• O día de San Vicente, 22 de xaneiro, e o da Virxe das Dores, 9 de setembro, seguirán sendo festivos locais

  • O Pleno aproba o prezo público da Escola Tradicional de Música

  • O servizo de Madrugadores será prestado o vindeiro curso pola Asociación de familias AFA Avania

  • A Corporación gardou un minuto de silencio polo veciño que morreu nun incendio no Barro e polas 13 vítimas do incendio forestal de Almería

 

 

A Corporación da Baña acordou este mércores manter en 2027 como festivos locais o 22 de xaneiro e o 9 de setembro. No Pleno ordinario tamén se aprobou a ordenanza cos prezos públicos da Escola de Música Tradicional e destinar a gasto corrente a maioría da segunda fase do plan adicional do POS+ da Deputación da Coruña. Para o curso 2026-2027 será a Asociación de Familias AFA Avania a que se encargue do servizo de madrugadores nos centros educativos do municipio.

O Pleno comezou cun minuto de silencio por Manuel Francisco Corzón Barreiro, veciño que morreu queimado no incendio no Barro, e polas 13 vítimas mortais dos incendios de Los Gallardos, en  Almería.

A Baña mantense fiel á tradición e os día das festividades de San Vicente (22 de xaneiro) e da Virxe das Dores (9 de setembro) serán festivos locais no municipio, segundo aprobou por unanimidade o Pleno da Corporación celebrado este mércores. 

Na sesión tamén se aprobou a ordenanza reguladora do prezo público da Escola de Música Tradicional da Baña, que ten como finalidade fomentar a formación musical, o desenvolvemento artístico e a participación cultural da cidadanía. A Escola de Música Tradicional ofrece as modalidades de gaita, pandeireta, percusión, canto e solfexo. 

Os prezos públicos recollidos na ordenanza oscilan entre os 80 euros por temporada por participar nunha soa actividade ata os 201 no caso de tres ou mais membros dunha mesma familia na que un dos integrantes participe en dúas ou máis actividades.

A ordenanza recolle un desconto especial para o alumnado da Escola de Música Tradicional que participe, polo menos, en catro das actuacións que o Concello lle solicita á escola. Nestes casos, o alumnado só pagará 30 euros de taxa por curso.

Servizo A Baña Madruga

A Asociación de familias de alumnas e alumnos AFA Avania do CPI San Vicente encargarase a partir do vindeiro mes de setembro de xestionar e organizar o servizo A Baña Madruga, unha proposta que o Concello da Baña puxo en marcha no curso 2023-2024 para favorecer a conciliación familiar e que o alumnado seguise matriculado nos centros educativos do municipio.

Xa durante o último curso escolar, e despois de comezar as clases, estableceuse un acordo entre Concello e AFA Avania, para que a asociación prestase o servizo de madrugadores. Co acordo aprobado no pleno deste 22 de xullo, o Concello da Baña deixa de organizar o servizo A Baña Madruga, ao considerar que existen outras formas de prestación (alleas a municipal) que permiten dar resposta á necesidade das familias dun xeito más eficiente, económico e cunha mellor organización.

A tenente de alcalde, Mónica González, explicou que despois de varias reunións coa AFA Avania, a asociación decidiu asumir a prestación do servizo A Baña Madruga, actividade para a que xa solicitou, e se lle concedeu, unha subvención para o seu financiamento. González Blanco aclarou que o de madrugadores “é un servizo de interese público, polo que, no caso de que a AFA cese na súa prestación, o Concello volvería a organizalo”, asegurou no pleno.

Este punto foi aprobado por unanimidade da Corporación.

A proposta do alcalde, o pleno aprobou incluír de urxencia un punto na orde do día, en virtude do cal se aprobou asinar un convenio de colaboración coa AFA Avania para facer fronte ao custo do servizo de madrugadores durante o último trimestre de 2025. O convenio establece que o Concello pagará 1.581,80 euros á asociación pola prestación do servizo de madrugadores durante os meses de outubro a decembro 2025.

O motivo deste convenio é que a AFA Avania recibiu unha subvención para xestionar o servizo de madrugadores durante o exercicio 2026, “pero quedoulles sen cubrir os gastos de outubro a decembro de 2025”, motivo polo que se levou a pleno a sinatura deste convenio, proposta que foi aprobada por unanimidade.

POS+ adicional para gasto corrente

O alcalde explicou que no plan adicional 2/2026 do POS+ da Deputación da Coruña, o Concello da Baña ten asignados 565.019,40 euros, engadindo que desta cantidade, 230.491,53 euros vanse destinar para mellorar o viario de Nantón ata O Barro. Na segunda fase deste plan adicional, que ascende a 334.527,87 euros, José Antonio Pereira explicou que a proposta do equipo de goberno “é destinar esta partida a gasto corrente e para reducir parte da débeda que temos coa Deputación”.

Por este motivo, o Concello da Baña vai destinar 314.614,88 euros deste plan adicional a gastos correntes para pagar o gasto de alumeado público e de recollida do lixo. Os 19.912,99 euros restantes serán para reducir a débeda coa Deputación pola achega a outros plans executados en anos anteriores.

