- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visto: 1545
-
Tenis, pilates, baloncesto, pádel, tenis de mesa, patinaxe artística, judo, baile moderno, ximnasia rítmica e acrosport forman parte da nova oferta
-
As clases comezan o xoves 11 de setembro e desenvolveranse principalmente en horario de tarde coincidindo co calendario escolar
-
O obxectivo deste servizo é promover a actividade física e o deporte entre toda a poboación ao tempo que facilita a conciliación familiar
O Concello da Baña abre mañá, martes 2 de setembro, o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas Municipais 2025/26, que se desenvolverán a partir do xoves 11 de setembro, coincidindo co calendario escolar. Este servizo busca fomentar a actividade física e o deporte entre a veciñanza, ao tempo que contribúe á conciliación das familias.
A oferta deste curso inclúe disciplinas para diferentes idades e preferencias. Entre as actividades dirixidas a nenos e nenas de 3 a 16 anos atópanse o baloncesto, baile moderno, judo, patinaxe artística, ximnasia rítmica e acrosport. Ademais, tenis e tenis de mesa estarán dispoñibles tanto para menores de 3 anos en diante como para persoas adultas; o pádel poderá practicarse a partir dos 6 anos; e pilates estará reservado ás persoas adultas.
As clases desenvolveranse nos seguintes horarios:
- Acrosport: venres de 15:30 a 17:00 horas.
- Baile moderno: luns e xoves, de 15:30 a 16:30 horas.
- Baloncesto: luns e xoves, de 15:30 a 16:30 horas.
- Judo: luns de 16:30 a 17:30 horas.
- Pádel: venres de 17:00 a 22:00 e sábado de 10:00 a 12:00 horas.
- Patinaxe artística: grupo A os martes e venres de 17:00 a 18:00 e grupo B de 18:00 a 19:00 h.
- Pilates: mércores e venres de 19:00 a 20:00 horas.
- Tenis: xoves de 17:00 a 19:00 horas.
- Tenis de mesa: venres de 15:30 a 17:30 horas.
- Ximnasia rítmica: martes de 15:30 a 17:00 horas.
Cada actividade requirirá un mínimo de sete participantes para poder realizarse. No caso de non alcanzarse o número mínimo de inscritos, a actividade poderá ser cancelada.
As cotas de participación para este curso establécense en 80 euros por tempada e actividade, cun pagamento fraccionado en tres prazos trimestrais. No caso de inscribirse en dúas ou máis actividades, a tarifa será de 120 euros por tempada (40 € por trimestre).
Tamén se aplicarán bonificacións familiares. Para dous membros da mesma unidade familiar, a cota será de 132 euros por tempada (44 € por trimestre) se cada un participa nunha actividade, ou de 177 euros por tempada (59 € por trimestre) se un deles realiza dúas ou máis actividades. Para tres ou máis membros da mesma unidade familiar, a cota será de 160 euros por tempada (53 € por trimestre) se cada un participa nunha actividade, ou de 201 euros por tempada (67 € por trimestre) se un deles realiza dúas ou máis.
As persoas interesadas deberán cubrir o formulario dispoñible na web do Concello da Baña, que poderá remitirse a través da sede electrónica, por correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou presentarse presencialmente na Concellería de Deportes. Será necesario entregar, ademais do formulario de inscrición, as autorizacións de imaxe e teléfono e a domiciliación bancaria, documentos dispoñibles en formato PDF editable nos anexos da web municipal.
Para calquera dúbida ou consulta, pódese contactar co Departamento de Deportes no correo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou no teléfono 981 886 501.
Con esta programación, o Concello da Baña reafirma o seu compromiso co deporte local, ofrecendo opcións de aprendizaxe e socialización para todas as idades durante a tempada 2025/26.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visto: 1334
-
A proba foi presentada hoxe pola concelleira de Deportes, Ana Pensado, e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín //
-
Contará con tres distancias de 28, 16 e 8 quilómetros e unha andaina non competitiva //
-
Rebaixa os prezos de inscrición para facilitar a participación //
O Trail da Baña chegará o domingo 28 de setembro á súa oitava edición. A proba, puntuable para o ranking do Circuíto Galicia Trail Running Series, presentouse este luns 4 de agosto no Concello da Baña coa presenza da concelleira de Deportes, Ana Pensado; do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e de Dani Gesto, representante do club organizador BJ Trainers. Contará de novo con tres distancias competitivas e cunha andaina e baixa os prezos para facilitar a participación, que chegou ás 300 persoas na pasada edición. As inscricións están xa abertas na páxina web de Carreiras Galegas.
