- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 343
-
Cristóbal Dios, Bruno Castro, Nuria Mejuto e Alba Muñiz completaron o podio da 10K
-
Irene Mirás e Eloy Castro foron os primeiros na 5K
-
Paula Paredes e José Suárez e Noelia Suárez e José Manuel García, os melloren bañenses na 10K e 5K, respectivamente
-
O alcalde, José Antonio Pereira; a concelleira Ana Pensado e o deputado provincial Antonio Leira entregaron os premios

Soledad Leiro e Amador Pena proclamáronse gañadores da proba de 10 quilómetros na II Carreira Popular da Baña que se celebrou esta mañá con récord de participación, ao contar con 368 persoas inscritas. Na proba de 5K os máis rápidos foron Irene Mirás e Eloy Castro.
O alcalde, José Antonio Pereira; a concelleira de Deportes, Ana Pensado, e o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, foron os encargados de dar a saída e entregar os premios nas diferentes categorías.

Amador Pena (34:39), do Atletismo Obradoiro, non lle deu opción aos seus rivales na 10K ao sacarlle na meta oito segundos a Cristóbal Dios (34:47, C.A. A Estrada), despois dunha primeira volta ao circuíto na que ambos atletas marcaron o ritmo da carreira. O terceiro posto foi para Bruno Castro, do Corrrexallas, que rematou nun tempo de 35:00.
Na categoría feminina Soledad Leiro (40:20, SD Compostela Atletismo) tamén amosou a súa superioridade ao cruzar na meta con 48 segundos de vantaxe sobre a súa compañeira de equipo Nuria Mejuto (42:08) e de Alba Muñiz, da Asociación Running Team, que remataou nun tempo de 42:50.
Os mellores atletas da Baña na 10K foron Paula Paredes (43:01) e José Suárez (36:44), que subiron ao podio xunto a Lara Vieito Mira (56:05), Xandra Rodriguez (57:25), Marcos Paredes (45:09) e Antonio Barreiro (45:31).
Na clasificación por equipos, a SD Compostela Atletismo levou o primeiro premio, seguido do Club Atletismo Sar e do CD Brion Hyupersa.
Na proba de 5 quilómetros Eloy Vázquez (16:33, SD Compostela) foi claro vencedor, ao sacarlle seis segundos na meta a Mario Santos (16:39, do Atletismo Rías Baixas) e 44 ao terceiro clasificado, Alex Gómez (17:17, do Olímpico de Vedra).
Na categoría feminina, Irene Mirás (22:38) tampouco lle deu opción nin a Ivana Iglesias (22.54) nin a Tatiana Luna (23:43), que quedaron segunda e terceira clasificada.
Os mellores atletas da Baña nesta proba foron José Manuel García Antelo (18:57), Adrián Darriba (19:15) e Laurentino Arnejo (22:34), mentres que en mulleres subiron ao podio Noelia Suárez (24:04) e Alba Pérez (24:26).
A II Carreira Popular da Baña tivo tamén probas para as categorías escolares, dende biberón e prebenxamín, ata Sub-16.
Podes consultar todas as clasificacións na web Carreiras Galegas.

