• As risas e o bo humor chegarán da man de pezas como ‘Monólogos 3 en 1’, ‘Marcho que teño que marchar’, ‘Vicio houbo sempre’, ‘E ti de quen ves sendo’ e ‘Enredadas’  

 

outono cultural

 

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, presenta unha nova edición do seu programa Outono Cultural co ciclo Outono de Monólogos.

As actuacións comezarán xa este venres 20 de setembro da man de Debullando Teatro e o seu Monólogos 3 en 1 cargado de gargalladas e bo humor.

No mes de outubro a cita é coa compañía Inventi Teatro, que o venres 4 ofrece Marcho que teño que marchar. Trátase dun emocionante e divertido espectáculo unipersonal protagonizado por Bea Campos que ofrece un momento para a reflexión sobre os roles establecidos, as herdanza culturais e as tradicións familiares.

O mes de novembro estará repleto de humor e teatro, con tres espectáculos programados. O día 8 de novembro, Xarope Tulú achegará ao público a obra Vicio houbo sempre onde Atenea García recolle historias de vía nas marxes de mulleres maiores de 85 anos. Estas charlas acaban, en moitas ocasións, falando de pracer e sexualidade, de cousas supostamente prohibidas tempo atrás, deixando entrever que cousas como chegar virxe ao matrimonio sucedía, pero non sempre.

O día seguinte, o 9 de novembro, Debullando Teatro volverá ao escenario, desta vez en Lañas, cunha nova función titulada E ti de quen ves sendo ás 19:00 horas.

O ciclo pecharase o venres 22 de novembro coa actuación de Leti da Taberna que presentará Enredadas. Neste monólogo Leticia Miraz explora en ton irónico a nosa relación coas redes sociais e como nos inflúen no noso día a día, provocando que o público se vexa identificado coas situacións que se presentan e acabe ríndose de si mesmo.

Todas as actuacións levaranse a cabo na Casa da Cultura ás 20.30 horas excepto E ti de que ves sendo que terá lugar en Lañas ás 19.00 horas.

Este Outono de Monólogos está organizado co apoio da Deputación da Coruña, ofrecendo unha programación variada e de calidade para todas as idades, que promete encher de risas e bo humor as tardes de outono á veciñanza do Concello da Baña.

As Atrevidas de Monte Alto e os gaiteiros da Escola de Música Tradicional animaron a sesión matinal

O Trío deTres e As Maianas puxeron o colofón a unha romaría que tenta emular ás celebradas nos anos cincuenta

Os xogos populares e un xantar na carballeira de Seilán completaron a oferta

 

20240915 Banha romeria da ReVolta 3

 

A música tradicional foi unha das protagonistas este domingo na Feira da Re-Volta da Baña, coa que o Concello lembra as tradicionais feiras dos anos cincuenta do século pasado. Un xantar ao aire libre e os xogos populares completaron a oferta na carballeira do Seilán, á que se achegaron bañenses e visitantes, moitos vestidos con roupas de época.

As Atrevidas de Monte Alto e os gaiteiros da Escola de Música Tradicional da Baña animaron a sesión matinal, despois da misa celebrada na capela. Tras os bailes da sesión vermú tocaba repoñer forzas nun xantar celebrado na propia carballeira do Seilán, cun menú a basea de churrasco, callos, orellas e chourizos ao viño.

Pola tarde, o Trío DeTres amenizou a sobremesa, antes de que desen comezo os xogos populares. As Maianas pecharon o programa festivo cunha actuación moi aplaudida polo público presente.

Album de fotos na páxina de Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20240915 Banha romeria da ReVolta 15

  • Tenis, pilates, baloncesto, pádel, tenis de mesa, xadrez en liña, patinaxe artística, karate, judo e baile moderno continúan formando parte da oferta 

  • As clases comezan o mércores 11 de setembro e desenvolveranse principalmente en horario de tarde coincidindo co calendario escolar

  • O obxectivo deste servizo é promover a actividade física e o deporte entre toda a poboación ao tempo que  facilita a conciliación familiar

  • Durante a primeira semana ofrécese a posibilidade de poder asistir ás clases de balde para probar as diversas modalidades antes de realizar a inscrición oficial

 

Cartel Escolas deportivas 2024 2025

 

O Concello da Baña abre o período de inscricións para as Escolas Deportivas Municipais 2024/25, que se desenvolverán entre o vindeiro mércores 11 de setembro e o mes de maio, coincidindo co calendario escolar. Este servizo ten como obxectivo promover a actividade física e o deporte entre toda a poboación ao tempo que facilita a conciliación das familias.

As Escolas Deportivas ofertarán diversas disciplinas adaptadas a diferentes idades e preferencias. Entre as actividades que se ofrecerán están o baloncesto, baile moderno, judo, karate, patinaxe artística e tenis, dirixidas a nenos e nenas de 3 a 16 anos. Ademais, haberá opcións como tenis de mesa, xadrez, pilates e pádel para maiores de 3 anos.

