• A programación mantén as especialidades de gaita, pandeireta, percusión e canto, con solfexo incluído

  • As clases ofreceranse nos niveis de iniciación e perfeccionamento e desenvolveranse en horario de tarde

  • As novas tarifas son de 80 euros por unha actividade e 120 por dúas ou máis, cunha cota especial de 30 euros vinculada á participación en actuacións

Escola de musica tradicional

O Concello da Baña abre o prazo de inscrición na Escola de Música Municipal e Tradicional para o curso 2026-2027. A actividade comezará o 22 de setembro e prolongarase ata xuño, coincidindo co calendario escolar.

O servizo está dirixido á poboación xeral a partir dos sete anos e ofrece formación en gaita, pandeireta, percusión e canto. O solfexo está incluído como materia complementaria en todas as especialidades.

As clases de gaita, pandeireta, percusión e canto impartiranse nos niveis de iniciación e perfeccionamento, en función dos coñecementos e da formación previa do alumnado. Desenvolveranse polas tardes e non haberá actividade durante as vacacións escolares nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais.

Os horarios concretos serán comunicados polo profesorado ao alumnado e ás familias unha vez rematadas as inscricións. Para impartir cada actividade será necesario contar cun mínimo de cinco persoas, agás no caso do solfexo.

Dez días hábiles para presentar as solicitudes

O prazo de matrícula permanecerá aberto durante dez días hábiles. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso das persoas menores de idade, a solicitude terá que estar asinada pola nai, polo pai ou pola persoa que exerza a súa tutela legal. De ser necesario, tamén deberá achegarse un informe médico que acredite a necesidade dun tratamento especial.

As persoas empadroadas na Baña terán prioridade na adxudicación das prazas. A unidade familiar tamén deberá estar ao día no pagamento dos servizos municipais e non manter débedas co Concello, agás nos casos considerados de emerxencia social polos Servizos Sociais Municipais.

As solicitudes presentadas fóra de prazo incorporaranse á listaxe de agarda. Se quedan prazas vacantes, poderán admitirse novas inscricións por orde de presentación sempre que se cumpran os requisitos establecidos.

Nova estrutura de tarifas

A principal diferenza respecto ao curso anterior afecta ás cotas de participación. O prezo xeral será de 80 euros por tempada para unha actividade e de 120 euros para dúas ou máis actividades. As bases tamén establecen tarifas específicas para as unidades familiares.

O alumnado poderá acollerse a unha tarifa especial de 30 euros por tempada se, no momento da matrícula, se compromete expresamente a participar en catro ou máis actuacións organizadas, promovidas ou coordinadas polo Concello da Baña.

O cumprimento deste compromiso deberá ser acreditado pola dirección da Escola. Se ao finalizar a tempada non se participou nas catro actuacións requiridas, a persoa usuaria terá que aboar a diferenza ata completar a tarifa que lle corresponda segundo o número de actividades nas que estea matriculada.

O pagamento efectuarase mediante domiciliación bancaria, distribuído en tres recibos trimestrais.

A Escola de Música Municipal e Tradicional contribúe á aprendizaxe e á difusión da cultura musical galega, ao tempo que favorece a participación do alumnado en concertos, audicións e outras actividades públicas.

As bases completas, a documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse nos documentos adxuntos. 

  • A programación incorpora iniciación deportiva e expresión corporal e reúne dez disciplinas para diferentes idades

  • O prazo abrirá o martes 1 de setembro e permanecerá habilitado durante dez días hábiles

  • As actividades desenvolveranse de setembro a maio, principalmente en horario de tarde e coincidindo co calendario escolar

 cartel escolas deportivas 2026

O Concello da Baña abrirá mañá martes, 1 de setembro, o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas Municipais 2026-2027, un programa dirixido a achegar e promover a práctica de actividade física entre a poboación do municipio.

A oferta deste curso está integrada por tenis de mesa, judo, baile moderno, iniciación deportiva, baloncesto, ximnasia rítmica, pádel, pilates, patinaxe artística e expresión corporal. Estas dúas últimas propostas, iniciación deportiva e expresión corporal, incorpóranse á programación con respecto ao curso anterior.

As actividades desenvolveranse entre os meses de setembro de 2026 e maio de 2027, ambos incluídos. As clases impartiranse principalmente en horario de tarde e coincidirán co calendario escolar, polo que non haberá actividade durante as vacacións lectivas nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais.

