• A recadación íntegra das inscricións destinarase á investigación das GRINpatías //
  • Ademais da carreira absoluta, haberá outra para menores e unha proba supersprint aberta á participación popular //
  • Todos os atletas recibirán unha camiseta e serán agasallados con petiscos na liña de meta //

Este luns 27 de febreiro quedou aberto o prazo de inscrición para participar no I Dúatlon da Baña, que se disputará o domingo 26 de marzo e será a terceira das catro probas clasificatorias para o campionato galego da especialidade en estrada. Trátase dunha carreira técnica e esixente que permitirá coñecer as paraxes bañenses e que se destaca pola súa vertente solidaria a prol da Asociación Española de GRINpatías, tal e como subliñaron esta mañá os organizadores durante a presentación da proba no Salón de Plenos do Concello da Baña. A participación, que a priori se estima nuns 400 atletas, abrangue as categorías benxamín, infantil, cadete, xuvenil e absoluta. Ademais, haberá unha carreira popular na que poderán participar todas aquelas persoas que o desexen sen necesidade de estar federadas.

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte, César Ramos; a secretaria da Federación Galega de Tríatlon, Mónica Flores; o presidente da Asociación Española de GRINpatías, Andrés Domínguez; e a vicepresidenta e o secretario do Club Cervecería Cotón de Negreira, Ana Ramos e Alejandro Caamaño, presentaron hoxe no Concello da Baña a primeira edición do Dúatlon Solidario da Baña. Programado para a mañá do domingo 26 de marzo, del sairán 22 dos deportistas que participarán o 30 de abril en Lugo no campionato autonómico de dúatlon e que se unirán aos xa clasificados nas probas celebradas en Poio e Santiago e aos que se clasificarán con posterioridade en Vimianzo.

20230227 134629 web

O I Dúatlon da Baña comezará ás 9 da mañá cunha carreira para menores (categorías benxamín e infantil), ás que seguirá un circuíto supersprint (para cadetes, xuvenís e júniors), unha proba masculina sen corte e, como peche, as clasificatorias de homes e mulleres. O circuíto supersprint servirá tamén como proba de promoción do duatlón e, no caso de quedar prazas sobrantes, no mesmo poderán participar todas as persoas que queiran coñecer este deporte.

As inscricións realizaranse en liña ata o 21 de marzo na páxina da Federación Galega de Triatlón, se ben hai que puntualizar que, no caso da proba supersprint, se pechará o día 14 de marzo para deportistas con licenza coa fin de poder abrila ao día seguinte, 15 de marzo, para o público en xeral. En todos os casos, o prezo da inscrición destinarase integramente á investigación das GRINpatías, doezas que pertencen ao grupo de enfermidades raras e están asociadas á alteración duns xens denominados GRIN que inflúen na memoria e na aprendizaxe.

A maiores do prezo da inscrición, todos os atletas que queiran poderán aumentar a súa doazón no momento de formalizar a reserva de praza. Así mesmo, e aínda que non participen no dúatlon, as persoas que queiran contribuír poderán facelo a través da conta bancaria IBAN-ES 58 2100 0863 2302 0068 7153 da Asociación Española de GRINpatías.

Premios e agasallos

Levarán medallas as tres primeiras clasificadas e clasificados de cada categoría (absoluta, veterano 1, 2 e 3, sub23, xuvenil e júnior) e trofeo os tres primeiros clubes, tanto en mulleres como en homes. Ademais, haberá premios en metálico para os podios feminino e masculino (150€, 100€ e 50€) e o primeiro club en mulleres e en homes (200 euros).

Ao remate da carreira, todas as persoas participantes serán agasalladas cunha camiseta e uns petiscos.

Durante a presentación, a maiores de agradecer á colaboración de todos os patrocinadores, o alcalde da Baña manifestou o seu desexo de que o 26 de marzo “faga bo día” para poder desfrutar dunha auténtica festa do deporte e da solidaridade. “Queremos ter a maior participación posible para que a recadación da Asociación Española de GRINpatías sexa todo un éxito”, sinalou Andrés García.

