas funerarias celtas. Na igrexa existen restos do románico no muro sur da capela maior, pero o resto da obra está entre o barroco e o neoclásico.
Santa Baia de Lañas: É unha das parroquias máis antigas do concello, citada xa en documentos do ano 868. Como edificacións hai que destacar a súa igrexa, con varios estilos que van do románico ao neoclásico pasando polo barroco e a capela de Santo Antón, na aldea de Vilar da Torre, coa súa fermosa carballeira.
San Pedro de Fiopáns: A arquitectura relixiosa amosa a súa xoia coa igrexa parroquial de estilo barroco do s. XVIII; destaca nela a presenza de varios escudos de armas, testemuñas da estreita vinculación desta parroquia coas familias nobres da época. Podemos gozar do descanso e da tranquilidade da súa paisaxe na área recreativa recentemente creada á beira do río Tambre.
San Mamede de Monte: Desta parroquia xa se fai referencia no ano 988. A igrexa parroquial sufriu varias transformacións, sobre todo dende o 1594, de aí a presenza de estilos que van dende o gótico tardío ata o manierista. Destaca tamén a capela da Virxe da Peregrina de Ceilán, sita nunha fermosa carballeira. Hai que citar tamén a presenza de "casonas" como a de Santiso e a de Antelo.
San Vicenzo da Baña: Recibiu o título de vila no s. XIX. Conta cunha igrexa parroquial na aldea do Castro de tipo monumental, cun reloxo de sol no seu lateral e cun cemiterio custeado polos Fillos da Baña residentes na Habana, do s. XIX. Destacar tamén a Obra Pía no centro urbano. Para descansar, a área recreativa de Chans, ás beiras do río Albariña.