- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visto: 629
-
O certame repartirá 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categoría: canle; youtubeiro/a, youtubeiro/a revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público //
-
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Rois, Ames, Negreira, Teo, Santiago, Carballo, O Grove, Moaña, Rianxo, Pontevedra e Ribadeo; das tres universidades galegas e a Deputación da Coruña //
Youtubeiras fechará o martes 15 de novembro o prazo de inscrición para participar na sexta edición dos seus premios. O certamen, cuxas bases se poden consultar na web www.youtubeiras.gal, repartirá 7.500 euros en oitos categorías. Esta son: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Os sete primeiros galardóns contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que para o último apartado a cifra ascende aos 500 euros.
Youtubeiras é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos (A Baña, Rois, Ames, Negreira, Teo, Santiago, Carballo, O Grove, Moaña, Rianxo, Pontevedra e Ribadeo), as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos.
Os Premios Youtubeiras celébranse este ano baixo o lema Para a rede, a nosa. Esta máxima procura transmitir fachenda e forza, ademais dun ton enérxico, para subliñar o traballo desenvolvido pola comunidade Youtubeiras dende a súa posta en marcha. Ao abeiro desta iniciativa que vai máis aló duns premios e que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, conseguiuse crear e ensanchar unha comunidade viva e dinámica na nosa lingua na Rede. Para continuar pola senda da medra, Youtubeiras este ano ten como obxectivos incentivar a profesionalización dos/as youtubeiros/as, poñer en valor a súa figura, achegar espazos de aprendizaxe especializada e promover temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube.
Mudanzas nas bases
Nesta sexta edición, os Premios Youtubeiras experimentan diferentes cambios. Ademais de reestruturar as categorías, modifícanse as bases nun aspecto fundamental para poder concorrer nestes premios. Se o ano pasado resultaba imprescindible para a inscrición contar cunha canle que tivese polo menos cinco vídeos publicados, nesta edición vólvese permitir a presentación de canles cun único vídeo. A organización revisa anualmente as bases dos Premios Youtubeiras, xa que o eido da creación dixital evoluciona e vive fondas transformacións a gran velocidade.
Xurado e entrega
Os Premios Youtubeiras decídense a través dun xurado que cada ano se conforma coa intención de reunir diferentes perfís técnicos, creativos, audiovisuais e lingüísticos. Este ano, o xurado será o seguinte: Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua ao galego a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.
O premio do público tamén se dará a coñecer na propia gala, mais serán as persoas usuarias das redes sociais quen decidan o proxecto premiado a través dunha votación aberta. Nese caso, o xurado encargarase de supervisar, comprobar o resultado e dar fe tanto da votación coma do resultado.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visto: 651
-
Os premios repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías
-
O prazo de inscrición abrirase o 27 de setembro e finalizará o 15 de novembro.
-
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña
Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de once concellos, entre os que está A Baña; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, chega neste 2022 á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora. Para acadar esta meta, recuperarase a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras.
“Nos últimos cinco anos, o Proxecto Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na Rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada grazas ao compromiso de todas as institucións participantes, que amosan unha implicación inequívoca co idioma, coas novas linguaxes dixitais e cos novos camiños que se abren para a nosa lingua”, sinalou Socorro García Conde, como representante do proxecto Youtubeiras, nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Santiago de Compostela, e na que tamén participaron María López, Concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela. Lorena Trillo, concelleira de Cultura, asistiu ao acto en representación do Concello da Baña.
“En cada edición o noso propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día”, sinalou García Conde, antes de engadir que “é un perfil que se quere incorporar á comunidade youtubeira para que compartan os seus coñecementos e manteñan canles desta natureza”. Ese tipo de perfil que se pretende impulsar nesta edición incorporarase a unha iniciativa novidosa que se levará a cabo dende a organización: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Tratararase dun grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade a través da web (www.youtubeiras.gal) e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na búsqueda de contigo dixital en galego.
Para rede, a nosa
Pola súa banda, María López encargouse de desvelar o lema para esta sexta edición: Para rede, a nosa. “Con este lema, forte e enérxico, simbolízase a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas: Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch. Así está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”, sinalou López, quen tamén destacou que Youtubeiras actúa como un “elemento normalizador da nosa fala” e de “divulgación da nosa cultura”.
