-
O día de San Vicente, 22 de xaneiro, e o da Virxe das Dores, 9 de setembro, seguirán sendo festivos locais
-
O Pleno aproba o prezo público da Escola Tradicional de Música
-
O servizo de Madrugadores será prestado o vindeiro curso pola Asociación de familias AFA Avania
-
A Corporación gardou un minuto de silencio polo veciño que morreu nun incendio no Barro e polas 13 vítimas do incendio forestal de Almería
A Corporación da Baña acordou este mércores manter en 2027 como festivos locais o 22 de xaneiro e o 9 de setembro. No Pleno ordinario tamén se aprobou a ordenanza cos prezos públicos da Escola de Música Tradicional e destinar a gasto corrente a maioría da segunda fase do plan adicional do POS+ da Deputación da Coruña. Para o curso 2026-2027 será a Asociación de Familias AFA Avania a que se encargue do servizo de madrugadores nos centros educativos do municipio.
O Pleno comezou cun minuto de silencio por Manuel Francisco Corzón Barreiro, veciño que morreu queimado no incendio no Barro, e polas 13 vítimas mortais dos incendios de Los Gallardos, en Almería.
A Baña mantense fiel á tradición e os día das festividades de San Vicente (22 de xaneiro) e da Virxe das Dores (9 de setembro) serán festivos locais no municipio, segundo aprobou por unanimidade o Pleno da Corporación celebrado este mércores.
Na sesión tamén se aprobou a ordenanza reguladora do prezo público da Escola de Música Tradicional da Baña, que ten como finalidade fomentar a formación musical, o desenvolvemento artístico e a participación cultural da cidadanía. A Escola de Música Tradicional ofrece as modalidades de gaita, pandeireta, percusión, canto e solfexo.
Os prezos públicos recollidos na ordenanza oscilan entre os 80 euros por temporada por participar nunha soa actividade ata os 201 no caso de tres ou mais membros dunha mesma familia na que un dos integrantes participe en dúas ou máis actividades.
A ordenanza recolle un desconto especial para o alumnado da Escola de Música Tradicional que participe, polo menos, en catro das actuacións que o Concello lle solicita á escola. Nestes casos, o alumnado só pagará 30 euros de taxa por curso.
Servizo A Baña Madruga
A Asociación de familias de alumnas e alumnos AFA Avania do CPI San Vicente encargarase a partir do vindeiro mes de setembro de xestionar e organizar o servizo A Baña Madruga, unha proposta que o Concello da Baña puxo en marcha no curso 2023-2024 para favorecer a conciliación familiar e que o alumnado seguise matriculado nos centros educativos do municipio.
Xa durante o último curso escolar, e despois de comezar as clases, estableceuse un acordo entre Concello e AFA Avania, para que a asociación prestase o servizo de madrugadores. Co acordo aprobado no pleno deste 22 de xullo, o Concello da Baña deixa de organizar o servizo A Baña Madruga, ao considerar que existen outras formas de prestación (alleas a municipal) que permiten dar resposta á necesidade das familias dun xeito más eficiente, económico e cunha mellor organización.
A tenente de alcalde, Mónica González, explicou que despois de varias reunións coa AFA Avania, a asociación decidiu asumir a prestación do servizo A Baña Madruga, actividade para a que xa solicitou, e se lle concedeu, unha subvención para o seu financiamento. González Blanco aclarou que o de madrugadores “é un servizo de interese público, polo que, no caso de que a AFA cese na súa prestación, o Concello volvería a organizalo”, asegurou no pleno.
Este punto foi aprobado por unanimidade da Corporación.
A proposta do alcalde, o pleno aprobou incluír de urxencia un punto na orde do día, en virtude do cal se aprobou asinar un convenio de colaboración coa AFA Avania para facer fronte ao custo do servizo de madrugadores durante o último trimestre de 2025. O convenio establece que o Concello pagará 1.581,80 euros á asociación pola prestación do servizo de madrugadores durante os meses de outubro a decembro 2025.
O motivo deste convenio é que a AFA Avania recibiu unha subvención para xestionar o servizo de madrugadores durante o exercicio 2026, “pero quedoulles sen cubrir os gastos de outubro a decembro de 2025”, motivo polo que se levou a pleno a sinatura deste convenio, proposta que foi aprobada por unanimidade.
POS+ adicional para gasto corrente
O alcalde explicou que no plan adicional 2/2026 do POS+ da Deputación da Coruña, o Concello da Baña ten asignados 565.019,40 euros, engadindo que desta cantidade, 230.491,53 euros vanse destinar para mellorar o viario de Nantón ata O Barro. Na segunda fase deste plan adicional, que ascende a 334.527,87 euros, José Antonio Pereira explicou que a proposta do equipo de goberno “é destinar esta partida a gasto corrente e para reducir parte da débeda que temos coa Deputación”.
Por este motivo, o Concello da Baña vai destinar 314.614,88 euros deste plan adicional a gastos correntes para pagar o gasto de alumeado público e de recollida do lixo. Os 19.912,99 euros restantes serán para reducir a débeda coa Deputación pola achega a outros plans executados en anos anteriores.
Con estes 314.000 euros o Concello poderá facer fronte a facturas pendentes de pago a provedores, segundo explicou José Antonio Pereira.
Este punto aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno (6) e a abstención do PP (5).
Pereira Gil pide a dimisión de García Cardeso
Tras dar conta dos decretos da alcaldía e das actas da Xunta de Goberno, o alcalde, Joé Antonio Pereira, solicitou a dimisión do portavoz do Partido Popular, Andrés García Cardeso, por haber utilizado de xeito fraudulento unha tarxeta de mobilidade reducida, que estaba a nome da súa nai xa falecida.
José Antonio Pereira explicou que no mes de xuño o Concello de Pontevedra remitiu un oficio ao Concello da Baña informando deste feito. “No atestado queda reflexado que o portavoz do PP da Baña minte cando a Policía Local detecta que estaba estacionado nunha praza de mobilidade reducida. Ao final, Andrés García Cardeso recoñécelle ao axente que non levaba a ninguén e que a tarxeta está a nome da súa nai, xa falecida. Trátase dun uso inmoral e indecente desta tarxeta e do uso de prazas de mobilidade reducida, polo que lle pido que dimita e que non represente máis á veciñanza da Baña”, díxolle José Antonio Pereira ao portavoz do Partido Popular.
