• As persoas interesadas poderán presentar as súas fotografías ata o 5 de setembro, incluído

  • O certame establece dúas categorías, unha aberta e outra reservada á participación local, cun premio de 75 euros en cada unha

  • As obras presentadas formarán parte dunha exposición pública con motivo do Día da Corresponsabilidade

Formato web Concurso fotos corresponsables 1920 x 1280 px

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, vén de convocar o Concurso de Fotografía Amateur pola corresponsabilidade, masculinidades igualitarias, coidados e usos do tempo na Baña. A iniciativa desenvólvese no marco das accións do Plan Corresponsables 2026, financiado co apoio institucional da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade.

O certame ten como obxectivo principal promover a implicación, concienciación e sensibilización da cidadanía en materia de igualdade, poñendo un foco especial no papel dos homes como coidadores e na súa colaboración activa en espazos tradicionalmente feminizados, como os coidados familiares e as tarefas do fogar. A través do obxectivo das cámaras afeccionadas, preténdese amosar modelos de masculinidade que transcendan os prexuízos tradicionais e poñan de manifesto o grao de concienciación social existente no municipio.

Requisitos e categorías

No certame poderá participar calquera persoa afeccionada á fotografía, estea ou non empadroada na Baña (no caso de menores, haberá de xestionarse mediante representación legal). Cada participante poderá presentar unha única fotografía, orixinal, inédita e que non teña sido premiada noutros concursos. Queda expresamente prohibido o uso de ferramentas de Intelixencia Artificial para a creación total ou parcial das obras.

O concurso establece dúas categorías galardoadas con 75 euros cada unha:

  • Categoría A: Premio aberto á participación xeral (autores/as empadroados/as ou non no municipio).
  • Categoría B: Premio de participación local, destinado exclusivamente a persoas empadroadas no Concello da Baña.

Presentación das fotografías

O prazo permanecerá aberto ata o 5 de setembro de 2026, incluído. A participación require o envío da obra en formato dixital e a súa presentación impresa.

A imaxe dixital deberá remitirse individualmente, en formato PNG e PDF, ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., coa indicación Concurso de fotografía amateur das masculinidades igualitarias e corresponsables da Baña. Deberá incluír o tema da imaxe, un pseudónimo e a categoría na que se participa.

A fotografía tamén deberá presentarse impresa no Concello da Baña ou enviarse por correo postal ao seguinte enderezo: Praza do Concello, s/n, 15863, A Baña, A Coruña. A documentación entregarase nun sobre pechado identificado co pseudónimo e coa categoría elixida. No interior deberán incluírse unha copia do DNI ou NIE, a folla de inscrición cuberta e a fotografía impresa. No reverso da imaxe deberán figurar o nome do concurso, a categoría, a data e a sinatura.

As obras serán valoradas en función da súa adecuación ás bases, calidade técnica, composición, estética, orixinalidade e creatividade. O xurado estará integrado por dúas persoas pertencentes ao profesorado dos centros educativos do municipio e unha persoa profesional relacionada co mundo da arte e da fotografía. Unha persoa técnica municipal exercerá a secretaría, con voz e sen voto.

O nome das persoas gañadoras publicarase na web municipal e na sede electrónica do Concello da Baña. Posteriormente anunciarase a data da entrega dos premios, que terá lugar nun acto público na Casa Consistorial.

As fotografías premiadas e o resto das obras presentadas formarán parte dunha exposición pública organizada con motivo do Día da Corresponsabilidade, o 23 de marzo de 2027. A fotografía orixinal gañadora tamén será empregada na campaña municipal vinculada a esta conmemoración.

As bases completas e a folla de inscrición poden consultarse na sede electrónica e nos documentos adxuntos.