-
A veciñanza poderá presentar achegas ata o 4 de agosto ás 23.59 horas
-
O obxectivo é contribuír á elaboración dunha norma que impulsará a normalización lingüística e reforzará o uso e o prestixio do galego no municipio

O Concello da Baña pon en marcha un proceso de participación pública para recoller achegas e opinións arredor da futura Ordenanza Reguladora do impulso do uso da lingua galega. Esta iniciativa pretende implicar a veciñanza e as entidades interesadas na elaboración dunha norma destinada a impulsar a normalización e dinamización lingüística, así como a fomentar o uso e o prestixio do galego en todos os ámbitos da vida municipal.
Con esta ordenanza búscase dotar ao Concello dun marco normativo específico que reforce o compromiso institucional coa lingua propia de Galicia, promovendo o seu uso na actividade administrativa, na comunicación coa cidadanía, nas publicacións, na sinalización, nas actividades municipais e nas relacións coas entidades colaboradoras, sempre de acordo coa lexislación vixente.
Os obxectivos principais desta iniciativa regulatoria son:
- Normalizar e dinamizar o uso da lingua galega no municipio.
- Fomentar o uso e o prestixio social do galego.
- Garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía nas súas relacións coa Administración local.
- Consolidar o galego como lingua habitual da actividade municipal e impulsar accións de promoción en colaboración co tecido asociativo, cultural e económico do concello.
O procedemento foi aprobado por Resolución da Alcaldía e estará aberto durante un prazo de 10 días hábiles desde a publicación do anuncio na web municipal, finalizando o prazo para presentar achegas o vindeiro 4 de agosto, ás 23.59 horas.
As contribucións deberán presentarse a través da Sede Electrónica do Concello da Baña, empregando o formulario habilitado para documentación complementaria. No campo "código de expediente" deberá indicarse: 2026/G013/000002.
Desde o Concello da Baña anímase á cidadanía, ás asociacións e ao conxunto do tecido social a participar activamente neste proceso de consulta pública, contribuíndo coa súa opinión á elaboración dunha ordenanza que servirá para reforzar a presenza e o uso do galego no municipio.
No documento adxunto pode consultarse o anuncio completo da consulta pública.