• No plan complementario, o concello inclúe a mellora do viario de Nantón a O Barro, cun orzamento de 230.000 euros

  • Aprobado un expediente extraxudicial de crédito para pagar facturas por importe de 369.000 euros

  • A Corporación apoia a moción do BNG solicitando cubrir a praza de pediatra no centro de saúde

 

 

Os diferentes Plans de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña foron os protagonistas do primeiro pleno ordinario deste ano no Concello da Baña. A Corporación debateu a solicitude do POS+ 2026; a incluída no adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios, o adicional 3/2026 para a redución de débeda e a modificación do adicional 4/2025. En conxunto todas as propostas incluídas nos diferentes POS+ superan os 870.000 de euros, e todas elas aprobáronse por unanimidade dos concelleiros.

Polo que respecta ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+2026 da Deputación da Coruña, no que o Concello da Baña ten asignados 660.202,91 euros, o Pleno aprobou onte reservar 533.199,11 euros para gasto corrente e pagar a provedores, e outros 127.003,80 euros para a mellora dun viario na parroquia de Fiopáns.

O proxecto contempla a mellora da capa de rodaxe nun tramo de 1,8 quilómetros con 5 centímetros de aglomerado en quente, da estrada que vai de Vilar de Suso ata o límite do municipio.  Tamén inclúe a limpeza de gabias e a realización dun cruce de pluviais cun tubo de oitenta centímetros de diámetro. O orzamento total é de 127.003,80 euros.

Neste mesmo apartado, e dentro do Plan complementario, o equipo de goberno incluíu o proxecto de mellora do viario de Nantón ata O Barro, que ten un orzamento de 230.491,53 euros. Este proxecto contempla a mellora da capa de rodaxe nun tramo de tres quilómetros con 5 centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Tamén contempla a limpeza de gabias, entre outras actuacións.

O Pleno tamén aprobou a distribución dos 77.670,93 euros do POS+ adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios que lle corresponden ao Concello da Baña. Segundo explicou a tenente de alcalde, Mónica González, 22.670,93 euros resérvanse para reforzo ou ampliación do persoal técnico do departamento de Servizos Sociais para “contratar outra traballadora social para garantir a continuidade do servizo”, asegurou. Outros 5.000 euros destinaranse para axudas de emerxencia; 35.000 para reforzo do Servizo de Axuda no Fogar e de carácter básico, e 15.000 para  poñer en marcha o “un programa de loita contra a soidade non desexada no concello da Baña”, dixo Mónica González.

Os tres grupos políticos coincidiron en que se precisa un acordo para que “Xunta e Goberno central financien o sistema de dependencia e non nos carguen aos concellos cunhas competencias impropias, sen facilitarnos financiamento”, como resumiu o alcalde, José Antonio Pereira.

Do mesmo xeito, acordouse destinar os 116.506,40 euros no POS+ adicional 3/2026 para reducir a débeda do Concello coa Deputación da Coruña, pola utilización de préstamo provincial dos plans 2015 a 2023. Por outra banda, A Baña solicítalle á Deputación que os 19.912,99 euros do POS+ adicional 4/2025 se sumen ao Plan adicional POS 2026. 

Por outra banda, o alcalde defendeu a necesidade de aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe total de 369.004,01 euros “para poder pagar facturas a provedores dos últimos meses”.  A proposta aprobouse cos 6 votos a favor do grupo de goberno (5 do PSdeG-PSOE e 1 do BNG) e a abstención do PP (5).

Tamén por unanimidade acordouse que o Concello da Baña se sume ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e o Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias. Neste apartado, os portavoces dos tres grupos coincidiron en destacar que a responsabilidade de manter limpos os montes, sobre todo nas zonas próximas ás casas, é dos propietarios das leiras.

O Pleno tamén aprobou por unanimidade modificar a política de seguridade do Concello da Baña para adaptarse aos requisito establecidos pola Deputación da Coruña e polo Plan nacional de seguridade.

Pediatra no centro de saúde

A moción presentada polo BNG para instar á Consellería de Sanidade a que sempre manteña cuberta a praza de pediatra no centro de saúde da Baña aprobouse por unanimidade. Mónica González explicou que dende mediados de novembro ata o 12 de xaneiro o centro de saúde non contou cun pediatra, “o que provoca graves trastornos para as familias e unha mala atención para as crianzas”.

Ademais de cubrir de xeito inmediato todas as ausencias da pediatra no centro de saúde bañense e reclamar as medidas adoptadas para a solución definitiva da situación, o BNG tamén lle pide ao concello que faga un seguimento activo desta problemática.