Con estes 314.000 euros o Concello poderá facer fronte a facturas pendentes de pago a provedores, segundo explicou José Antonio Pereira.

Este punto aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno (6) e a abstención do PP (5).

Pereira Gil pide a dimisión de García Cardeso

Tras dar conta dos decretos da alcaldía e das actas da Xunta de Goberno, o alcalde, Joé Antonio Pereira, solicitou a dimisión do portavoz do Partido Popular, Andrés García Cardeso, por haber utilizado de xeito fraudulento unha tarxeta de mobilidade reducida, que estaba a nome da súa nai xa falecida. 

José Antonio Pereira explicou que no mes de xuño o Concello de Pontevedra remitiu un oficio ao Concello da Baña informando deste feito. “No atestado queda reflexado que o portavoz do PP da Baña minte cando a Policía Local detecta que estaba estacionado nunha praza de mobilidade reducida. Ao final, Andrés García Cardeso recoñécelle ao axente que non levaba a ninguén e que a tarxeta está a nome da súa nai, xa falecida. Trátase dun uso inmoral e indecente desta tarxeta e do uso de prazas de mobilidade reducida, polo que lle pido que dimita e que non represente máis á veciñanza da Baña”, díxolle José Antonio Pereira ao portavoz do Partido Popular.

 

20260722 Banha pleno ordinario xullo 1

  • A veciñanza poderá presentar achegas ata o 4 de agosto ás 23.59 horas

  • O obxectivo é contribuír á elaboración dunha norma que impulsará a normalización lingüística e reforzará o uso e o prestixio do galego no municipio

ordenanza uso do galego

O Concello da Baña pon en marcha un proceso de participación pública para recoller achegas e opinións arredor da futura Ordenanza Reguladora do impulso do uso da lingua galega. Esta iniciativa pretende implicar a veciñanza e as entidades interesadas na elaboración dunha norma destinada a impulsar a normalización e dinamización lingüística, así como a fomentar o uso e o prestixio do galego en todos os ámbitos da vida municipal.

Con esta ordenanza búscase dotar ao Concello dun marco normativo específico que reforce o compromiso institucional coa lingua propia de Galicia, promovendo o seu uso na actividade administrativa, na comunicación coa cidadanía, nas publicacións, na sinalización, nas actividades municipais e nas relacións coas entidades colaboradoras, sempre de acordo coa lexislación vixente.

Os obxectivos principais desta iniciativa regulatoria son:

  • Normalizar e dinamizar o uso da lingua galega no municipio.
  • Fomentar o uso e o prestixio social do galego.
  • Garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía nas súas relacións coa Administración local.
  • Consolidar o galego como lingua habitual da actividade municipal e impulsar accións de promoción en colaboración co tecido asociativo, cultural e económico do concello.

O procedemento foi aprobado por Resolución da Alcaldía e estará aberto durante un prazo de 10 días hábiles desde a publicación do anuncio na web municipal, finalizando o prazo para presentar achegas o vindeiro 4 de agosto, ás 23.59 horas.

As contribucións deberán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello da Baña, empregando o formulario habilitado para documentación complementaria. No campo "código de expediente" deberá indicarse: 2026/G013/000002.

Desde o Concello da Baña anímase á cidadanía, ás asociacións e ao conxunto do tecido social a participar activamente neste proceso de consulta pública, contribuíndo coa súa opinión á elaboración dunha ordenanza que servirá para reforzar a presenza e o uso do galego no municipio.

No documento adxunto pode consultarse o anuncio completo da consulta pública.

 

 

Attachments:
Download this file (20260722_ordenanza_consulta_previa_uso_galego.pdf)22-7-2026: Ordenanza uso do galego[ ]242 kB
    • O paquete de investimentos inclúe obras en vías municipais e a adquisición dun novo vehículo para Servizos Sociais


WEB

 

O Concello da Baña continúa avanzando na execución do plan de investimentos previsto para este ano 2026 coa licitación dun novo paquete de actuacións por un importe global de 635.379,20 euros (IVE incluído), destinado á mellora da rede viaria municipal e ao reforzo dos servizos públicos.

Este novo bloque de investimentos forma parte da estratexia impulsada polo goberno local para seguir modernizando as infraestruturas municipais e dar resposta ás necesidades da veciñanza, mellorando tanto as comunicacións entre os distintos núcleos como os recursos destinados á atención social.

A maior parte do investimento destínase á mellora de varias estradas do concello. A partida máis elevada corresponde ás obras na vía entre o límite municipal e Vilacoba, na parroquia de Troitosende, cun orzamento de 242.653,80 euros. Unha actuación que permitirá mellorar de forma significativa a seguridade e a comodidade da circulación nesta zona do municipio.

Entre as actuacións licitadas neste eido tamén se atopan a mellora da estrada entre Vilar de Suso e o límite municipal, cun orzamento de 104.961,82 euros, así como a actuación nos accesos a Agra de Cabanas, dotada con 71.759 euros.

