• Contará con catro modalidades: dúas probas competitivas de 26 e 16 quilómetros respectivamente, unha andaina e un pequetrail

  • Haberá trofeos para os homes e mulleres mellor clasificados en tres categorías e camisetas e agasallos para todos os participantes

  • O prazo para inscribirse, en liña na páxina www.galitiming.com, remata o martes 27 de setembro

As atletas bañenses Rosalía Moraig e Aitana Capeáns presentaron hoxe, na compaña do seu adestrador no Club Atletismo Negreira, José Manuel García Estévez, unha nova edición do Trail da Baña, que se desenvolverá o domingo 2 de outubro. A presentación desenvolveuse na Praza do Concello, punto de saída e meta da proba, que contará con dous itinerarios competitivos, unha andaina e un trail para a cativada. O prazo de inscricións remata o vindeiro martes, 27 de setembro.

Organizado polo Concello da Baña en colaboración co club Seixos das sendas enxebres e a asociación A Baña Emprende, o Trail foi presentado a primeira hora da tarde en San Vicenzo coa asistencia do alcalde, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte, César Ramos. A marchadora Alba Pérez, campiona galega de 5.000 metros desculpou a súa ausencia por coincidirlle a presentación coas clases na facultade, pero si confirmou que tomará a saída no Trail, onde exercerá como madriña xunto ás súas compañeiras, a tamén marchadora Rosalía Moraig e a lanzadora de peso Aitana Capeáns, e o seu adestrador.

20220922 presentacion trail baña salon plenos web

O Trail da Baña iniciarase ás 9.45 horas coas dúas probas competitivas: un trail de 26 quilómetros, cun desnivel aproximado de 780 metros, e un minitrail de 16 Km. e un desnivel de 500 metros. En cada unha das modalidades, haberá trofeos para as tres primeiras e os tres primeiros clasificados en tres categorías: maiores de 18 anos, de 40 anos en adiante e de 55 anos en adiante.

Quince minutos máis tarde da saída do trail, ás dez, comezarán a andaina e o pequetrail. A andaina terá un percorrido aproximado de 16 quilómetros, mentres que o pequetrail se correrá sobre un circuíto circular de ao redor de un quilómetro no que nenas e nenos cubrirán distintas distancias segundo a súa idade. Os máis pequenos poderán ir na compaña dunha persoa adulta.

As probas de trail e a andaina contará con tres puntos de avituallamento de sólidos e líquidos durante o percorrido. O pequetrail ofrecerá abastecemento na saída e na meta. As inscricións, que teñen que realizarse en liña na páxina www.galitiming.com, teñen un prezo de 15 euros para a modalidade de trail, 12€ para o minitrail, 10€ para a andaina e 5€ para o pequetrail. O prazo para anotarse remata este martes 27 de setembro.

Todas as persoas participantes no Trail da Baña, en calquera das súas catro modalidades, recibirán de agasallo unha camiseta técnica e serán obsequiadas na liña de meta cun detalliño natural e ecolóxico para promocionar a sustentabilidade e a conciencia ambiental por mor da colaboración entre o Concello da Baña e Inés Castro Floristas, de Santa Comba. As cativas e cativos que corran o Pequetrail levarán tamén cadansúa medalla.

Hábitos saudables e paraxes naturais

César Ramos, concelleiro de Promoción de Vida Activa e Deporte da Baña, agradeceulles ás atletas bañenses a súa implicación no Trail. “É un orgullo contar con estas deportistas que tan bos resultados están acadando grazas ao labor tamén encomiable do seu adestrador”, sinalou. Ademais de animalas “a seguir esforzándose para perseguir máis éxitos”, o tenente de alcalde recordou que dende o Concello da Baña estase apostando non só polo deporte senón tamén pola vida activa e, neste sentido, recordou que “estas probas deportivas serven para fomentar hábitos saudables e tamén para difundir o noso patrimonio paisaxístico e incentivar o turismo natural, polo que animamos á xente a participar”.

  • Os menores de idade poderán tamén practicar fútbol sala, xadrez on line, baile moderno, expresión corporal, karate, tenis de mesa e patinaxe artística

  • Para as persoa maiores ofértase expresión corporal e pilates

  • As actividades comezan o día 12 para facilitar a conciliación

  • O 19 remata o prazo de matrícula e haberá xornadas de portas abertas ata finais deste mes

 20220902 Bana escolas Deportivas Deputacion

O Concello da Baña abre hoxe o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais, que este ano comezarán o 12 de setembro para facilitar a conciliación ás familias do municipio. Judo e tenis son as novidades que se ofertan para os menores de idade, coa particularidade de que as clases de tenis serán gratuítas debido ao acordo asinado entre o Concello a Xunta e a Federación dentro do Plan Corresponsables.