Para fomentar e fortalecer o sentimento de comunidade, tras os dous últimos anos de pandemia, Youtubeiras recuperará a presencialidade nalgunhas das súas actividades de convivencia, intercambio e formación. Adiantouno así Gumersindo Feijoo, en representación da USC, quen sinalou que a primeira delas será o encontro creativo: a Megacolab, dinamizado por Gingko. Trátase dunha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as. Celebrarase o sábado 18 de xuño en horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. Para asistiren, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de xuño a través da páxina web de Youtubeiras, xa que as prazas son limitadas.
A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, coa participación das canles Canal Malaia (Catalunya), PlayPresta (Asturies), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.
Reestruturación dos Premios Youtubeiras
Na rolda de prensa anunciouse ademais a publicación das bases dos VI Premios Youtubeiras -que xa se poden consultar na páxina web www.youtubeiras.gal-, que inclúe dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.
Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visto: 985
-
Coñecidos artistas galegos actuarán no local social de San Vicenzo
-
O Seilán acollerá a I Romaría Xacobea o domingo 26 de setembro
-
Os Campantes da Baña amenizarán as festas en San Vicenzo e Xiradela ofrecerá unha alborada nas patronais de San Cibrán de Barcala
O outono chega cargado de novidades e espectáculos teatrais, musicais e de narración oral para a veciñanza da Baña, que poderá gozar de ata dezaseis funcións familiares todos os venres ás seis da tarde, entre o 10 de setembro e o 17 de decembro. Compañías e artistas de recoñecido prestixio en Galicia, como Barafunda, Pakolas ou Fran Rei, entre moitos outros, actuarán no Outono Cultural 2021 no local social de San Vicenzo, que contará con todas as medidas de seguridade ditaminadas polas autoridades sanitarias.
Ademais, o Concello da Baña programou actuacións musicais para amenizar as festas parroquiais. Marcadas no calendario están a actuación dos Campantes da Baña na igrexa do Castro o mércores 8 de setembro, coincidindo coas festas de San Vicenzo; ou a alborada de Xiradela en San Cibrán de Barcala o mércores 15 de setembro. A estes eventos festivos súmase a I Romaría Xacobea, que se celebrará no Seilán o domingo 26 de setembro entre as once da mañá e as oito da tarde.
Os venres do Outono Cultural 2021
A programación cultural dos venres bota a andar no local social de San Vicenzo días antes da chegada do outono. En concreto, este venres 10 de setembro Fran Rei ofrecerá a partir das seis da tarde Historia de Brancaflor, unha montaxe para público familiar que combina a narración con xogos de maxia. O 17 de setembro Bandullo Azul presentará Filipa cos contos, un espectáculo con narración e monicreques. O circo de rúa aderezado con moito humor chegará da man de Kote Malabar e o seu Cirkote o 24 de setembro.
Co Samaín no horizonte, abrirá o mes de outubro Barafunda coa montaxe O censor dos monstros. Unha semana despois, o día 8, Tarabelos sorprenderá ao público cun espectáculo de contacontos debuxado ao 100% que leva por título Debulendo lendas. Os Versos para perder medos de María Canosa serán de moita utilidade para combater aquilo que asusta aos máis pequenos e pequenas; o venres 15 de outubro. Para rematar coas funcións máis aterradoras, Sonsoles Penadique presentará Historias con susto para durmir a gusto o día 22. E pechará o mes de outubro Brais das Hortas cun Conssertasso na horta para público infantil.
En novembro, co gallo da celebración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, están previstas actuacións que promoven a igualdade de mulleres e homes. Como a de Pedro Brandariz, con Heroes e heroas, o día 5; Pakolas, con Rockeamos todas con Pakolas o día 12; Moco Moc, con Circo na casa, o día 19; e Tarabela Creativa, con Divas de diván, o día 26. Fran Rei actuará de novo na Baña o 3 de decembro, desta volta co Conto da Barriga Verde. Completan as funcións de decembro Raquel Queizás, con Nano canta croac, o día 10; a maxia de Dani Polo o 12 de decembro ás 12 do mediodía e a visita da Apalpadora, con Iseo A Moura, o día 17.