Pola súa parte, César Ramos destacou o esforzo da Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deporte por “dar a coñecer e ofrecer no noso municipio disciplinas deportivas que non son tan populares”. Nesta liña, Mónica Flores, secretaria da Federación Galega de Triatlón, incidiu en que a proba será técnica e esixente para facela atractiva de cara aos participantes e que o deseño do percorrido responde tamén ao desexo da corporación municipal de divulgar as paraxes da Baña.

Alcalde e concelleiro pediron a colaboración cidadá para que a proba se desenvolva sen incidentes e recordaron que terán que cortar ao tráfico algunhas rúas na mañá do domingo 26 de marzo.

Consulta aquí as bases: Circuíto Duatlón // Supersprint e menores

duatlon

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 24

Preto dun cento de atletas participaron onte na I Carreira de San Vicenzo, unha proba non competitiva de catro quilómetros apadriñada polo karateca Nicolás Carnota. A carreira, que coincidiu coa celebración das festas patronais de San Vicenzo, substituíu á II San Silvestre, que se suspendeu o pasado 31 de decembro de 2022 debido ao mal tempo.

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 20

O bó ambiente e as ganas de pasalo ben foron unha constante entre todas as persoas participantes e durante toda a mañá. A I Carreira San Vicenzo, organizada pola Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte,  comezou coa música dos Gaiteiros da Baña e acabou co centenar de participantes tomando as lambetadas mentres soaban, a golpe de bocinazo, as 12 badaladas de San Vicenzo (simulando as badaladas de fin de ano da proba suspendida o 31 de decembro). 

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 100

Ao rematar os catro quilómetros, que os gaiteiros da Baña fixeron tocando gran parte do percorrido, a rapazada puido gozar cos inchables instalados na praza do concello, mentres o Dúo Rosán animaba a sesión vermú. Todas as persoas participantes puideron degustar chocolate quente.

Album de fotos na páxina de Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

 20230122 A Banha I Carreira San Vicenzo 55

  • Anuncia cortes de tráfico polo percorrido da proba e solicita que non se aparquen vehículos na praza do Concello

  • Ampliado o prazo de inscrición ata as 12.00 horas do día 30 de decembro

Baña San Silvestre 2022 1920 1280 px

O Concello da Baña está cos últimos preparativos para celebrar este sábado, 31 de decembro, a segunda edición da San Silvestre entre ás 16.00 e ás 19.00 horas. Os máis de cen participantes xa anotados tomarán a saída ás 17.00 horas dende a praza do Concello para percorrer uns catro quilómetros antes de chegar á meta, situada no mesmo punto.

Para facilitar o desenvolvemento da proba, o alcalde, Andrés García Cardeso, acaba de asinar un bando, no que solicita a colaboración da veciñanza para que non aparque os seus vehículos na praza do Concello o sábado pola tarde nin nas súas inmediacións, e para que se respecten os cortes de tráfico que se producirán ao paso da carreira nos lugares de San Vicenzo, Vesía, Guende, Xasoso, O Castro, Señor e A Castiñeira.

Máis de cen persoas xa están inscritas para participar nesta segunda edición da San Silvestre da Baña, unha carreira lúdica de 4 quilómetros na que se anima ás persoas participantes a correr disfrazadas. Ao rematar haberá unha gran chocolatada, badaladas e agasallos. Dende a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte anuncian a colocación dunha gran carpa para resgardarse en caso de choiva.

Para facilitar a participación de todas as persoas interesadas, a organización ampliou o prazo de inscrición ata mañá, venres, día 30, ás 12.00 horas. Para anotarse é suficiente enviar un correo electrónico ao enderezo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou unha mensaxe de whatsapp ao teléfono 669 368 413 indicando nome, apelidos, idade, DNI e número de teléfono da persoa participante.

