- Esta quinta edición convértese na máis participativa desde a posta en marcha da competición organizada polo Concello
- O torneo tivo que adiantarse a este xoves para poder dar cabida a todos os partidos e prolongarase ata o domingo nas pistas de Lañas
- A terceira mixta será a categoría máis numerosa, con 15 parellas, seguida da terceira masculina, con 12
O V Torneo de Pádel A Baña celebra esta semana a edición con maior participación da súa historia. O prazo de inscrición vén de pechar cun total de 55 parellas, superando así o récord acadado en 2025 e facendo que a competición tivese que ampliarse a catro xornadas.
A alta participación obrigou a adiantar o inicio do torneo organizado polo Concello a hoxe, xoves 15 de outubro, unha xornada antes do previsto, para poder dar cabida a todos os partidos, un total de 69 máis os da fase final. A competición continuará durante o venres 16, o sábado 17 e o domingo 18 nas pistas de pádel de Lañas.
A categoría con maior número de inscricións será a terceira mixta, con 15 parellas, seguida da terceira masculina, con 12. A segunda masculina contará con 8 parellas, as mesmas que a categoría de iniciación, mentres que na segunda mixta e na terceira feminina competirán 6 parellas en cada unha, completando así as 55 parellas participantes.
En canto ao sistema de competición, houbo un cambio na normativa do torneo e as parellas de xogadores integraranse en varios grupos dentro da categoría. Os cadros de competición estruturaranse por partidos ao mellor de tres sets, con supertiebreak - a 10 puntos , no terceira set. Como é habitual, todas as persoas participantes recibirán un agasallo de benvida, habendo premios para as parellas finalistas das diferentes categorías.
Os horarios, na web municipal
O horario dos encontros e tamén a nova normativa xa están dispoñibles na web municipal, e poden consultarse nos documentos adxuntos.
Desde o Concello da Baña agradecen a comprensión e a colaboración de todas as persoas participantes ante a complexidade organizativa que supuxo encaixar un número tan elevado de partidos, o que obrigou a ampliar a catro as xornadas de competición, e tamén a fantástica acollida que tivo a cita.
Con esta quinta edición do Torneo de Pádel, o Concello da Baña continúa apostando pola promoción da actividade física, os hábitos de vida saudables e a convivencia arredor do deporte, ao tempo que consolida esta competición como unha cita cada vez máis participativa e xa consolidada no calendario deportivo municipal.