- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 3113
-
A veciñanza recollerá os rótulos nas dependencias municipais e poderá consultar o número asignado ao seu inmoble no visor dixital
-
O sistema facilitará a localización das vivendas aos servizos de emerxencia e aos de correo postal e paquetería
-
Nas vindeiras semanas anunciaranse as seguintes parroquias incluídas na distribución

O Concello da Baña dá un novo paso na modernización dos servizos á veciñanza coa posta en marcha da nova numeración municipal. O goberno local xa dispón das placas para iniciar unha primeira entrega que abrangue once parroquias, con recollida nas dependencias municipais en horario de luns a venres de 08.00 a 15.00 horas.
Esta primeira distribución abrangue San Vicenzo da Baña, Santa María de Ordoeste, Sanamede do Monte, Santa Baia de Lañas, San Pedro de Fiopáns, Santa María de Troitosende, Santa Cristina de Marcelle, Santa Mariña do Barro, San Miguel de Cabanas, Sanamede de Suevos e San Xoán da Riba. O Concello daralles a coñecer nas vindeiras semanas as datas e os puntos de entrega das parroquias restantes.
A medida forma parte do proxecto de Numeración Dixital Municipal, destinado a actualizar os enderezos e identificar de maneira inequívoca as vivendas, os establecementos comerciais e as edificacións industriais, entre outros inmobles.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, explica que a medida nace “co fin de facilitar o labor dos servizos de emerxencia, no caso de que sexan precisos, e mellorar a localización para a entrega de correo postal e paquetería”.
Consulta do número asignado e indicacións para a colocación
As persoas interesadas poden comprobar o número que lles corresponde a través do visor dixital, dispoñible na seguinte ligazón: https://eibisa.github.io/num15007/index.html
A placa deberá instalarse no exterior, nun lugar visible e accesible, a unha altura máxima de dous metros. Cando a numeración antiga non coincida coa nova asignada, será necesario retirala para evitar confusións.
Esta sinalización física compleméntase cunha plataforma baseada nun sistema de información xeográfica, que permite consultar os enderezos e a súa localización.
Financiamento para a transformación dixital do rural
O Concello obtivo unha subvención para desenvolver esta iniciativa, orientada a mellorar o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación e favorecer o seu uso no medio rural. A captación destes recursos permite impulsar unha actuación con aplicación directa na vida diaria da poboación.
A axuda está cofinanciada no marco da intervención Leader do PEPAC 2023-2027, xestionada a través do GDR Terras de Compostela, e contribúe aos obxectivos da política de desenvolvemento rural da Unión Europea.
- Detalles
- Escrito por Juan Martínez
- Categoría: novas
- Visto: 2714
-
A Conta Xeral do exercicio 2025, aprobada cos votos do equipo de goberno, deixa un remanente positivo de tesourería de 340.306 euros para gastos xerais
A Corporación da Baña aprobou por unanimidade no Pleno ordinario deste 30 de setembro a ordenanza reguladora do impulso do uso da lingua galega, que pode consultarse no arquivolta adxunto. Cos votos a favor do equipo de goberno, e a abstención da oposición, aprobouse a Conta Xeral do exercicio 2025.
O Concello da Baña conta xa cunha ordenanza para impulsar o uso do galego no municipio, aprobada inicialmente onte co respaldo de toda a Corporación. A normativa parte do texto aprobado en 2022 e que non se chegou a implantar. Contempla a actualización da lexislación vixente, como o Plan Xeral da Lingua Galega e os cambios rexistrados este mesmo ano no Nomenclátor de Galicia que afectan a algúns topónimos do municipio, segundo explicou a tenente de alcalde, Mónica González.
No caso da Baña, a revisión do Nomenclátor de Galicia realizada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega este mesmo ano, inclúe cambios nalgúns topónimos, que xa aparecen recollidos no artigo 19 desta organizando. Así, a forma San Mamede da parroquia de Suevos establécese como Sanamede; Pao de Raposo (San Xoán) establéce como O Pau do Raposo; Estibadiña (San Pedro) para a ser Estivadiña; Outeiro (Santa Cristina) dise agora O Outeiro, e Rial (Santa María) pasa a chamarse O Rial.
Para redactar esta ordenanza, o Concello xa fixera unha consulta pública, como indicou o alcalde no Pleno. Agora establécese un período dun mes de exposición pública, por si algunha persoa ou colectivo quere presentar alegacións, antes da súa aprobación definitiva.
No Pleno ordinario de setembro tamén se aprobou a Conta Xeral correspondente ao exercicio económico 2025. O pasado ano, o concello tivo un resultado orzamentario positivo de 137.384, 10 euros, o que eleva o remanente positivo de tesourería para gastos xerais ata os 340.306,97 euros.
A Conta Xeral foi aprobada cos votos a favor de PSdeG (5) e BNG (1) e a abstención do PP (5).