A proba raíña do Trail da Baña será un trail de 28 quilómetros cun desnivel acumulado de 1.000 metros. Haberá tamén un minitrail de 16 quilómetros cun desnivel de 650 metros e un trail promesa de 8 quilómetros, este último aberto a categorías inferiores a partir de 14 anos e a aquelas persoas adultas que prefiran facer unha distancia máis curta.
A cita deportiva comprende así mesmo unha andaina non competitiva de 10 quilómetros, na que poden participar persoas de todas as idades a partir dos 12 anos. Os menores deberán ir obrigatoriamente na compaña dunha persoa maior de idade.
A saída efectuarase dende o pavillón de San Vicenzo a partir das 9.45 horas, cando comecen a correr os participantes no trail. Sairán logo o minitrail, ás 9.55 horas; e o trail promesas, ás 10.00h. A andaina poñerase en marcha cinco minutos despois, ás 10.05h.
En canto ás categorías, o trail longo contará cun total de cinco: sénior (dende 2007), máster 1 (persoas nadas entre 1990 e 1980), máster 2 (persoas nadas en 1979 e anos anteriores) e absoluta. No trail curto establécense as categorías Sub 20, Sub 18, Sub 12, sénior e absoluta. Haberá premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada categoría, así como para os tres primeiros clubs clasificados, os tres clubs con maior participación e os mellores atletas locais.
Puntuarán para o ranking galego as probas de trail longo de 28 quilómetros nas categorías Classic Sub 23, absoluto e máster. Na proba curta, de 8 quilómetros, quedarán rexistradas as marcas en Preclassic Sub 20, Sub 18 e Sub 16.
As inscricións quedarán abertas dende este luns, 4 de agosto, ata o martes 23 de setembro na páxina www.carreirasgalegas.com. O prezo é de 15€ para o trail, 12€ para o minitrail, 10€ para o trail promesas e 5€ para a andaina. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo, contarán con varios puntos de abastecemento ao longo do percorrido e poderán gozar dun catering final, no que tamén terán a oportunidade de coñecer e saborear as tradicionais filloas da pedra da Baña.
As bases do trail poden consultarse no arquivo adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visto: 747
-
Contará con dous circuítos para facilitar a participación: un de 1,5 quilómetros para os máis peques e outro de 10 quilómetros //
-
A proba sairá ás 10.00 horas da praza do Concello e rematará cuns petiscos no pavillón de San Vicenzo //
-
As inscricións poden facerse xa no departamento municipal de Deportes //
A Festa da Filloa da Pedra da Baña, que se desenvolverá o domingo 16 de marzo, daralle este ano protagonismo ao deporte coa celebración da primeira Ruta Ciclista da Filloa, unha proposta dirixida fundamentalmente a público familiar que busca fomentar os hábitos saudables desfrutando, a un tempo, dunha xornada de convivencia.
A Ruta Ciclista, que sairá ás dez da mañá da praza do Concello, contará con dúas modalidades de participación con diferentes distancias para facilitar a participación de ciclistas de todas as idades. Para a cativada, establécese un circuíto de 1,5 quilómetros, que nenas e nenos poderán facer na compaña das súas nais ou pais, antes de rematar a proba cunha xincana de conos pola praza.
O resto dos participantes, sen límite de idade, cubrirán un circuíto de dez kilómetros, cunha parada de avituallamento á metade do percorrido para repoñer forzas e reagrupar o pelotón. Os menores de 11 años poderán participar sempre que vaian obrigatoriamente acompañados dunha persoa adulta.
Rematada a ruta, todos os ciclistas gozarán xuntos duns petiscos no pavillón municipal de San Vicenzo.
