-
A veciñanza recollerá os rótulos nas dependencias municipais e poderá consultar o número asignado ao seu inmoble no visor dixital
-
O sistema facilitará a localización das vivendas aos servizos de emerxencia e aos de correo postal e paquetería
-
Nas vindeiras semanas anunciaranse as seguintes parroquias incluídas na distribución

O Concello da Baña dá un novo paso na modernización dos servizos á veciñanza coa posta en marcha da nova numeración municipal. O goberno local xa dispón das placas para iniciar unha primeira entrega que abrangue once parroquias, con recollida nas dependencias municipais en horario de luns a venres de 08.00 a 15.00 horas.
Esta primeira distribución abrangue San Vicenzo da Baña, Santa María de Ordoeste, Sanamede do Monte, Santa Baia de Lañas, San Pedro de Fiopáns, Santa María de Troitosende, Santa Cristina de Marcelle, Santa Mariña do Barro, San Miguel de Cabanas, Sanamede de Suevos e San Xoán da Riba. O Concello daralles a coñecer nas vindeiras semanas as datas e os puntos de entrega das parroquias restantes.
A medida forma parte do proxecto de Numeración Dixital Municipal, destinado a actualizar os enderezos e identificar de maneira inequívoca as vivendas, os establecementos comerciais e as edificacións industriais, entre outros inmobles.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, explica que a medida nace “co fin de facilitar o labor dos servizos de emerxencia, no caso de que sexan precisos, e mellorar a localización para a entrega de correo postal e paquetería”.
Consulta do número asignado e indicacións para a colocación
As persoas interesadas poden comprobar o número que lles corresponde a través do visor dixital, dispoñible na seguinte ligazón: https://eibisa.github.io/num15007/index.html
A placa deberá instalarse no exterior, nun lugar visible e accesible, a unha altura máxima de dous metros. Cando a numeración antiga non coincida coa nova asignada, será necesario retirala para evitar confusións.
Esta sinalización física compleméntase cunha plataforma baseada nun sistema de información xeográfica, que permite consultar os enderezos e a súa localización.
Financiamento para a transformación dixital do rural
O Concello obtivo unha subvención para desenvolver esta iniciativa, orientada a mellorar o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación e favorecer o seu uso no medio rural. A captación destes recursos permite impulsar unha actuación con aplicación directa na vida diaria da poboación.
A axuda está cofinanciada no marco da intervención Leader do PEPAC 2023-2027, xestionada a través do GDR Terras de Compostela, e contribúe aos obxectivos da política de desenvolvemento rural da Unión Europea.