Este ano, o karateka Nicolás Carnota será o padriño da San Silvestre da Baña, que conta coa colaboración de Spar Express Corneira, Neumáticos Marcos, Sinala Tecnoloxía Visual, Automoción Torreira, Pizzería O Muiño e Xallas Publicidade.

  • As clases comezarán a impartirse o luns 23 de xaneiro con dúas horas semanais tanto para nenos como para adultos

  • Para anotarse hai que cubrir o formulario dispoñible na web do Concello

  • Os afeccionados a este deporte poderán reservar as pistas de Lañas de xeito gratuíto provisionalmente a partir do día 20

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 10

 

O Concello da Baña incorpora a modalidade de pádel ás Escolas Deportivas Municipais. A nova actividade deportiva está aberta tanto a nenas e nenos como a persoas adultas. As clases, que comezarán a impartirse a partir do vindeiro luns, 23 de xaneiro no pavillón de Lañas, desenvolveranse unha vez á semana en sesións de dúas horas de duración: os luns de 17.45 a 19.45 horas para menores e os venres, de 20.00 a 22.000 horas para persoas adultas.

Todas as persoas interesadas en mellorar a súa técnica ou iniciarse no pádel nas Escolas Deportivas Municipal da Baña deberán cubrir o formulario de inscrición que se atopa no arquivo adxunto, así como as bases das Escolas Deportivas Municipais.

Reserva gratuíta das pistas

Por outro lado, as novas pistas de pádel do pavillón de Lañas poderanse utilizar por todas as persoas afeccionadas a este deporte que fagan a oportuna reserva de hora. As pistas abriranse ao público tamén a partir do luns, 23 de xaneiro, nos seguintes horarios: os luns e os xoves, de 20.00 a 23.00 horas; os martes, mércores e sábado, de 17.00 a 23.00 horas. 

De forma provisional, a utilizacións das pistas será gratuíta, ata que o Concello aprobe a ordenanza correspondente, na que se establecerán os prezos e os horarios de uso. O venres, 20 de xaneiro, abrirase o prazo para facer as reservas das pistas, que se poderán facer cunha antelación non superior a unha semana (respecto do día que se queira xogar) e para un tempo máximo de 90 minuto por persoa.

Polo de agora, todas aquelas persoas que o desexen poden reservar a pista chamando ao teléfono do departamento de Deportes: 669 368 413, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e indicar o día e o tramo horario no que queren xogar.

  • A carreira, non competitiva e de catro quilómetros, sairá ás cinco da tarde da Praza do Concello

  • O prazo de inscrición remata o 28 de decembro e abonda con mandar un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou unha mensaxe ao 669 368 413

A San Silvestre volverá despedir o ano na Baña. A carreira, non competitiva e de tan só catro quilómetros, pretende reunir ao maior número de persoas de todas as idades para combater o frío cun pouco de exercicio e, sobre todo, para pasar un bo rato. A Concellería de Promoción de Vida Activa e Deporte anima a disfrazarse a todos os participantes e recorda que, unha vez remate a proba, haberá reparto de agasallos, unha gran chocolatada e se poderá gozar dun adianto das badaladas.

A segunda San Silvestre da Baña sairá ás cinco da tarde da Praza do Concello para percorrer as rúas de San Vicenzo. Todas as persoas que o desexen poderán inscribirse na carreira totalmente de balde ata o 28 de decembro. Abonda con enviar un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou un wasap ao número de teléfono 669 368 413, indicando nome, apelidos, idade, DNI e número de teléfono. Os menores de 12 anos deberán correr na compaña dunha persoa adulta.

Na súa estrea o ano pasado, a San Silvestre chegou aos oitenta atletas participantes, que encheron de disfraces e alegría as rúas bañenses. A proba serviu tamén para renderlle homenaxe a marchadora Alba Pérez, bronce no campionato de España de marcha en ruta sub 20.