As inscricións están abertas no departamento de Deportes do Concello da Baña. Todas aquelas persoas que queiran participar só teñen que facilitar os seus datos chamando ao 669 368 413 ou mandando un correo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visto: 950
- As probas das categorías escolares, con 146 participantes, animaron as rúas de San Vicenzo con numeroso público presente
- Jesús Suárez e Adriana Rey, bañenses máis rápidos na 10K, e Adrián Darriba e Zaira Blanco, na 5K
- Esta primeira edición da proba forma parte do circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña

Jorge Crespo e Nia Franco foron esta mañá os gañadores da proba de dez quilómetros da I Carreira Popular da Baña, na que participaron máis de trescentos atletas en todas as categorías. Na carreira de cinco quilómetros os primeiros en cruzar a liña de meta foron Alberto Riveiro e Laura Felisa López. Os atletas bañenses máis rápidos foron José Suárez e Adriana Rey (na 10K) e Adrián Darriba e Zaira Blanco, na 5K. As clasificacións pódense consultar na web de Carreiras Galegas (preme aqui).
Un cento de atletas disputaron a proba de 10 quilómetros da I Carreira Popular da Baña. Os máis rápidos na categoría masculina foron Jorge Crespo Arias, do CA Sar, que cruzou a liña de meta en 33.57 minutos, seguido do seu compañeiro de quipo Martín Lestido (35.01) e de Víctor González Horta, do Comesaña Sporting Club, cun tempo de 35.30.
Na categoría feminina, Nia Franco (45.06) sacoulle case un minuto a segunda clasificada, Adriana Rey (45:59), e dous minutos a terceira clasificada, Natalia Lorenzo (47.16).
Nesta carreira, os atletas da Baña que subiron ao podio por ser os e as primeiras en cruzar a meta foron José Suárez Leis (35.50), José Manuel García Antelo (40.19) e Antonio Barreiro Cordeiro (46.55). Na categoría feminina, as máis rápidas foron Adriana Rey (45.59) e Sandra Rodríguez Nieto (1.05.14).

Na proba de 5 quilómetros, Alberto Riveiro Lampón (C.A. Sar) non deu opción e impúxose cun tempo de 16.52, seguido de Ramón González País (17.24) e Miguel Montero Noya (18.10). En categoría feminina, as tres primeiras foron Laura Felisa López López (23.56), Xulia Vidal Tubío (25.20) e Alba Forján Costa (26.04).
Os premios para atletas bañenses na proba de 5K foron para Adrián Darriba (20.43), Antonio Velo (28.12) e Luigi Croce (33.30). En mulleres as máis rápidas foron dúas integrantes do S.D. A Baña, Zaira Blanco (29.01) e Leticia Fernández (40.35).
Un dos protagonistas desta primeira edición da Carreira Popular da Baña foi o ferrolán Jesús Bernal Gómez, que con preto de 80 anos fixo 15 quilómetros ao participar tqnto na 5K como na 10K.
As categorías escolares animaron o ambiente en San Vicenzo, polo número de familiares e amigos que acompañaron aos 146 atletas menores que participaron nas diferentes categorías, dende a categoría sub-18 ata biberóns.
Na proba estivo presente o deputado provincial Antonio Leira. O alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, entregaron os trofeos aos gañadores e gañadoras das diferentes categorías.
José Antonio Pereira agradécelle a colaboración ás persoas voluntarias que se implicaron coa organización da carreira, así como aos integrantes de Protección Civil, da Federación Galega de Atletismo e aos propios asistentes e participantes, e ao técnico municipal de deportes. O alcalde destacou a implicación do organismo provincial, que incluíu esta proba no XI Circuíto de Carreiras Deputación da Coruña.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visto: 696
-
A primeira cita será o Día da Bicicleta, cunha proposta familiar e lúdica //
-
A Carreira pedestre e o Torneo de Minibásquet son as principais novidades dunha programación que inclúe eventos consolidados como o Trail ou os torneos de pádel e xadrez //
-
O Día do Deporte marcará en setembro o inicio do curso das Escolas Deportivas Municipais, con exhibicións e competicións ao aire libre //
A primeira edición do Día da Bicicleta inaugurará en febreiro unha ampla programación de actividades deportivas para o ano 2025, deseñada polo Concello da Baña para promover un estilo de vida activo e saudable entre a poboación de todas as idades. O Concello da Baña presenta unha variada oferta que combina eventos xa consolidados no calendario deportivo local, como o Trail da Baña ou os torneos de pádel e de xadrez, con novidades como a Carreira Pedestre ou o Torneo de Minibásquet, ademais de actividades ao aire libre, como o Día do Deporte ou o piragüismo no río Tambre.
