• A contratación, cofinanciada pola Unión Europea e a Xunta de Galicia, permitirá un período de nove meses de experiencia profesional nun posto de peón forestal

  • A persoa contratada realizará desde hoxe, 13 de outubro, labores de prevención forestal mediante a limpeza de montes e camiños municipais

cartel 2

O Concello da Baña incorpora desde hoxe, 13 de outubro, unha persoa moza para desempeñar o posto de peón forestal durante os próximos nove meses, ao abeiro do programa de Garantía Xuvenil.

A contratación dá continuidade á participación do Concello neste tipo de programas de fomento do emprego xuvenil. Nesta ocasión, a persoa contratada desenvolverá labores de prevención forestal mediante a limpeza de montes e camiños do municipio da Baña, contribuíndo ao mantemento dos espazos rurais e á prevención de riscos asociados á acumulación de vexetación.

A contratación realízase ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2026, pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade autónoma de Galicia, a través da colaboración con entidades locais e organismos intermedios sen ánimo de lucro.

Estas axudas están cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, dentro dos procedementos TR350E e TR349Z.

A iniciativa permite, por unha banda, facilitar á persoa contratada a adquisición de experiencia profesional nunha contorna real de traballo e, por outra, reforzar os labores municipais de conservación e prevención no rural.

O Concello da Baña continúa así promovendo oportunidades laborais para a mocidade ao tempo que reforza actuacións necesarias para o mantemento e a mellora dos servizos públicos municipais.