WhatsApp Image 2026 08 28 at 14.00.02

Os horarios previstos son os seguintes:

  • Baile moderno: luns e xoves, de 15.30 a 16.30 horas.
  • Baloncesto: luns e xoves, de 15.30 a 16.30 horas.
  • Judo: luns, de 16.30 a 17.30 horas.
  • Expresión corporal: luns, de 19.00 a 20.30 horas.
  • Ximnasia rítmica: martes, de 15.30 a 17.00 horas.
  • Patinaxe artística: grupo A, martes e venres de 17.00 a 18.00 horas; e grupo B, martes e venres de 18.00 a 19.00 horas.
  • Iniciación deportiva: mércores e venres, de 15.30 a 16.30 horas.
  • Pilates: mércores e venres, de 19.00 a 20.00 horas.
  • Tenis de mesa: venres, de 15.30 a 17.00 horas.
  • Pádel: venres, de 17.00 a 22.00 horas, e sábados, de 10.00 a 12.00 horas.

Os horarios poderán experimentar pequenas modificacións para facilitar o correcto funcionamento do programa. Cada actividade deberá contar cun mínimo de sete participantes para poder desenvolverse.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo de inscrición permanecerá aberto durante dez días hábiles. As solicitudes presentadas fóra deste período incorporaranse á correspondente listaxe de agarda. Se unha vez rematado o prazo quedan vacantes, poderán admitirse novas solicitudes por orde de presentación sempre que cumpran os requisitos establecidos.

O programa está dirixido á poboación xeral a partir dos tres anos. Poderán presentar a súa solicitude tanto persoas empadroadas como non empadroadas no municipio. A unidade familiar deberá estar ao día no pagamento dos servizos municipais e non ter débedas co Concello, agás nos casos considerados de emerxencia social polos Servizos Sociais Municipais.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña ou por calquera dos medios recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso das persoas menores de idade, o formulario terá que estar asinado pola nai, polo pai ou pola persoa que exerza a súa tutela legal.

A solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación:

  • Fotocopia do documento de identidade da persoa usuaria.
  • Fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta bancaria.
  • Orde de domiciliación de recibos debidamente cuberta.
  • Autorización para a captación de imaxes e son.
  • Autorización para o envío de avisos e comunicacións.
  • Informe médico que acredite a necesidade dun tratamento especial, de ser o caso.

Cotas de participación

A cota individual será de 80 euros por tempada e actividade. As persoas inscritas en dúas ou máis actividades aboarán 120 euros por tempada.

Tamén se establecen tarifas para as unidades familiares:

  • Dous membros inscritos nunha actividade cada un: 132 euros por tempada.
  • Dous membros, cando un deles participe en dúas ou máis actividades: 177 euros por tempada.
  • Tres ou máis membros inscritos nunha actividade cada un: 160 euros por tempada.
  • Tres ou máis membros, cando un deles participe en dúas ou máis actividades: 201 euros por tempada.

Os pagamentos realizaranse de maneira trimestral. Unha vez publicada a listaxe de persoas admitidas, disporase dun prazo de dez días para efectuar o pagamento correspondente.

As Escolas Deportivas Municipais buscan facilitar o acceso á práctica deportiva e favorecer valores como a confianza, a cooperación e o respecto persoal e colectivo. Para resolver calquera dúbida, as persoas interesadas poden contactar co Departamento de Deportes no teléfono 981 886 501 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

 

As bases, os formularios de inscrición, o documento de pago e as autorización de imaxe e uso de teléfono podes descargarse nos documentos adxuntos. 

O servizo, compartido co Concello de Negreira, impulsará diferentes programas para fomentar o aumento do uso do galego e reforzar o seu prestixio

Entre as principais liñas de traballo figuran o programa Apego, o proxecto Maimiños e Furabolos, o Club de Debate Alingua, cursos de acollemento lingüístico e grupos de conversa

 

20260828 A Banha volta do servizo de SNL h

O Concello da Baña vén de recuperar o Servizo de Normalización Lingüística (SNL), que inicia unha nova etapa como servizo compartido co Concello de Negreira e que terá como obxectivo principal impulsar o uso da lingua galega, mellorar a súa presenza nos diferentes ámbitos da vida municipal e promover accións que contribúan a reforzar o seu prestixio social.