Así mesmo, inclúese a mellora das estradas de Busto, cun investimento de 65.640,52 euros, e as obras previstas nas de San Cibrán, cun importe de 95.639,30 euros.

Ademais destas actuacións en infraestruturas, o Concello tamén acaba de de licitar a adquisición dun novo vehículo destinado aos Servizos Sociais municipais, cun investimento de 54.724,76 euros, co obxectivo de reforzar os recursos dispoñibles para a atención á cidadanía e para mellorar a prestación deste servizo esencial.

Dous millóns de investimento en 2026

Este novo paquete de licitacións dá continuidade ao ambicioso plan de investimentos impulsado polo Concello da Baña durante o ano 2026, que prevé a execución de actuacións por valor de dous millóns de euros en diferentes parroquias do municipio.

“Seguimos avanzando na execución dos compromisos adquiridos coa veciñanza, impulsando investimentos que permiten mellorar as comunicacións e reforzar os servizos públicos”, destaca o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil. Que engade: “O noso obxectivo é continuar actuando de forma equilibrada nas distintas parroquias e responder ás necesidades reais do municipio cunha xestión responsable e eficaz dos recursos públicos".

Con estas actuacións, o Concello da Baña reafirma a súa aposta por un modelo de investimento sostido que permita continuar mellorando as infraestruturas municipais, favorecer a cohesión territorial e ofrecer uns servizos públicos cada vez máis modernos e eficientes.

  • A campaña “A auga non é infinita. Consúmea con cabeza” ten como obxectivo concienciar a toda a veciñanza

    campaña auga A Baña web

    O impacto do cambio climático en Galicia xa non é unha ameaza futura, senón unha realidade urxente. Basta con mirar o estado dos ríos, encoros e acuíferos para comprobar como as ondas de calor adiantadas, as secas máis longas do habitual e a irregularidade das precipitacións están a poñer en risco un recurso que sempre demos por garantido.

    Ante este escenario, o Concello da Baña e Espina & Delfín poñen en marcha, un ano máis, a súa campaña de consumo responsable de auga, baixo o lema “A auga non é infinita. Consúmea con cabeza”.

    Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo municipal de auga, traballa en estreita colaboración co goberno local nesta iniciativa. Así, combinaranse materiais informativos e canles de comunicación dixital para que a mensaxe de aforro chegue á veciñanza coa maior proximidade posible.

    A campaña pon o foco en que ningunha acción individual é pequena cando se trata de aforrar e protexer o ciclo integral da auga. Por iso, máis alá da teoría, apóstase por trasladar pautas moi sinxelas e fáciles de aplicar no día a día. No fogar, pecha a billa mentres enxaboas os pratos ou os dentes, escolle a ducha fronte ao baño, e que non se alongue máis do necesario, e usar lavadoras e lavalouzas a carga completa. É importante tamén revisar as instalacións domésticas ou instalar aforradores de caudal para evitar os litros que se perden co goteo.

    Encher a piscina, lavar o coche ou regar o xardín son hábitos frecuentes nesta época, pero convén facelos con responsabilidade: evitar as horas de máis calor, aproveitar mellor cada litro e reducir os usos que non sexan necesarios. E se marchamos de vacacións e a vivenda queda baleira, deberíamos pechar a chave de paso para evitar fugas e sobresaltos mentres non hai ninguén para detectalos.

    Porque coidar a auga tamén depende desas pequenas decisións que, sumadas, axudan a protexer un recurso cada vez máis valioso e vulnerable.

O Concello da Baña pon en marcha un proceso de participación pública para recoller achegas e opinións arredor da futura Ordenanza Reguladora da Escola Municipal de Música. Esta iniciativa pretende implicar a veciñanza e as entidades interesadas na elaboración dunha norma reguladora dos prezos deste servizo.

Con esta normativa búscase dotar a Escola Municipal de Música e Tradicional dun marco propio e específico de regulación dos prezos públicos, xa que na actualidade estes atópanse integrados na ordenanza xeral de prezos públicos por actividades culturais e deportivas, sen contemplar as particularidades propias do servizo.

Os obxectivos desta iniciativa regulatoria son:
• Regular de forma autónoma os prezos públicos da Escola Municipal de Música e Tradicional do Concello da Baña.
• Establecer as cotas correspondentes ás distintas especialidades e servizos ofertados.
• Regular a matrícula, forma de pagamento e réxime de liquidación.
• Garantir a seguridade xurídica e a transparencia na xestión económica do servizo.
• Mellorar a organización e xestión administrativa dos ingresos vinculados.
• As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O procedemento foi aprobado por decreto da Alcaldía o 26 de xuño de 2026 e estará aberto durante un prazo de 10 días hábiles desde a publicación do anuncio na web municipal, finalizando o prazo de achegas o vindeiro luns, 13 de xullo, ás 23.59 horas.

As contribucións deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello da Baña, empregando o formulario habilitado para documentación complementaria (prema nesta ligazón). No campo “código de expediente” será preciso indicar: 2026/G013/00005.

Desde o Concello da Baña anímase a cidadanía a participar activamente neste proceso. No documento adxunto pode consultarse o anuncio completo da consulta pública.