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 2768
-
Rubén Martínez e Eva de la Fuente venceron no trail medio, mentres que Adrián Sesar e Lucía Taboada encabezaron o curto
-
O Concello agradece o traballo do voluntariado, do técnico de Deportes Adrián Vázquez e de Protección Civil, así como a participación dos deportistas e a colaboración das entidades e empresas implicadas

O IX Trail da Baña celebrouse este domingo cun récord de 394 persoas inscritas na súa primeira edición dentro da Serie Ouro da Federación Galega de Atletismo. Marcos Castro Moura e María Frey López impuxéronse na distancia longa dunha cita que reuniu tres modalidades de trail e unha andaina non competitiva.
Das persoas anotadas, 44 correspondían ao trail longo de 28 quilómetros; 103, ao medio de 18 quilómetros; 114, ao curto de 8 quilómetros; e 133, á andaina, tamén de 8 quilómetros. Todas as probas tiveron a saída e a chegada no pavillón municipal de deportes.
O alcalde, José Antonio Pereira Gil; a concelleira de Deportes, Ana Pensado; e o concelleiro Álvaro Silva animaron os corredores desde a saída e participaron na entrega de premios.

Os podios das tres distancias
Marcos Castro Moura gañou o trail longo cun tempo de 1:55:56, seguido de Manuel Pais (1:59:23) e Andrés Flórez (2:04:02). Na clasificación feminina, María Frey acadou a vitoria cun rexistro de 2:21:21, por diante de Lucía Peon (2:24:45) e Beatriz Barroso (2:27:03).

No trail medio, Rubén Martínez foi o primeiro en cruzar a meta, con 1:16:32. Completaron o podio David Seage e Miguel Montero, ambos cun tempo de 1:19:43. Eva de la Fuente encabezou a clasificación feminina con 1:47:00, seguida de Ángeles Iglesias (1:53:38) e Isabel Pereira (1:56:59).

Adrián Sesar, do Club Atletismo Pino, impúxose no trail curto con 40:36. Diego Ferreira, da Sociedad Deportiva Compostela Atletismo, foi segundo (43:03), e Alex Carrasco, do Club Triatlón Inforhouse Santiago, terceiro (44:54).

Na categoría feminina desta distancia venceu Lucía Taboada, da Sociedad Deportiva Compostela Atletismo, cun rexistro de 49:05. A segunda posición foi para Noa Bacariza, de Atletismo Fontes do Sar (54:31), mentres que Judit Barros, de Atletismo +9 Moraña, completou o podio (55:10).

Equipos e deportistas locais
O Club de Montaña Xesteiras liderou a clasificación por equipos do trail longo, con 9 puntos. O Club Deportivo Biosbardo ocupou a segunda posición e o Club Deportivo Brión Hyupersa, a terceira, ambos con 20 puntos.
Atletismo Fontes do Sar foi o equipo con máis atletas en meta no conxunto das carreiras, con dez, seguido do Club Deportivo Brión Hyupersa, con oito, e do Club de Montaña Xesteiras, con sete.
Entre os participantes locais, José Manuel García foi o primeiro clasificado do trail longo, cun tempo de 2:28:07. No medio, o podio masculino da Baña estivo formado por Adrián Darriba (1:41:39), Antonio Barreiro (1:46:30) e Iván Pensado (1:51:06). Sandra Rodríguez encabezou a clasificación local feminina, con 2:19:31.
Os vencedores por categorías
No trail longo, Rubén Iglesias e Antía Goberna venceron na categoría sénior; Darío Arias e Tere Dieste, en máster 1; e Juan Rivas e Raquel Estévez, en máster 2.
No medio, Hugo Calvo e Ángela Cambón gañaron en sénior, mentres que Óscar Guerra e María Jesús Rodríguez ocuparon os primeiros postos de máster 1. Emilio José Ferreiro foi o vencedor de máster 2 masculina.
Nas categorías de base, os triunfos corresponderon a Martín Demetrio Villar e Noa Bacariza en sub-16; Diego Ferreira e Lucía Taboada en sub-18; e Adrián Sesar e Lidia Grimal en sub-20.
Estrea na máxima categoría do calendario galego
A incorporación á Serie Ouro supuxo que os resultados multiplicasen por cinco a puntuación para o ranking da Federación Galega de Atletismo, que se ten en conta para a confección da Selección Galega de Trail Running. A cita foi tamén unha das catro probas desta categoría puntuables para o Ranking Anual de Clubs nas distancias longa e promocional de 8 quilómetros e desenvolveuse baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces.

Este paso dá continuidade á evolución do Trail da Baña, recoñecido co Premio á Mellor Xestión Ambiental de 2025 na II Gala do Trail Running do Atletismo Galego.

A xornada contou tamén cunha proposta gastronómica no pavillón de San Vicenzo: Sabor e tradición con showcooking, do programa Experiencias 2026 de Terras de Santiago, con José M. Mallón e unha degustación de filloas da pedra.