A volta do SNL permitirá poñer en marcha no municipio diferentes programas e iniciativas de dinamización lingüística dirixidos tanto á cidadanía como á comunidade educativa, ás familias e á propia administración local.

Entre as principais liñas de actuación previstas figura o traballo arredor das ordenanzas municipais reguladoras do impulso do uso do galego, co obxectivo de avanzar na presenza e utilización da lingua propia de Galicia no ámbito administrativo e institucional.

O servizo retomará tamén o programa Apego, orientado á transmisión do galego desde as primeiras etapas da infancia, xunto co proxecto Maimiños e Furabolos. A programación incluirá igualmente o Club de Debate Alingua, unha iniciativa que busca fomentar entre a mocidade o uso oral do galego, a capacidade argumentativa e o pensamento crítico.

Outra das áreas de traballo estará centrada no acollemento lingüístico, mediante a organización de cursos e grupos de conversa en lingua galega destinados a facilitar a aprendizaxe, a práctica e o uso cotián do idioma. A estas propostas sumaranse actividades e obradoiros que se desenvolverán nos centros educativos da localidade.

O Concello da Baña considera a recuperación deste servizo unha ferramenta importante para desenvolver novas accións de dinamización, especialmente entre a infancia, a mocidade e as persoas que desexen iniciarse ou mellorar as súas competencias en galego.

Ao longo das vindeiras semanas iranse dando a coñecer de maneira detallada os diferentes programas, actividades e prazos de participación previstos nesta nova etapa do Servizo de Normalización Lingüística.

Atención no Concello tres días á semana

O SNL prestará atención presencial na Casa do Concello da Baña os luns, mércores e venres.

As persoas que precisen información, asesoramento ou queiran realizar calquera consulta relacionada co servizo tamén poden contactar a través do teléfono 981 886 501 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

  • O prazo comezará o martes 1 de setembro e permanecerá aberto durante dez días hábiles

  • A programación mantén trece especialidades para a aprendizaxe musical desde os tres anos

  • As tarifas non experimentan cambios con respecto ao curso anterior

catel escola de musica horizontal

O Concello da Baña abre mañá, martes 1 de setembro, o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música Emilio Andújar para o curso 2026-2027. O servizo está dirixido á poboación en xeral a partir dos tres anos, tanto a menores como a persoas adultas.

A oferta está integrada por percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, acordeón, canto, música e movemento e solfexo. Esta última materia está incluída como complemento de calquera das demais especialidades.

Na adxudicación das prazas terán prioridade, por esta orde, as persoas menores de idade empadroadas na Baña, as persoas adultas empadroadas e as fillas e fillos menores do persoal municipal, as persoas menores non empadroadas e, finalmente, as persoas adultas non empadroadas.

As clases desenvolveranse principalmente en horario de tarde e coincidirán co calendario escolar. Non haberá actividade durante as vacacións lectivas nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais. A escola tamén poderá organizar os sábados pola mañá eventos ou actividades vinculadas ao funcionamento do servizo.

Os horarios concretos serán comunicados polo profesorado ao alumnado e ás familias unha vez rematado o proceso de matrícula e publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas.

Un mínimo de cinco persoas por especialidade

Para impartir cada especialidade será necesario reunir un mínimo de cinco persoas inscritas. Esta condición non se aplicará a piano, acordeón e solfexo, que se desenvolverán con independencia do número de solicitudes.

O prazo de matrícula será de dez días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación das bases e da convocatoria na sede electrónica e na web municipal. As solicitudes presentadas posteriormente incorporaranse á correspondente listaxe de agarda.

Se ao finalizar o prazo quedan vacantes, poderán admitirse novas solicitudes, por orde de presentación, nas especialidades que continúen abertas durante o curso. Non se aceptarán altas fóra de prazo nas materias que non acadasen o mínimo de cinco persoas necesario para seren impartidas.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso das persoas menores de idade, o formulario terá que estar asinado pola nai, polo pai ou pola persoa que exerza a súa tutela legal.

A documentación deberá incluír a ficha de inscrición, a orde de domiciliación bancaria, as autorizacións para a captación de imaxes e son e para o uso do número de teléfono, así como as copias dos documentos de identidade da persoa usuaria e da titular da conta. De ser necesario, tamén se achegará un informe médico que acredite a necesidade dun tratamento especial.