Este curso, os menores de idade poderán practicar fútbol sala, baile moderno expresión corporal e karate dúas días a semana. Un día a semana haberá xadrez en liña, judo, tenis, tenis de mesa e patinaxe artística. Os horarios propostos para as diferentes actividades pódense consultar no arquivo adxunto (neste enlace)

Para persoas maiores a oferta inclúe pilates dous días a semana e expresión corporal os luns.

Os formularios e a ficha de inscrición para facer a inscrición pódense descargar na páxina web do Concello (este enlace) e tamén obter nas oficinas municipais. Unha vez cubertos hai que entregalos no Concello ou a través da sede electrónica. 

O prazo de inscrición é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación das bases na páxina web, polo que rematará o vindeiro 19 de setembro. Aínda que as clase comezan o día 12, durante todo este mes haberá xornadas de portas abertas, para que menores e maiores poidan acudir a coñecer e participar nas diferentes actividades para confirmar que desexan seguir practicándoa.

Os prezos son os que figuran na ordenanza do ano 2016. É dicir: 60 euros por temporada para unha actividade e 90 euros anuais cando unha persoa se inscriba en dúas ou máis actividades. 

No caso de familias, establécense 99 €/temporada para dous membros nunha actividade e de 132 €/ano cando dous membros acudan a dúas ou máis actividades. No caso de ser tres membros da unidade familiar os prezos serán, respectivamente, de 120 e 150 euros por temporada.

As bases das escolas deportivas municipais pódense consultar no arquivo adxunto (neste enlace).

Horarios Escolas Deportivas Bana

20220817 Cartel Torneo Xadrez copiaO pavillón municipal de San Vicenzo acollerá o domingo 18 de setembro o I Torneo de Xadrez Concello da Baña, unha proba puntuable para o VI Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña. Trátase dunha competición de xadrez rápido que repartirá un total de 700 euros en premios: para os 10 primeiros clasificados, por categorías e por idade e, por último, para os mellores deportistas locais.

O torneo disputarase ao longo de todo o día seguindo o sistema de xogo suízo, con 7 ou 8 rondas segundo o número de xogadores e xogadoras. A primeira rolda disputarase ás 11.30 h e a cerimonia de clausura está prevista para as 19.00 h. Entrementres, unha chea de partidas cun ritmo de xogo de 10 minutos e emparellamentos realizados mediante un programa informático decidirán os máis de 20 premiados en total.

Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e un premio en metálico de 120€, o primeiro; 100€ o segundo e 80€ o terceiro. Tamén haberá premios en metálico da cuarta á décima posicións e diferentes galardóns atendendo ás categorías por idade dos participantes, así como un recoñecemento para os tres mellores xadrecistas da Baña. Ademais, sortearanse agasallos para os non premiados.

A inscrición no I Torneo de Xadrez Concello da Baña está aberta ata o sábado 17 de setembro, un día antes da competición. Ten un custo xeral de 8€, se ben os sub-16 e xogadores/as locais pagarán 5€, e pode realizarse por teléfono (617 234 393) ou por correo electrónico (Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.).

O torneo está organizado polo Club Xadrez Arteixo e conta co patrocinio do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña e da empresa Lau Creaciones. Ademais de ser puntuable para o VI Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña, tamén é válido para ELO FIDE de xadrez rápido (sistema de cualificación da Federación Internacional de Xadrez), en cuxo caso cómpre estar federado/a. As bases da competición poden consultarse no arquivo adxunto.

  • Está organizado polo Concello en colaboración co Clube Seixos e a Asociación A Baña Emprende

  • Haberá probas competitivas de 26 e 16 quilómetros e unha andaina non competitiva de 16

  • A saída será na praza do Concello a partir das 9.45 horas

  • O prazo de inscrición remata o 27 de setembro

2019 trail ALI9088

O Concello da Baña organiza o vindeiro 2 de outubro, domingo, unha nova edición do Trail da Baña, que contará con dúas probas competitivas (26 e 16 quilómetros), unha andaina non competitiva de 16 km e un pequetrail con probas adaptadas as idades e número de persoas inscritas. O prazo para anotarse remata o 27 de setembro, e debe facerse a través da web de Galitiming (neste enlace) pagando unha cota de entre 5 e 15 euros, segundo a proba elixida.

O Trail da Baña está organizado polo Concello, en colaboración con Clube Seixos das sendas enxebres e a Asociación A Baña Emprende, e permitirá percorrer algúns dos paraxes máis espectaculares do municipio. A saída darase na praza do Concello ás 9.45 horas para o trail e ás 10.00 horas para a andaina. As persoas participantes no trail terán un máximo de 6 horas para completar o percorrido, que ten un desnivel positivo duns 780 metros (500 metros o minitrail).

A organización recoméndanlle aos participantes que leven impermeable, teléfono móbil cargado, vaso e sistema de hidratación propio e establece tres puntos de abastecemento con líquido e sólido, para que as persoas participantes poidan repoñer forzas. No caso do pequetrail, o abastecemento estará na meta. As persoas participantes na andaina estarán auxiliados por membros da organización e nunca poderán abandonar dita formación para evitar confusións ou accidentes.

