•  inscricións xa están abertas na páxina www.carreirasgalegas.com //

  • Conta cunha carreira absoluta de 28 quilómetros, un minitrail de 16Km, un trial promesa de 8Km e unha andaina non competitiva //

  • Poden participar todas as persoas que o desexen, federadas ou non //

 

post trail abana 2024 vertical

 

O Trail da Baña chegará o domingo 6 de outubro á súa sétima edición, a primeira na que será puntuable para o ranking do Circuíto Galicia Trail Running Series, dependente da Federación Galega de Atletismo. O presidente deste organismo, Iván Sanmartín, acompañou ao alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, na presentación da proba. Tamén participou no acto Borja Collar, responsable deJ Trainers&co., a empresa encargada da organización.

Ademais de entrar no Circuíto Galicia Trail Running Series, o VII Trail da Baña contará como novidade con clasificacións específicas para as categorías Sub 16 e Sub 18. Estas persoas mozas correrán na proba de 8 quilómetros, aberta tamén a todas as persoas adultas que queiran participar.

O Trail da Baña terá un total de catro modalidades: un trail de 28 quilómetros cun desnivel acumulado de 1.000 metros, un minitrail de 16 quilómetros cun desnivel de 650 metros, un trail promesa de 8 quilómetros e unha andaina non competitiva de 10 quilómetros. A idade mínima de participación é de 12 anos. Os menores deberán ir obrigatoriamente na compaña dunha persoa maior de idade.

As distancias de trail longo contarán coas categorías sénior (dende 2006), máster 1 (persoas nadas entre 1989 e 1979), máster 2 (persoas nadas en 1978 e anos anteriores) e absoluta. No trail curto eastablécense as categorías Sub 20, Sub 18, Sub 12, sénior e absoluta. Haberá premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada categoría, así como para os tres primeiros clubs clasificados, os tres clubs con maior participación e os mellores atletas locais.

Puntuarán para o ranking galego as probas de trail longo de 28 quilómetros nas categorías Classic Sub 23, absoluto e máster. Na proba curta, de 8 quilómetros, quedarán rexistradas as marcas en Preclassic Sub 20, Sub 18 e Sub 16.

A saída efectuarase dende o pavillón de San Vicenzo a partir das 9.45 horas, cando comecen a correr os participantes no trail. Sairán logo o minitrail, ás 9.55 horas; e o trail promesas, ás 10.00h. A andaina poñerase en marcha cinco minutos despois, ás 10.05h.

As inscricións quedarán abertas dende o martes 6 de agosto ao martes 1 de outubro na páxina www.carreirasgalegas.com. O prezo é de 18€ para o trail, 15€ para o minitrail, 12€ para o trail promesas e 9€ para a andaina. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo, contarán con varios puntos de abastecemento ao longo do percorrido e poderán gozar dun catering final, no que tamén terán a oportunidade de coñecer e saborear as tradicionais filloas da pedra da Baña.

Probas que combinan deporte e natureza

Durante a presentación, o alcalde da Baña destacou a aposta do Concello da Baña por este tipo de probas que combinan deporte e aventura co contacto coa natureza. José Antonio Pereira incidiu en que o percorrido permitirá coñecer e desfrutar de fermosas paraxes, comezando polo treito á beira do río Alvariña, e animou á participación co obxectivo de superar as preto de 300 persoas que se deron cita na pasada edición.

Na mesma liña se manifestou a concelleira de Deportes, Ana Pensado, quen se referiu ao Trail da Baña como unha proba de referencia na comarca do Val do Barcala.

Iván Sanmartín, pola súa parte, destacou a normativa ecolóxica que se aplica no Circuíto Galicia Trail Running Series, que, entre outras medidas, supón a utilización dunha cinta reutilizable para marcar o percorrido ou que obriga ás persoas participantes a levar un recipiente para ir reenchendo de agua coa fin de evitar os envases de plástico.

As bases do trail poden consultarse no arquivo adxunto.  

  • A temporada de verán prolongarase ata o domingo 15 de setembro

  • A entrada diaria custará 2 euros e será gratuíta para os menores de 14 anos

  • Hai bonos quincenais de 15 euros e mensuais de 25 euros para unha persoa e de 45 euros para familias

 

20240613 PiscinaO Concello da Baña anuncia a apertura da piscina municipal de Agra de Chans para o próximo sábado 22 de xuño. A instalación estará operativa ata o 15 de setembro, brindando a veciñanza e visitantes a oportunidade de gozar das súas instalacións durante o verán.