Mantéñense as tarifas do curso anterior

As cotas mensuais permanecen sen cambios con respecto ao curso 2025-2026. A tarifa será de 23,57 euros ao mes por unha especialidade e de 41,25 euros por dúas.

No caso dun segundo membro da mesma unidade familiar en primeiro grao de consanguinidade, as tarifas serán de 11,78 euros mensuais por unha especialidade e de 29,47 euros por dúas.

O pagamento realizarase trimestralmente mediante domiciliación bancaria e o primeiro cobro efectuarase en decembro.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, o Concello publicará a listaxe provisional de persoas admitidas. A partir dese momento abrirase un período de dez días hábiles para presentar alegacións. Se non se formula ningunha, a relación provisional adquirirá carácter definitivo.

As bases completas, a documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse nos documentos adxuntos. 

  • As persoas interesadas poderán presentar as súas fotografías ata o 5 de setembro, incluído

  • O certame establece dúas categorías, unha aberta e outra reservada á participación local, cun premio de 75 euros en cada unha

  • As obras presentadas formarán parte dunha exposición pública con motivo do Día da Corresponsabilidade

Formato web Concurso fotos corresponsables 1920 x 1280 px

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, vén de convocar o Concurso de Fotografía Amateur pola corresponsabilidade, masculinidades igualitarias, coidados e usos do tempo na Baña. A iniciativa desenvólvese no marco das accións do Plan Corresponsables 2026, financiado co apoio institucional da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade.

O certame ten como obxectivo principal promover a implicación, concienciación e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade, poñendo un foco especial no papel dos homes como coidadores e na súa colaboración activa en espazos tradicionalmente feminizados, como os coidados familiares e as tarefas do fogar. A través do obxectivo das cámaras afeccionadas, preténdese amosar modelos de masculinidade que transcendan os prexuízos tradicionais e poñan de manifesto o grao de concienciación social existente no municipio.

Requisitos e categorías

No certame poderá participar calquera persoa afeccionada á fotografía, estea ou non empadroada na Baña (no caso de menores, haberá de xestionarse mediante representación legal). Cada participante poderá presentar unha única fotografía, orixinal, inédita e que non teña sido premiada noutros concursos. Queda expresamente prohibido o uso de ferramentas de Intelixencia Artificial para a creación total ou parcial das obras.

O concurso establece dúas categorías galardoadas con 75 euros cada unha:

  • Categoría A: Premio aberto á participación xeral (autores/as empadroados/as ou non no municipio).
  • Categoría B: Premio de participación local, destinado exclusivamente a persoas empadroadas no Concello da Baña.

Presentación das fotografías

O prazo permanecerá aberto ata o 5 de setembro de 2026, incluído. A participación require o envío da obra en formato dixital e a súa presentación impresa.

A imaxe dixital deberá remitirse individualmente, en formato PNG e PDF, ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., coa indicación Concurso de fotografía amateur das masculinidades igualitarias e corresponsables da Baña. Deberá incluír o tema da imaxe, un pseudónimo e a categoría na que se participa.

A fotografía tamén deberá presentarse impresa no Concello da Baña ou enviarse por correo postal ao seguinte enderezo: Praza do Concello, s/n, 15863, A Baña, A Coruña. A documentación entregarase nun sobre pechado identificado co pseudónimo e coa categoría elixida. No interior deberán incluírse unha copia do DNI ou NIE, a folla de inscrición cuberta e a fotografía impresa. No reverso da imaxe deberán figurar o nome do concurso, a categoría, a data e a sinatura.

As obras serán valoradas en función da súa adecuación ás bases, calidade técnica, composición, estética, orixinalidade e creatividade. O xurado estará integrado por dúas persoas pertencentes ao profesorado dos centros educativos do municipio e unha persoa profesional relacionada co mundo da arte e da fotografía. Unha persoa técnica municipal exercerá a secretaría, con voz e sen voto.

O nome das persoas gañadoras publicarase na web municipal e na sede electrónica do Concello da Baña. Posteriormente anunciarase a data da entrega dos premios, que terá lugar nun acto público na Casa Consistorial.

As fotografías premiadas e o resto das obras presentadas formarán parte dunha exposición pública organizada con motivo do Día da Corresponsabilidade, o 23 de marzo de 2027. A fotografía orixinal gañadora tamén será empregada na campaña municipal vinculada a esta conmemoración.

As bases completas e a folla de inscrición poden consultarse na sede electrónica e nos documentos adxuntos.