José Antonio Pereira cualificou este problema de “crónico” e lembrou as iniciativas que xa se levaron a cabo dende o propio Concello e desde o grupo socialista en diferentes estancia, “de momentos tivemos boas palabras, pero non houbo solución” para que a praza de pediatría do centro de saúde da Baña estea sempre cuberta. O alcalde criticou que, ao contrario do que di, a Xunta non apoia o rural “ao non apostar por ofrecer os servizos que se precisan, como é o de pediatría”.

Dende o PP, Andrés García Cardeso tamén apoiou a moción, se ben trasladou que “dende a administración sinalan que non hai profesionais para cubrir as baixas”.

A Corporación tamén apoiou a iniciativa do PP en defensa do sector primario polo acordo acadado pola Unión Europea con Mercosur. Entre outros puntos, a moción solicítanlle ao goberno central que defenda as cláusulas de salvagarda para esixir que todos os produtos agroalimentarios procedentes de terceiros países cumpran cos mesmos controis  e estándares de calidade que os esixidos na Unión Europea.

Jesús Pena indicou que o PSdeG vai apoiar a moción, como concello gandeiro e rural como o da Baña. A moción aprobouse cos votos de PP (5) e PSdeG (5) e a abstención do BNG.

 

20260128 Banha pleno ordinario proxectos POS 1

  • O alcalde José Antonio Pereira xuntouse cos representantes da SD A Baña, da Asociación Cultural e Deportiva A Baña Veteranos, do Club A Baña Futsal e da Asociación Deportiva de Cazadores SanCan

20251216 sinatura SDABanha Leticia Fernandez

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, mantivo diferentes xuntanzas coas persoas responsables das entidades deportivas existentes no municipio co obxectivo de concretar e reforzar os acordos de colaboración entre o Concello e o tecido deportivo local.
No marco destes encontros, procedeuse á sinatura dos convenios municipais coa SD A Baña, representada por Leticia Fernández; coa Asociación Cultural e Deportiva A Baña Veteranos, representada por Miguel Villaverde; co Club A Baña Futsal, representado polo seu presidente, Pablo Penido; e coa Asociación Deportiva de Cazadores SanCan, representada por Laurentino Arnejo. Estas entidades desenvolven unha importante labor na promoción do deporte e da actividade física no municipio.
Os convenios inclúen, entre outras medidas, a cesión de instalacións deportivas municipais e unha achega económica que permitirá apoiar o funcionamento e as actividades deportivas ao longo do ano.
Desde o Goberno local destácase que esta actuación forma parte do compromiso do Concello da Baña coa promoción dunha vida activa e saudable, así como co fomento dos valores do deporte, a participación social e o benestar da veciñanza.
O Concello da Baña continuará traballando de xeito coordinado coas entidades deportivas para impulsar o deporte base, apoiar o asociacionismo e fortalecer a oferta deportiva municipal.
20251216 sinatura Miguel Villaverde A Banha veteranos20251216 sinatura Pablo Penido A Banha Futsal20251216 sinatura Scan Laurentino Arnejo
 
  • O obxectivo é fomentar o espírito do Nadal, potenciar a creatividade veciñal e poñer en valor as aldeas do municipio a través da decoración dos seus espazos exteriores

  • Para participar hai que enviar un vídeo de 2 minutos que amose a decoración instalada antes do 19 de decembro

  • A decoración deberá permanecer desde o 19 de decembro ata o 8 de xaneiro

  • A aldea gañadora será elixida mediante votación pública nas redes sociais oficiais do Concello

  • Repartiranse 600 € en premios

20251201 decoracion aldeas

O Concello da Baña, a través da Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, convoca o I Concurso de Decoración de Nadal das aldeas do municipio, unha iniciativa pensada para fomentar o espírito do Nadal, potenciar a creatividade veciñal e poñer en valor as aldeas do municipio a través da decoración dos seus espazos exteriores visibles dende a rúa.

Poderán participar todas as aldeas do termo municipal que deberán crear unha decoración de Nadal nun espazo público da súa elección, deixando voar a súa imaxinación e estilo propio.

A participación formalizarase mediante o envío dun vídeo de aproximadamente 2 minutos que amose a totalidade da decoración instalada, acompañado do formulario de inscrición que aparece nas bases. O vídeo deberá enviarse por WhatsApp ao número 620 980 631 antes do 19 de decembro de 2025. O formulario de inscrición poderá entregarse presencialmente no Concello ou por correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

A decoración deberá permanecer instalada desde o 19 de decembro de 2025 ata o 8 de xaneiro de 2026, ambos incluídos, e deberá incluír visiblemente o texto ‘Nadal na Baña’.