A piscina abrirá de luns a venres cun horario especial: de 10:00 a 14:00 horas estará reservada para campamentos e cursos, mentres que de 15:00 a 21:00 horas estará dispoñible para o público en xeral. As fins de semana, a piscina abrirá ás 12:00 horas, mantendo o peche ás 21:00 horas. A partir de setembro, o horario de peche será ás 20:30 horas.

Canto ás tarifas, os menores de 14 anos poderán acceder de forma gratuíta. A entrada individual terá un custo de 2 euros. Ademais, existen varias opcións de bonos: o bono mensual custará 25 euros, o bono quincenal 15 euros e o bono familiar mensual terá un prezo de 45 euros. Para aqueles menores que desexen participar nos cursos de natación, o custo será de 30 euros, cunha duración de media hora ao día, de luns a venres.

As persoas interesadas en adquirir os abonos ou en obter máis información poden dirixirse ao departamento de Deportes nas oficinas da casa consistorial ou chamar ao número de teléfono 981 886 501.

20220430 Subvencions deputacion deportes

O Concello da Baña recibirá unha subvención de 15.000 euros da Deputación da Coruña para financiar gastos de persoal técnico nos servizos municipais de deporte en 2024.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicou o pasado venres, 16 de febreiro, a resolución definitiva pola cal se lle concede este importe ao Concello bañense ao abeiro da convocatoria do programa FO106: Convocatoria do programa de subvencións a concellos e outras entidades locais para financiar gastos de persoal técnico nos servizos municipais de deporte en 2024.

A resolución do BOP pode consultarse no documento adxunto.

20240307 Campus deportivo

 

O Concello da Baña organiza un campus deportivo para axudar ás familias a conciliar durante as vacacións de Semana Santa. A actividade é gratuíta e vai destinada a nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 14 anos.

O campus desenvolverase os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril, en horario de 9.00 a 14.00 horas. As sesións realizaranse nas instalacións deportivas municipais, adaptándose ao lugar máis axeitado tendo en conta as características das actividades e as condicións meteorolóxicas previstas.

As inscricións poderán formalizarse chamando aos teléfonos 981 886 501 e 669 368 413, desde o luns 11 ata o 18 de marzo. A partir do martes 19 de marzo, procederase a contactar coas familias dos participantes para proporcionarlles toda a información necesaria.

Este campus deportivo ofrécelle a oportunidade a nenas e nenos de gozar dunha Semana Santa activa e saudable, participando en diversas actividades deportivas e lúdicas baixo a supervisión de monitorado cualificado. Está organizado polo Concello da Baña en colaboración coa Sociedade Deportiva A Baña e coa Deputación da Coruña.

As bases poden consultarse no arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.

  • O alcalde José Antonio Pereira e a concelleira de Deporte, Ana Pensado, presidiron a entrega de trofeos

  • O pavillón de Lañas acolleu os encontros das 36 parellas divididas en cinco categorías

  • Jano e Chu foron os gañadores na 2ª Masculina

20240128 II torneo padel A Banha 18

O bo ambiente, a camaradería e as ganas por desfrutar do deporte acompañaron a celebración da segunda edición do Torneo de Pádel A Baña que se disputou esta fin de semana.

O pavillón polideportivo de Lañas acolleu a competición cun récord de participación de 36 parellas que completaron o cadro de encontros do sábado e do domingo amosando o seu talento e as súas habilidades.

O evento, organizado polo Concello da Baña, disputouse en cinco categorías coa parella formada por Nuria e Rocío como campioa na categoría Iniciación feminina. Noelia e Gemma foron as segundas clasificadas.

En 3ª Mixta venceron Óscar e Mónica, que superaron na final a Damián e a Alicia, e en 3º Masculina os gañadores desta edición foron Miguel e Luis, con Pepe e Santi segundos na clasificación.

Ademais, Jano e Chu foron os mellores na 2ª Masculina tras vencer a Iván e a Damián no encontro definitivo.

A alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deporte, Ana Pensado, foron os encargados de entregar os trofeos ás parellas vencedoras a amosaron a súa disposición a continuar coa celebración deste torneo xa que cada vez son máis as parellas que confirman a súa disposición a participar.

Galería de fotos do II Torneo de Pádel A Baña, nesta ligazón: https://www.facebook.com/ConcellodaBana/posts/776908211134029