• O prazo comezará o martes 1 de setembro e permanecerá aberto durante dez días hábiles

  • A programación mantén trece especialidades para a aprendizaxe musical desde os tres anos

  • As tarifas non experimentan cambios con respecto ao curso anterior

catel escola de musica horizontal

O Concello da Baña abre mañá, martes 1 de setembro, o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música Emilio Andújar para o curso 2026-2027. O servizo está dirixido á poboación en xeral a partir dos tres anos, tanto a menores como a persoas adultas.

A oferta está integrada por percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, acordeón, canto, música e movemento e solfexo. Esta última materia está incluída como complemento de calquera das demais especialidades.

Na adxudicación das prazas terán prioridade, por esta orde, as persoas menores de idade empadroadas na Baña, as persoas adultas empadroadas e as fillas e fillos menores do persoal municipal, as persoas menores non empadroadas e, finalmente, as persoas adultas non empadroadas.

As clases desenvolveranse principalmente en horario de tarde e coincidirán co calendario escolar. Non haberá actividade durante as vacacións lectivas nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais. A escola tamén poderá organizar os sábados pola mañá eventos ou actividades vinculadas ao funcionamento do servizo.

Os horarios concretos serán comunicados polo profesorado ao alumnado e ás familias unha vez rematado o proceso de matrícula e publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas.

Un mínimo de cinco persoas por especialidade

Para impartir cada especialidade será necesario reunir un mínimo de cinco persoas inscritas. Esta condición non se aplicará a piano, acordeón e solfexo, que se desenvolverán con independencia do número de solicitudes.

O prazo de matrícula será de dez días hábiles, contados desde o día seguinte á publicación das bases e da convocatoria na sede electrónica e na web municipal. As solicitudes presentadas posteriormente incorporaranse á correspondente listaxe de agarda.

Se ao finalizar o prazo quedan vacantes, poderán admitirse novas solicitudes, por orde de presentación, nas especialidades que continúen abertas durante o curso. Non se aceptarán altas fóra de prazo nas materias que non acadasen o mínimo de cinco persoas necesario para seren impartidas.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso das persoas menores de idade, o formulario terá que estar asinado pola nai, polo pai ou pola persoa que exerza a súa tutela legal.

A documentación deberá incluír a ficha de inscrición, a orde de domiciliación bancaria, as autorizacións para a captación de imaxes e son e para o uso do número de teléfono, así como as copias dos documentos de identidade da persoa usuaria e da titular da conta. De ser necesario, tamén se achegará un informe médico que acredite a necesidade dun tratamento especial.

Mantéñense as tarifas do curso anterior

As cotas mensuais permanecen sen cambios con respecto ao curso 2025-2026. A tarifa será de 23,57 euros ao mes por unha especialidade e de 41,25 euros por dúas.

No caso dun segundo membro da mesma unidade familiar en primeiro grao de consanguinidade, as tarifas serán de 11,78 euros mensuais por unha especialidade e de 29,47 euros por dúas.

O pagamento realizarase trimestralmente mediante domiciliación bancaria e o primeiro cobro efectuarase en decembro.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, o Concello publicará a listaxe provisional de persoas admitidas. A partir dese momento abrirase un período de dez días hábiles para presentar alegacións. Se non se formula ningunha, a relación provisional adquirirá carácter definitivo.

As bases completas, a documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse nos documentos adxuntos.