Sistema de selección e criterios

A aldea gañadora será elixida mediante votación pública nas redes sociais oficiais do Concello, correspondendo o premio ao vídeo que obteña maior número de interaccións entre o 19 de decembro ata as 15:00 horas do 2 de xaneiro de 2026. O Concello poderá descualificar participacións que empreguen métodos fraudulentos para garantir a transparencia do proceso.

O concurso establece os seguintes premios:

  • 1º premio: lote de produtos de decoración de Nadal valorado en 300 €
  • 2º premio: lote valorado en 200 €
  • 3º premio: lote valorado en 100 €

A entrega dos premios terá lugar durante a tradicional Cabalgata de Reis do Concello da Baña, convertendo este evento nunha celebración colectiva da creatividade e o espírito navideño das nosas aldeas.

Co I Concurso de Decoración de Nadal, o Concello da Baña pretende fortalecer os lazos comunitarios, incentivar a participación veciñal e consolidar as aldeas como referentes de cultura e tradición durante as festas de Nadal, promovendo así un municipio máis vivo, acolledor e participativo.

As bases completas do concurso xunto ao formulario de inscrición están dispoñibles no ficheiro adxunto ou na sede electrónica.

 

 

  • A celebración comeza ás 12.00 horas coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña

  • Os obradoiros creativos e de coroas naturais, así como os xogos populares animarán a participación veciñal 

  • A visita de Papá Noel e do Apalpador será un dos momentos máis esperados 

  • Haberá postos de artesanía, doces típicos e poderán degustarse as populares filloas de pedra

 20251214 Mercado Nadal horizontal

 

O pavillón municipal da Baña será o vindeiro domingo 14 de decembro o punto de encontro das festas do municipio coa celebración do Mercado de Nadal 2025, unha cita organizada dende a Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía que regresa cun programa variado e pensado para todas as idades.

A xornada comezará ás 12.00 horas coa apertura oficial e a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña, que dará paso, ás 12.30 horas, ao primeiro obradoiro creativo: Miña casiña, meu lar, con sesións de mañá e tarde para todos os interesados. Xa pola tarde, ás 15.30 horas, será a quenda do grupo As Atrevidas de Monte, que encherán o pavillón de música e diversión, mantendo o espírito festivo e familiar durante toda a xornada.

Ás 16.00 horas, o público poderá participar no obradoiro de coroas naturais, organizado por AFA Avania e dirixido a persoas adultas e a cativada a partir de 6 anos, para o que é necesaria inscrición previa no teléfono 697 342 138.

Ás 17.00 horas, a compañía A Xanela do Maxín presentará o espectáculo familiar Agasallos do Apalpador: palabras e xoguetes un espectáculo familiar no que o Apalpador baixa das montañas do Courel para recuperar palabras en galego esquecidas. As nenas e nenos participarán redescubrindo nomes de xoguetes e expresións antigas, e despois poderán xogar e dar vida a esas palabras nunha instalación con xogos e xoguetes tradicionais.

Tras a representación, chegará un dos momentos máis esperados: a chegada conxunta de Papá Noel e o Apalpador, prevista para as 18.15 horas, seguida de xogos populares abertos a todas as idades ás 18.30 horas. Ás 19.30 horas, darase a coñecer o fallo do concurso de Postais de Nadal en galego, no que participou a mocidade do concello co obxectivo de facer visible o noso idioma nestas datas. Todas as postais estarán expostas na feira, completando así unha xornada cultural e lúdica para todos.

O Mercado pechará ás 20.00 horas, despois dunha intensa xornada na que veciñas e veciños poderán tamén gozar dos tradicionais postos de artesanía, doces típicos e das populares filloas de pedra.

A Concello da Baña convida á veciñanza a achegarse ao pavillón para compartir unha xornada festiva, apoiar o comercio local e vivir o espírito do Nadal en comunidade.

  • A Corporación garda un minuto de silencio no Pleno polo pasamento do ex concelleiro José Antonio Ramos Calvo

  • Apoio unánime á moción do BNG para adiantar os cribados do cancro de mama aos 40 anos

  • Aprobada tamén por unanimidade a moción do PP para erradicar a violencia contra as mulleres

 

 

 

O Concello da Baña vai destinar a partida de 215.000 euros que lle corresponden do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña a financiar tres obras “moi necesarias para a veciñanza”, segundo explicou o alcalde, José Antonio Pereira. A Corporación aprobou por unanimidade facer as obras de adaptación á normativa en vigor da antiga aula do do Punto de Atención á Infancia (19.912 euros), e aglomerar viarios en San Cibrán (115.723 €) e Busto (79.425,03 euros). 

