-
O servizo de telefonía móbil 4G e 5G permitirá aumentar a velocidade de conexión a internet e mellora a cobertura no interior das casas //
LLega 700 será a empresa encargada de solventar os problemas que poidan xurdir na recepción do sinal de TDT cando se implante proximamente na Baña o servizo móbil de nova xeración 4G e 5G. Así llo comunicou a propia empresa ao Concello, ademais de facilitar o número de atención gratuíto 900 833 999 ao que deben chamar as persoas que se vexan afectadas.
Nunha comunicación ao Concello da Baña, llega 700 informou de que o servizo 4G e 5G que se está a implantar no noso municipio opera sobre as bandas de frecuencia de 700 e 800 MHz que utilizaba a televisión dixital terrestre, motivo polo que o sinal de TDT pode verse alterado cando a nova tecnoloxía entre en funcionamento. De ser o caso, a veciñanza afectada poderá chamar gratuitamente ao número 900 833 999 para que un técnico cualificado se desprace ao seu domicilio e solucione o problema sen custo algún.
LLega 700 lembra que a tecnoloxía móbil de nova xeración 4G e 5G permiten ofrecer unha mellor cobertura en interiores, incrementando a velocidade de conexión a internet e a calidade dos servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda.
Toda a información está dispoñible na páxina web www.llega700.es.