No caso do trail, establécense premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres na liña de meta en cada unha das tres categorías establecidas: absoluta (maiores de 18 anos), veteranos e veteranas 1 (maiores de 40 anos) e veteranos e veteranas 2 (maiores de 55). O regulamento completo do Trail da Baña pódese consultar neste enlace (preme aquí)

2019 Andaina ALI8956

inscrición na proba debe facerse a través da páxina web de Galitiming (preme aquí) ata o 27 de setembro pagando a corresponden cota, que será de 15 euros para a modalidade de trail, 12 para o minitrail, 10 para a andaina e 5 euros para o pequetrail. A inscrición inclúe: dorsal personalizado, obsequio de participación, cronometraxe/clasificacións (no trail e minitrail), seguro de accidentes/reponsabilidade civil, abastecementos, servizo médico, ambulancia e servizo de fisioterapia no final da proba. As persoas participantes poderán recoller o seu dorsal o domingo 2 de outubro, entre ás 8.00 e ás 9.30 horas, na praza do Concello.

  • A atleta natural da Baña gañou na Coruña a medalla de prata nos 5.000 metros marcha do Campionato galego absoluto ao aire libre

  • O seu obxectivo: mellorar a súa marca nos 10 quilómetros rebaixándoa en cinco minutos

20220723 Alba Perez Nieto subcampioa galega 5000 Marcha 00001

A atleta Alba Pérez Nieto, natural de Corneira (A Baña), vén de acadar a medalla de prata nos 5.000 metros marcha no Campionato galego absoluto ao aire libre celebrado na Coruña. Quedou no segundo posto cun tempo de 27:09:23 minutos. Para esta nova promesa do deporte da comarca de Barcala, que milita no Club de Atletismo de Negreira, o importe non é o premio en si mesmo, aínda que se sinte orgullosa de telo acadado. “O importe é chegar ata aquí”, di, subliñando que detrás de cada proba “hai moito traballo. Esforceime moito por chegar ata ese campionato e fixen todo o que puiden para acadar a mellor marca posible, aínda que me houbese gustado que o resultado fose outro”.

“Para mi o atletismo é un xeito de vida, unha práctica que che ensina a afrontar os problemas”, indica a deportista, engadindo que “é unha forma de desafogarte e ver as cousas dende outra perspectiva”. Ela leva o atletismo e a marcha tatuado a fondo. “Hai veces que o corpo di que hai que descansar, pero cando, por algunha razón, non podo ir aos adestramentos, fáltame algo”.

A atleta recalca que “aquí nada cho dan gratis. Todo depende de ti, da túa forza de vontade, do teu traballo, do teu esforzo”. E iso é precisamente a mensaxe que quere transmitir a todas aquelas persoas mozas que se queiran dedicar a esta práctica deportiva. “Non hai escusa que valga: chova, faga frío ou calor hai que adestrar, saír a correr. Todo é importante para sumar quilómetros aínda que un ou unha non estea ao cento por cento”. Ela adestra entre 4 e 5 días á semana durante dúas horas nun circuíto variable a cabalo dos municipios de Negreira e da Baña, segundo as probas ás que se presente.

Alba Pérez Nieto comezou no mundo do atletismo hai “5 ou 6 anos”. Antes xogaba ao fútbol, na Baña. Lembra que as primeiras carreiras ás que concorreu “foron as de cross, cando estaba no colexio, da man dun profesor que se chamaba Nacho”. Esas primeiras experiencias e que unha curmá facía atletismo levaron a esta bañense por un novo camiño alleo ao fútbol. Así foi como se mergullou  no atletismo e xa conta cun bo palmarés ás súas costas.

Alba Pérez ten claro cal é o seu obxectivo para os vindeiros meses. “Quero mellorar a miña marca nos 10 quilómetros, pasando dos algo máis de 55 minutos aos 50 minutos. Iso sería o desexable, aínda que me conformaría con rebaixar esa marca en 3 ou 4 minutos. Tamén ser capaz de facer os 20 quilómetros”.

Dende o Concello da Baña, o alcalde, Andrés García Cardeso, e o concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos, felicitaron á deportista de Corneira por este magnífico resultado. O Campionato galego absoluto de 5 km marcha celebrouse o pasado día 23 na Coruña. A campioa feminina foi Oleksandra Kostenko, o club Atlética Lucense, cun tempo de 26:08:58. A segunda praza foi para Alba Pérez (27:09:23) e o terceiro posto para Salomé Segade Buide, co CA Santiago, cun tempo de 27:36:37.

O pasado mes de decembro, Alba Perez recibíu un recoñecemento do Concello da Baña durante a celebración da carreira San Silvestre

Alba perez nieto correndo San Silvestre Bana 2021 ALF2832