26 de setembro de 2025

 

Faise pública a resolucion da alcaldia coa aprobación da listaxe provisional de admitidos/excluídos ao proceso para a selección dunha bolsa de emprego de auxiliares administrativos en réxime de persoal funcionario interino.

As persoas aspirantes excluídas teñen un prazo de dez días hábiles para corrixir os defectos que se alude no referido artigo e formular as reclamacións á lista provisional.

A resolucion póde consultarse no documento adxunto ou premendo nesta ligazón

 

29 de agosto de 2025

 

O Concello da Baña aproba a convocatoria e proceso de selección, por concurso-oposición, dunha bolsa de auxiliares administrativos en réxime de persoal funcionario interino.

O posto de persoal funcionario obxecto da convocatoria é o de auxiliar administrativo, grupo C2, e o obxectivo da mesma é cubrir as posibles baixas, permisos e outros supostos. O proceso selectivo terá carácter aberto e garantirá a libre concorrencia mediante concurso-oposición.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

A convocatoria e as bases reguladoras poden consultarse no arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.

  • A entidade provincial aportará un total de 200.000 euros, dous terzos do importe das obras

  • A actuación na CP-0702, de tres quilómetros, dalle continuidade á preparación entre Vilar da Torre e Lañas

O Concello da Baña acometerá o arranxo da estrada que vai de Lañas ao Pazo, grazas a un acordo que asinaron este venres, 4 de xullo, o alcalde José Antonio Pereira e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, na Casa Consistorial bañense. Segundo este acordo, a entidade provincial aportará un total de 200.000 euros, dous terzos do orzamento das obras. O treito que se dotará de novo pavimento é de 3,3 quilómetros e dalle continuidade aos traballos de reparación levados a cabo na mesma estrada CP-0702 entre Vilar da Torre e Lañas.

A estrada CP-0702 é de titularidade municipal, polo que o Concello da Baña se encargará da contratación e da execución das obras. Aportará así mesmo o resto dos cartos necesarios para cubrir os 299.999,98 euros (impostos incluídos) que se calculan como investimento necesario para acometer a reparación do firme.

O presidente da Deputación, Valentín Formoso, destacou tras a firma do convenio que esta actuación servirá para darlle continuidade á xa realizada na mesma estrada entre os núcleos de Vilar da Torre e Lañas, que tamén contou cunha achega provincial de 200.000 euros. Na visita que ámbolos mandatarios realizaron despois á zona xunto coa deputada provincial Mar García Vidal, José Antonio Pereira valorou o apoio da Deputación para o desenvolvemento de proxectos na rede viaria do municipio.

Os traballos que se van desenvolver entre Lañas e O Pazo, onde a estrada conta cun ancho de 6,25 metros, consisten na mellora da capa de rodaxe mediante a aplicación de 5 centímetros de espesor de aglomerado en quente tipo AC16 B50/70. Previamente, repararanse as fochas que existen no firme, o que se prevé que implique arredor do 5 % da superficie total.
Segundo se establece no proxecto de execución, os traballos débense completar nun prazo máximo de tres meses, contado a partir da sinatura da acta de traza de planta das obras.

Preto de catro millóns a través do Plan Único

Ámbolos convenios, que suman unha contribución de 400.000 euros por parte da institución provincial, únense aos 3,9 millóns de euros que, a través do Plan Único, se orzamentaron ao longo dos últimos oito anos para o desenvolvemento de diferentes proxectos de infraestruturas por parte do Concello da Baña. En total, nese período executáronse 46 obras, mentres que outras 8 están agora en tramitación ou desenvolvéndose.

 

A Baña forma parte dun total de oito municipios da provincia da Coruña que participará nun programa piloto da Axencia Tributaria para facilitarlle os trámites da declaración da renda aos habitantes rural e, nomeadamente, ás persoas maiores de 65 anos.

Este novo servizo supón o acompañamento por videochamada das persoas interesadas, que poderán facer a declaración na casa consistorial da Baña cunha atención semellante á presencial pero sen se ter que desprazar ás oficinas da Axencia Tributaria en Santiago ou en Carballo. O Concello da Baña colabora co programa facilitando a instalación no salón de plenos dun equipo para as videochamadas, ademais de poñer persoal municipal á disposición da veciñanza para axudala.

O prazo para pedir as citas ábrese este luns 29 de abril e as declaracións comezarán a facerse a partir do martes 7 de maio. As citas poden solicitarse nos por teléfono chamando ao 91 553 00 71 ou ao 901 22 33 44, e tamén por internet a través da sede electrónica da Axencia Tributaria.