O Pleno ordinario celebrado este 26 de novembro comezou coa Corporación gardando un minuto de silencio polo pasamento do ex concelleiro socialista José Antonio Ramos Calvo, “coñecido polos veciños da Baña como Suso”, explicou o alcalde. Na sesión tamén se aprobaron por unanimidade as mocións do BNG para adiantar o cribado do cancro de mama ás mulleres de 40 anos, e a do PP para impulsar medidas para erradicar a violencia contra as mulleres

A Baña vai destinar a investimentos financeiramente sostibles os 215.061,57 euros que lle corresponden do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña. No pleno ordinario de onte aprobáronse os proxectos que se van incluír neste plan de obras e servizos, que será financiado integramente pola Deputación da Coruña.

O alcalde explicou que nesta fase do POS+ vanse incluír “dúas obras moi necesarias para facilitar a comunicación entre a veciñanza da Baña e que permitirán aglomerar tanto o núcleo de San Cibrán como a entrada do Busto, na área de autocaravanas, e levalo ata a saída cara a Cotobade. En ambos casos utilizarase aglomerado en quente para mellorar a capa de rodaxe nas dúas zonas”, asegurou José Antonio Pereira.

O proxecto para a estrada de San Cibrán conta cun orzamento de 115.723,55 euros, mentres o de Busto ascende a 79.425,03 euros. En ambos casos, as obras inclúen tamén a limpeza de gabias e outras melloras.

No caso do Punto de Atención á Infancia vanse acometer melloras no edificio para adaptar os accesos e os servicios ás actuais esixencias hixiénicos sanitarias. O obxectivos é independizar os espazos de acceso, oficina, cociña e aseo do persoal da aula en funcionamento no actual edificio do PAI, unha obra que suporá un investimento de 19.912,99 euros. 

A construción do novo módulo para que o PAI da Baña conte con once prazas máis (obras que rematarán este ano) fai obrigatoria a adaptación do edificio existente a normativa en vigor.

Tanto Mónica González (BNG) como Andrés García Cardeso (PP) consideraron as obras moi necesarias, polo que votaron a favor. 

O Pleno tamén apoiou por unanimidade a moción do BNG para solicitarlle á Consellería de Sanidade que os programas para a detección precoz do cancro de mama se adianten aos 40 anos (actualmente diríxense a mulleres de entre 50 e 74 anos). Na exposición, Mónica González explicou que diferentes estudos científicos e recomendacións de sociedades médicas sinalan que o aumento de casos de cancro de mama en mulleres de entre 40 e 49 anos xustifican adiantar a idade de inicio destes cribados para detectar precozmente o cancro de mama e poder tratalos con maiores garantías de éxito.

Dende o PSdeG, Vanessa Gil apoio unha iniciativa que “pretende mellorar a calidade sociosanitaria da nosa sociedade. Con esta moción facemos honra a todas as mulleres que padeceron, que padecen e que padecerán cancro no futuro. Agardamos que se adiante os cribados do cancro de mama”, afirmou a concelleira.

Tamén por unanimidade aprobouse a moción do PP con motivo do 25N. Patricia Lois defendeu unha iniciativa que solicita a execución de medidas tanto a nivel local, como autonómico e estatal para loitar e erradicar a violencia contra as mulleres. Entre elas incluíase accións de formación do persoal municipal e promover campañas divulgativas e preventivas entre o alumnado bañense.

Dende o goberno local, Ana Pensado (PSdeG), considerou “esencial erradicar a violencia machista de todos os nosos ámbitos e dar protección a quen a sofre”, polo que se amosou partidaria promover accións formativas e divulgativas tanto entre o persoal municipal como entre a mocidade bañense, “ademais de facer seguimento de posibles casos dende os servizos sociais municipais”.

Mónica González (BNG) tamén considerou necesario “poñer recursos enriba da mesa para que as vítimas non teñan que convivir co seu maltratador”, e cualificou de “fundamental” impulsar medidas de prevención e sensibilización entre a mocidade “e traballar nos centros escolares dende idades moi temperás”.

 

20251126 Banha pleno ordinario obras POS mocions PP BNG 1