As clases desenvolveranse nos seguintes horarios:

  • Baile moderno: luns e xoves de 15:30 a 16:30 horas
  • Baloncesto: luns e xoves de 15:30 a 16:30 horas
  • Judo: luns de 16:30 a 17:30 horas
  • Patinaxe artística: grupo A os martes e venres de 17:00 a 18:00 horas e grupo B os martes e venres de 18:00 a 19:00 horas.
  • Karate: martes e xoves de 16:30 a 17:30 horas.
  • Pilates: mércores e venres de 19:00 a 20:00 horas.
  • Xadrez: xoves de 18:30 a 19:30 horas.
  • Tenis: xoves de 17:00 a 19:00 horas.
  • Tenis de mesa: venres de 15:30 a 17:30 horas.
  • Pádel: venres de 17:00 a 22:00 horas e sábado de 10:00 a 12:00 horas.

Cada actividade requirirá un mínimo de cinco participantes para poder levarse a cabo. Establécese un prazo de inscrición de 10 días hábiles, e as solicitudes presentadas fóra deste prazo serán incluídas nunha lista de agarda. No caso de non alcanzar o número mínimo de inscritos, a actividade poderá ser cancelada.

Durante a primeira semana ofrécese ademais a posibilidade de poder asistir ás clases de balde para probar as diversas modalidades antes de realizar a inscrición oficial.

Inscricións

As cotas de participación estableceranse en 60 euros por tempada e actividade para usuarios individuais. Quen se inscriba en máis dunha actividade abonará 90 euros por curso. Ofrecerase tamén un bono familiar, que suporá un custo de 99 euros por tempada para dous membros da mesma unidade familiar, e de 132 euros no caso de que un dos integrantes realice dúas ou máis actividades. Para tres ou máis membros dunha mesma familia, a cota será de 120 euros se cada un participa nunha actividade, e de 150 euros se un dos membros realiza dúas ou máis.

Para inscribirse, os interesados deberán cubrir un formulario dispoñible na páxina web do Concello da Baña, que poderá ser remitido a través da sede electrónica ou enviado por correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., xunto coa documentación requirida. As inscricións tamén poderán entregarse presencialmente na Concellería de Deportes. Será necesario presentar, ademais do formulario de inscrición, as autorizacións de imaxe e teléfono e a domiciliación bancaria, documentos que están dispoñibles en formato PDF editable nos documentos adxuntos desta páxina web.

O Departamento de Deportes será o encargado de supervisar e coordinar as actividades, asegurando que o servizo se preste con calidade e adaptado ás necesidades dos usuarios. Así mesmo, levaranse a cabo accións para fomentar o coñecemento do deporte desde a infancia, organizaranse exhibicións e campionatos, e manterase un contacto constante coas familias dos participantes.

Con esta oferta deportiva, o Concello da Baña segue a impulsar o deporte local, proporcionando opcións de aprendizaxe, diversión e socialización para todas as idades durante a tempada 2024/25.

 

  • A cita ten como obxectivo principal recrear o ambiente das antigas romarías dos anos cincuenta

  • As Pandereteiras de Monte, a Escola de Música Tradicional da Baña, o Trío DeTres e o grupo de cantareiras Maianas amenizarán a xornada

Festa Re Volta

O vindeiro domingo 15 de setembro, o Concello da Baña celebra unha nova edición da Festa da Re-Volta na carballeira de Seilán. A cita ten como obxectivo principal recrear o ambiente das antigas romarías dos anos cincuenta, unha época na que a música, os xogos populares e a convivencia eran protagonistas da vida comunitaria.

A Festa da Re-Volta naceu co propósito de manter viva a memoria destas celebracións tradicionais, permitindo á veciñanza e aos visitantes viaxar no tempo e vivir unha xornada que mestura o pasado coa festa actual. O evento ofrecerá unha animada programación musical coa actuación das Pandereteiras de Monte, ás 12:45 horas, da Escola de Música Tradicional da Baña, ás 13:00h, e do Trío DeTres, a partir das 16:30 horas, que garantirán unha xornada chea de ritmo e tradición.

Ás 17:00 horas será o momento dos xogos populares onde as familias poderán gozar das actividades tradicionais nun ambiente de convivencia e participación interxeracional.

A xornada contará pola tarde coa actuación do grupo de cantareiras Maianas.

A Festa da Re-Volta preserva as tradicións e costumes que foron parte da historia colectiva da Baña, ao tempo que ofrece un espazo para o encontro e a diversión.

WhatsApp Image 2024 09 05 at 14.39.29

  • As persoas interesadas en revisalas deberán concertar unha cita previa a través do correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

20240903 contas publicas

O Concello de A Baña reafirma o seu compromiso coa transparencia e a boa gobernanza ao poñer a disposición da veciñanza todas as facturas de gastos e ingresos correspondentes ao exercicio 2023, así como a Conta Xeral do mesmo ano.

Estas informacións estarán dispoñibles para a súa consulta na Casa do Concello, e as persoas interesadas en revisalas poderán facelo concertando previamente unha cita a través do correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Con esta medida, o Concello busca facilitar o acceso á información pública e promover a participación cidadá na xestión dos recursos municipais. A finalidade é ofrecer á veciñanza da Baña unha visión clara e detallada sobre como se xestionaron os recursos municipais ao longo do ano pasado.

A posta a disposición pública da Conta Xeral de 2023 é un paso máis cara a unha xestión máis aberta e accesible, onde a transparencia, a seriedade e a responsabilidade son prioritarias.