A programación comezará en febreiro coa celebración do primeiro Día da Bicicleta, que terá lugar o domingo 16, coincidindo coa celebración da Festa da Filloa da Pedra. Será unha actividade non competitiva, de carácter familiar e lúdico, ideal para gozar dunha mañá de deporte en compañía. Xa en marzo, será a quenda do Torneo de Minibásquet, tamén na súa primeira edición, que se organizará en colaboración co club Deleite Baloncesto Brión e estará dirixido ao público escolar, promovendo o baloncesto desde as idades máis temperás.
O mes de abril incluirá dúas iniciativas destacadas: a primeira edición da Carreira Pedestre, organizada coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, que contará con distancias adaptadas tanto para escolares como para persoas adultas; e o xa consolidado Campus Deportivo, que terá lugar durante as vacacións de Semana Santa en horario de mañá, ofrecendo unha opción de conciliación para familias con nenos e nenas de 3 a 14 anos.
En maio, a programación continuará cunha saída de piragüismo ao río Tambre, unha actividade que xa se realizou noutras ocasións e que sempre conta cunha boa acollida. Ademais, ese mesmo mes organizarase unha xornada saudable para persoas adultas, con masterclasses de pilates, ioga e relaxación.
O peche do curso deportivo celebrarase en xuño, cunha gala de clausura das Escolas Deportivas Municipais na que se ofrecerán exhibicións das distintas disciplinas practicadas ao longo do ano, como baile moderno, baloncesto, patinaxe artística, tenis, tenis de mesa, xadrez e judo. Tamén en xuño terá lugar a cuarta edición do Torneo de Xadrez, unha competición puntuable para o circuíto intercomarcal de xadrez da Deputación da Coruña.
Actividades de verán e de inverno
No mes de xullo, a veciñanza poderá desfrutar dunha saída ao parque acuático, unha actividade aberta a todas as idades, e dos cursos de natación que se impartirán na piscina municipal de Agra de Chans en horario de mañá. Xa en agosto, será a quenda da Festa da Auga, que se celebrará tamén na piscina municipal, ofrecendo unha xornada refrescante e lúdica para os días de verán.
Setembro marcará o inicio dun novo curso das Escolas Deportivas Municipais, que se desenvolverán ata xuño de 2026 coincidindo co calendario escolar. Para celebralo, organizarase o Día do Deporte, con torneos e exhibicións que terán lugar ao aire libre na praza do Concello, convertendo este evento nunha cita central da programación anual.
O outono estará marcado pola celebración, en outubro, dunha nova edición do Trail da Baña, unha das probas de montaña máis destacadas de Galicia, recentemente recoñecida na I Gala do Trail Running Galego. A edición anterior acadou un récord de participación, con 300 inscritos nas modalidades de trail, minitrail, trail promesa e andaina non competitiva. En novembro, será a quenda do Torneo de Pádel, que chegará á súa cuarta edición e se celebrará no pavillón de Lañas, dirixido a xogadores afeccionados maiores de 10 anos. Este torneo conta con gran popularidade, alcanzando un récord de 45 parellas inscritas na súa última convocatoria.
A programación deportiva pecharase en decembro cunha saída á pista de xeo, unha actividade aberta a toda a veciñanza que servirá para celebrar as festas de Nadal con deporte e diversión en familia.
Aviso importante: a programación deportiva poderá sufrir modificacións ao longo do ano por motivos organizativos ou climatolóxicos. O Concello da Baña informará puntualmente de calquera cambio a través das súas canles oficiais para garantir a participación e o goce das actividades por parte de toda a veciñanza.