Ademais de na Baña, o servizo prestarase este ano nos concellos coruñeses da Capela, Frades, Irixoa, Lousame, Monfero, Santiso e Toques, todos eles rurais e con menos de tres mil habitantes. En Galicia faranse as videochamadas en 52 municipios.

Dende hoxe, todas as persoas que o desexen poderán solicitar tamén a cita telefónica para facer a declaración da renda nos mesmos teléfonos: 91 553 00 71 ou 901 22 33 44.

Na páxina web da Axencia Tributaria danse a coñecer os requisitos que deben cumprir as persoas interesadas para poder facer a declaración na AET.

Declaración da renda por viodeochamada. A Baña 1

  • O alcalde, José Antonio Pereira, reuniuse co director de Amtega para apremialo a realizar as actuacións necesarias canto antes //

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, visitou onte a sede de Amtega en Santiago para reunirse co director deste organismo, Julián Cerviño, e apremialo a realizar as actuacións necesarias para dotar de cobertura móbil todos os lugares das parroquias da Riba, Lañas e Cabanas.

Nesta xuntanza, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) comprometeuse a axilizar os trámites para a instalación no prazo máis breve posible de dúas antenas 5G, que lles darán cobertura móbil de voz e datos de alta velocidade aos lugares das tres parroquias bañenses que hoxe en día carecen de servizos de telefonía móbil ao non prestalos ningunha das grandes operadoras (Movistar, Vodafone e Orange).

Unha das antenas de nova instalación servirá para darlle cobertura ás persoas afectadas na Riba e a outra levaralle o sinal á veciñanza de Lañas e Cabanas.

A Baña sumouse no seu día ao convenio marco que Amtega asinou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para mellorar a cobertura móbil no rural. O Concello, encargado de identificar que núcleos de poboación teñen cobertura nula, facilitará agora as parcelas onde se construirán as novas torres e a asumirá as acometidas eléctricas necesarias para que funcionen.

A reunión deste martes cos responsables de Amtega foi solicitada polo goberno local ante a demora no cumprimento do convenio. Ademais do alcalde, tamén asistiu o concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Pena.

 

  • As persoas usuarias recibirán en tempo real e por orde cronolóxica todas as mensaxes municipais //

  • O servizo é completamente gratuíto e anónimo; nin administradores nin o resto de usuarios poderán ver os datos dos seguidores //

  • “Apostamos polas posibilidades das novas tecnoloxías para achegarlle a actualidade municipal ao maior número de persoas”, subliña o concelleiro Álvaro Silva //

 

20231215 cartel nova canle whatsapp

 

O Concello da Baña reforza a comunicación coa veciñanza incorporando á súa oferta informativa unha canle de whatsapp na que se compartirán comunicacións de interese como novas, datas e prazos de trámites municipais, a axenda cultural ou mesmo avisos.

Esta información, que o Concello xa vén proporcionando a través da web municipal e os perfís oficiais de Facebook e Instagram, poderá chegar así ao maior número de persoas e, pensando nos maiores, o obxectivo do Concello é achegarlla sobre todo a aquelas con máis dificultades para manexarse no mundo virtual. Outra gran vantaxe da canle de wathsapp é que as persoas usuarias reciban todas as comunicacións e, ademais, por orde cronolóxica.

Para facer uso deste novo servizo, o único que teñen que facer as persoas interesadas é entrar na canle de whatsapp do Concello da Baña premendo nesta ligazón. Unha vez dentro, terán que darlle a ‘Seguir’ na parte superior da pantalla do móbil e é importante tamén que activen as notificacións (na campaíña) para que whatsapp mande avisos cada vez que o Concello da Baña faga unha nova publicación e poder así estar informados en tempo real de todo o que aconteza.

“Esta canle de whatsapp supón dar un paso máis de cara a potenciar a comunicación entre o Concello e a veciñanza apostando polas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías”, subliña Álvaro Silva, concelleiro de Contas, comunicación e novas tecnoloxías, quen incide tamén en que o novo servizo “permitirános achegarlle a actividade municipal ao maior número de persoas dun xeito máis áxil e eficaz”.

Silva explica que o novo servizo da popular aplicación de mensaxería instantánea salvagarda o anonimato das persoas usuarias. As mensaxes están cifradas e os datos e o número de teléfono das persoas que se subscriban non son visibles nin para os demais usuarios nin para os administradores.

Así mesmo, as persoas usuarias non poderán escribir nin facer comentarios, aínda que si poden reaccionar e compartir as publicacións, e poden darse de baixa no servizo en calquera momento.