-
O paquete de investimentos inclúe obras en vías municipais e a adquisición dun novo vehículo para Servizos Sociais

O Concello da Baña continúa avanzando na execución do plan de investimentos previsto para este ano 2026 coa licitación dun novo paquete de actuacións por un importe global de 635.379,20 euros (IVE incluído), destinado á mellora da rede viaria municipal e ao reforzo dos servizos públicos.
Este novo bloque de investimentos forma parte da estratexia impulsada polo goberno local para seguir modernizando as infraestruturas municipais e dar resposta ás necesidades da veciñanza, mellorando tanto as comunicacións entre os distintos núcleos como os recursos destinados á atención social.
A maior parte do investimento destínase á mellora de varias estradas do concello. A partida máis elevada corresponde ás obras na vía entre o límite municipal e Vilacoba, na parroquia de Troitosende, cun orzamento de 242.653,80 euros. Unha actuación que permitirá mellorar de forma significativa a seguridade e a comodidade da circulación nesta zona do municipio.
Entre as actuacións licitadas neste eido tamén se atopan a mellora da estrada entre Vilar de Suso e o límite municipal, cun orzamento de 104.961,82 euros, así como a actuación nos accesos a Agra de Cabanas, dotada con 71.759 euros.
Así mesmo, inclúese a mellora das estradas de Busto, cun investimento de 65.640,52 euros, e as obras previstas nas de San Cibrán, cun importe de 95.639,30 euros.
Ademais destas actuacións en infraestruturas, o Concello tamén acaba de de licitar a adquisición dun novo vehículo destinado aos Servizos Sociais municipais, cun investimento de 54.724,76 euros, co obxectivo de reforzar os recursos dispoñibles para a atención á cidadanía e para mellorar a prestación deste servizo esencial.
Dous millóns de investimento en 2026
Este novo paquete de licitacións dá continuidade ao ambicioso plan de investimentos impulsado polo Concello da Baña durante o ano 2026, que prevé a execución de actuacións por valor de dous millóns de euros en diferentes parroquias do municipio.
“Seguimos avanzando na execución dos compromisos adquiridos coa veciñanza, impulsando investimentos que permiten mellorar as comunicacións e reforzar os servizos públicos”, destaca o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil. Que engade: “O noso obxectivo é continuar actuando de forma equilibrada nas distintas parroquias e responder ás necesidades reais do municipio cunha xestión responsable e eficaz dos recursos públicos".
Con estas actuacións, o Concello da Baña reafirma a súa aposta por un modelo de investimento sostido que permita continuar mellorando as infraestruturas municipais, favorecer a cohesión territorial e ofrecer uns servizos públicos cada vez máis modernos e eficientes.