Agradecemento ao traballo compartido
O Concello da Baña agradece especialmente a implicación do voluntariado, o traballo do técnico municipal de Deportes, Adrián Vázquez, e a colaboración de Protección Civil na preparación e no desenvolvemento da xornada. Destaca tamén a contribución do club BJ Trainers & Co. á organización e o apoio de Gadis, Clun e Ternera Gallega.
O recoñecemento esténdese aos deportistas, ás persoas participantes na andaina e ao público que se achegou para animar, parte fundamental dunha edición que combinou competición e participación veciñal.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 2733
- A competición amplíase este ano a tres xornadas e disputarase do venres ao domingo nas pistas de Lañas
- A inscrición, dirixida a persoas afeccionadas maiores de 10 anos, estará aberta ata o martes 13 de outubro ás 23.59 horas

Animado pola boa acollida das edicións anteriores, o Concello da Baña celebrará o V Torneo de Pádel A Baña os próximos días 16, 17 e 18 de outubro nas pistas de Lañas. De feito, a competición amplíase así este ano a tres xornadas, unha máis que nas edicións anteriores ao disputarse tamén o venres, a maiores de na fin de semana. A participación está dirixida principalmente a xogadores e xogadoras afeccionados/as maiores de 10 anos.
As inscricións poderán facerse ata o martes 13 de outubro ás 23.59 horas, chamando ao teléfono 633 499 635 (Dani).
O V Torneo de Pádel A Baña contará cun total de oito categorías: segunda masculina, feminina e mixta; terceira masculina, feminina e mixta; iniciación masculina e iniciación feminina. Cada categoría deberá reunir un mínimo de catro parellas inscritas para poder disputarse. A Dirección Técnica poderá subir de categoría aquelas parellas que o soliciten ou que, polo seu nivel de xogo, non se correspondan coa categoría na que se anotaron.
A inscrición ten un custo de 10 euros por participante. Aquelas persoas que participen en dúas categorías pagarán 15 euros e, se compiten en tres, o prezo será de 22 euros.
Os partidos disputaranse ao mellor de tres sets, con tie-break a sete puntos en caso de empate a seis xogos e con sistema de punto de ouro. O comité de competición facilitará o cadro e os horarios do torneo 48 horas antes do inicio. No caso de non poder xogar o partido na hora asignada, os/as participantes deberán comunicalo ao comité de competición para valorar posibles modificacións.
As bases completas do V Torneo de Pádel A Baña poden consultarse no arquivo adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 2390
-
A renovación da estrada, executada en tres fases cun investimento total de preto de 645.000 euros, mellora a seguridade e facilita os desprazamentos diarios da veciñanza da Baña e da comarca
-
O alcalde e o concelleiro de Obras visitaron os treitos Lañas–O Pazo e O Pazo–límite municipal, cuxo remate completa a intervención

O Concello da Baña completou a renovación da estrada que comunica Vilar da Torre co límite municipal con Val do Dubra, unha das principais vías internas de comunicación do municipio. O remate das obras entre Lañas e O Pazo e entre O Pazo e o municipio veciño culmina unha intervención desenvolvida en tres fases, cun investimento global de preto de 645.000 euros, destinada a mellorar a seguridade e facilitar os desprazamentos nunha estrada de uso habitual para a veciñanza da Baña e da comarca.
A importancia destas obras reside tanto na renovación do firme como na función que cumpre esta vía: conectar os núcleos polos que transcorre e facilitar a comunicación con Val do Dubra. Coas tres fases finalizadas, a mellora abrangue todo o percorrido desde Vilar da Torre ata o límite municipal, dando continuidade aos treitos renovados.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e o concelleiro de Obras, Jesús Manuel Pena, visitaron onte as dúas últimas actuacións rematadas. Aínda que corresponden a licitacións distintas, ambas as obras foron executadas conxuntamente pola empresa Excavaciones Yoni Tuñas S. L.
A intervención entre Lañas e O Pazo contou cun investimento de 299.999,98 euros, financiado pola Deputación da Coruña. Pola súa banda, a mellora do treito entre O Pazo e o límite municipal con Val do Dubra supuxo 94.902,72 euros. Estas dúas actuacións suman 394.902,70 euros.
Unha mellora completa dunha infraestrutura básica para o rural
As obras agora finalizadas dan continuidade á renovación realizada previamente entre Vilar da Torre e Lañas. Para acometer aquela primeira fase, o Concello da Baña e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de cofinanciamento que establecía unha achega provincial de 200.000 euros, equivalente ao 80 % do orzamento previsto inicialmente, de 250.000 euros.
A execución das tres fases permite completar a mellora dunha infraestrutura básica para a mobilidade no rural. O resultado beneficia tanto a veciñanza dos lugares situados ao longo da estrada como as persoas que a empregan habitualmente para desprazarse entre municipios.
Con esta intervención, o Concello da Baña mellora as condicións de circulación nunha vía moi transitada e reforza a conexión entre os seus núcleos de poboación, cunha actuación que repercute directamente na seguridade e na calidade dos desprazamentos diarios.