O servizo, compartido co Concello de Negreira, impulsará diferentes programas para fomentar o aumento do uso do galego e reforzar o seu prestixio

Entre as principais liñas de traballo figuran o programa Apego, o proxecto Maimiños e Furabolos, o Club de Debate Alingua, cursos de acollemento lingüístico e grupos de conversa

 

20260828 A Banha volta do servizo de SNL h

O Concello da Baña vén de recuperar o Servizo de Normalización Lingüística (SNL), que inicia unha nova etapa como servizo compartido co Concello de Negreira e que terá como obxectivo principal impulsar o uso da lingua galega, mellorar a súa presenza nos diferentes ámbitos da vida municipal e promover accións que contribúan a reforzar o seu prestixio social.

A volta do SNL permitirá poñer en marcha no municipio diferentes programas e iniciativas de dinamización lingüística dirixidos tanto á cidadanía como á comunidade educativa, ás familias e á propia administración local.

Entre as principais liñas de actuación previstas figura o traballo arredor das ordenanzas municipais reguladoras do impulso do uso do galego, co obxectivo de avanzar na presenza e utilización da lingua propia de Galicia no ámbito administrativo e institucional.

O servizo retomará tamén o programa Apego, orientado á transmisión do galego desde as primeiras etapas da infancia, xunto co proxecto Maimiños e Furabolos. A programación incluirá igualmente o Club de Debate Alingua, unha iniciativa que busca fomentar entre a mocidade o uso oral do galego, a capacidade argumentativa e o pensamento crítico.

Outra das áreas de traballo estará centrada no acollemento lingüístico, mediante a organización de cursos e grupos de conversa en lingua galega destinados a facilitar a aprendizaxe, a práctica e o uso cotián do idioma. A estas propostas sumaranse actividades e obradoiros que se desenvolverán nos centros educativos da localidade.

O Concello da Baña considera a recuperación deste servizo unha ferramenta importante para desenvolver novas accións de dinamización, especialmente entre a infancia, a mocidade e as persoas que desexen iniciarse ou mellorar as súas competencias en galego.

Ao longo das vindeiras semanas iranse dando a coñecer de maneira detallada os diferentes programas, actividades e prazos de participación previstos nesta nova etapa do Servizo de Normalización Lingüística.

Atención no Concello tres días á semana

O SNL prestará atención presencial na Casa do Concello da Baña os luns, mércores e venres.

As persoas que precisen información, asesoramento ou queiran realizar calquera consulta relacionada co servizo tamén poden contactar a través do teléfono 981 886 501 ou do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..