Todas as funcións están dirixidas a público familiar e comezan ás seis da tarde, agás a actuación de Dani Polo prevista para o 12 de decembro ás 12 do mediodía. O Outono Cultural 2021 está organizado polo Concello da Baña a través do Servizo de Normalización Lingüística e conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visto: 758
-
A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa son os municipios impulsores dunha entidade que fomentará proxectos conxuntos de dinamización lingüística
-
Alingua dáse a coñecer cunha campaña de difusión que inclúe contidos promocionais nos medios e nas redes, sorteos para restaurantes do Grupo Nove ou a implicación de personalidades da sociedade como a actriz Mela Casal, o xornalista Gonzo, a artesá Elena Ferro ou o intérprete Xosé A. Touriñán
Un total de 18 concellos, entre os que figura A Baña, únense en Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. Lorena Trillo, concelleira de Cultura, Educación, Muller, Igualdade e Normalización Lingüística, asistiu hoxe no Auditorio de Galicia en Compostela á presentación desta organización, que xorde para lles dar resposta aos múltiples retos de futuro que o galego debe afrontar.
Alingua é unha iniciativa conxunta que trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede. Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir esta mañá en Santiago a presentación da asociación. Muíños aproveitou a súa intervención para destacar o “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado”.
Do nome da asociación xorde alinguar, “verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. Trátase, segundo o propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”. O vocábulo, suposto “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez.
A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da Asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”, “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.
Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.
‘Alingua aí!’
A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se está a desenvolver para dar a coñecer a asociación e os seus fins. Baixo o lema Alingua aí, xógase coa propia marca da entidade para comunicar a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.
O conxunto desta primeira iniciativa pretende, en palabras de Rubén Prol, concelleiro de Política Lingüística de Santiago de Compostela, transmitirlle á sociedade ilusión por un idioma a través do cal “nos identificamos ante o mundo”. “En Alingua queremos colocar o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio colectivo, humano, cultural e económico que acubillan os nosos concellos”, sinalou Prol antes de engadir que a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega busca “ser expansiva” e “convida a espertar os sentidos á lingua”. Esta primeira campaña ten un duplo obxectivo: presentar Alingua e animar outras institucións a se adherir.
Funcións e obxectivos
A concelleira de Política Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, encargouse de detallar as principais metas desta asociación. “Alingua vén para quedar e vén co obxectivo de se converter nunha organización de referencia no traballo colaborativo en normalización lingüística”, sinalou Pampín ao tempo que adiantou que a entidade “aglutinará a vontade normalizadora das administracións locais” e “facilitará a xestión dos programas”.
Ademais de se converter no axente catalizador para os amentados proxectos colectivos a prol da lingua que xa están en marcha, a asociación buscará promover e dinamizar o uso do galego dende o ámbito dos concellos. Ao tempo, procurarase a coordinación na acción dos servizos de normalización lingüística implicados e prestarase servizo de asesoramento ás entidades asociadas na promoción, impulso e conservación do idioma. Por último, Alingua propiciará a colaboración con outras entidades que teñan entre os seus fins a defensa da lingua.
Máis información na páxina web www.alingua.gal
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: SNL
- Visto: 1787
O venres 10 de xullo celébrase a Festa do Apego, promovida por terceiro ano consecutivo polo Servizo de Normalización Lingüística dos concellos da Baña e de Negreira para fomentar a crianza na nosa lingua. As actuacións musicais de Cé Orquestra Pantasma e de Uxía Lambona e a Banda Molona centran o programa da festa, que terá lugar no refuxio de Covas, en Negreira.
Os espectáculos darán comezo ás 17.30 horas coa actuación de Cé Orquestra Pantasma, que presentará as músicas recollidas en Fíos do querer. Trátase dun traballo discográfico que xunta vinte e catro cancións para "xogar, cantar e bailar cos nenos de colo", dirixidas a crianzas de 0 a 3 anos. As familias poderán bailar ao son de temas como 'Que ricos os bicos', 'Palmiñas' ou 'De festa'.
A seguir, ás 18.30 horas está prevista a actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona. A banda de música infantil presentará os temas do seu terceiro disco, Astronauta sideral: cancións espaciais onde os nenos, as nenas e os extraterrestres bailarán a ritmo de cumbia, ska, rock & roll e outros estilos musicais que recuperan e actualizan a música tradicional.
A festa do proxecto Apego no Val de Barcala é unha iniciativa que busca incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia. A de 2020 é a terceira que se celebra: comezou en 2018 no refuxio de Covas en Negreira cun grande éxito de participación; o ano pasado tivo lugar na área recreativa de Chans na Baña; e agora regresa a Covas, alternando deste xeito os lugares de celebración entre os dous concellos e fortalecendo así os lazos de unión entre as familias.
No caso de choiva, as actuacións da Festa do Apego 2020 trasladarase ao auditorio municipal de Negreira. Organizada polos concellos da Baña e de Negreira a través do Servizo de Normalización Lingüística, conta co apoio da Deputación da Coruña.