O alcalde, José Antonio Pereira, agradeceu a colaboración de empresas e persoas que se implicaron coa organización para que esta II Carreira Popular da Baña fose un éxito. Dende o Concello trasladan o agradecemento ás agrupacións de Protección Civil de Ames, Dumbría, Santa Comba e Trazo, ás persoas voluntarias, ao técnico municipal de Deportes e ás empresas que apoiaron a carreira.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 3265
Esta nova cita forma parte do amplo programa de actividades deportivas municipais deste 2026 e nace coa vocación de consolidarse como un espazo de encontro interxeracional || O torneo disputarase pola tarde no Pavillón de San Vicenzo e as persoas interesadas xa poden inscribirse a través dun código QR ou ben chamando ao teléfono 669 368 423
O Concello da Baña continúa reforzando a súa aposta pola promoción de hábitos de vida saudables e a dinamización social a través do deporte coa organización da primeira edición do Torneo de Tenis de Mesa da Baña, que se celebrará o vindeiro sábado 4 de abril no Pavillón de San Vicenzo.
Esta nova cita, incluída no amplo programa de actividades deportivas municipais de 2026, nace coa vocación de consolidarse como un espazo de encontro interxeracional, aberto á participación de veciños e veciñas de todas as idades.
Organizado polo Concello da Baña, a través da Concellería de Deporte e coa colaboración da Deputación da Coruña, o torneo dará comezo ás catro da tarde e está previsto que remate arredor das 19.00 horas. A organización recomenda ás persoas participantes presentarse no pavillón con 15 minutos de antelación para facilitar a configuración dos grupos e o correcto desenvolvemento da competición.
Co obxectivo de garantir unha participación equilibrada, establécense tres categorías en función do ano de nacemento das persoas participantes:
- Categoría Benxamín: nacidos no 2016 ou posteriores
- Categoría Infantil: nacidos entre 2012 e 2015
- Categoría Absoluta: nacidos no 2011 ou anteriores
A competición estrutúrase en dúas fases. Nunha primeira fase de grupos, os xogadores competirán entre si nun sistema de todos contra todos. Posteriormente, os mellores clasificados accederán á fase final, que se disputará mediante eliminatorias directas ata chegar ás finais de cada categoría.
O torneo contará con premios para os dous primeiros clasificados de cada categoría, recoñecendo así o esforzo, a habilidade e o espírito deportivo das persoas participantes.
Inscricións abertas
As persoas interesadas en participar no I Torneo de Tenis de Mesa da Baña xa poden formalizar a inscrición, que é gratuíta, a través do código QR incluído no cartel da proba ou chamando ao número de teléfono 669 368 413.
Desde o Concello da Baña anímase a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa, tanto competindo como asistindo ao evento de público, co obxectivo de converter esta xornada nunha auténtica festa do deporte e da convivencia.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 2003
-
Disputouse a pasada fin de semana nas pistas de Lañas en dúas intensas xornadas que comezaron ás 9 da mañá e remataron de madrugada //
-
O alcalde, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, participaron na entrega de material deportivo aos finalistas //
Un total de 53 parellas, repartidas en cinco categorías, participaron a pasada fin de semana do 18 e do 19 de outubro no IV Torneo de Pádel A Baña, que se disputou nas pistas de Lañas.
Foron dous días de intensa competición, con partidos celebrados desde as nove da mañá ata entrada a madrugada, nun ambiente excepcional de deportividade e compañeirismo, tanto dentro como fóra das pistas.
As persoas finalistas de cada categoría recibiron premios en material deportivo. O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Deportes, Ana Pensado, achegáronse ás pistas durante a fin de semana e participaron na entrega de premios, acompañando os deportistas nesta cita xa consolidada no calendario deportivo local.
Así quedaron os finalistas por categorías:
Iniciación
1º Fernando – Borja
2º Markel – Adrián
3ª feminina
1º Saleta – Alicia
2º Paula – Alaska
3ª masculina
1º Santi M. – Miguel G.
2º Martín – Adrián
3ª mixta
1º Iván P. – Alicia
2º David R. – Noelia
2ª masculina
1º Dani – Adrián
2º Budiño – Dani Pichel
O Concello da Baña quere darlle as grazas a todas as persoas participantes pola súa deportividade, esforzo e entusiasmo durante todo o torneo. O éxito desta nova edición dálle azos para comezar a preparar xa a próxima cita.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 4741
A cita chega con novidades: desde un percorrido máis accesible a un incremento de trofeos e case o dobre de categorías participantes || As inscricións permanecerán abertas ata o mércores 29 de abril || Poden participar deportistas federados e non federados || O obxectivo é fomentar o deporte e a actividade física entre a veciñanza

O domingo 3 de maio celebrarase a II Carreira Popular Concello da Baña, unha cita que se consolida como un referente no calendario deportivo local e que chega con novidades para facer da xornada unha experiencia aínda máis participativa e atractiva.
Organizada polo Concello da Baña coa colaboración e supervisión técnica da Federación Galega de Atletismo, a competición presentada hoxe mantén a liña de saída e de chegada na Praza do Concello, se ben o percorrido experimentará cambios respecto ao do ano pasado tras ter en conta as opinións e suxestións dos corredores da primeira edición. Así, optouse por un trazado con menos desnivel, o que permitirá facer as probas máis accesibles para todos os participantes. Ademais, o itinerario será máis céntrico, favorecendo que atletas e veciñanza poidan vivir con maior intensidade o ambiente deportivo que encherá as rúas do municipio.
Entre as principais novidades desta edición tamén destaca o maior número de trofeos que se entregarán, así como un importante incremento das categorías participantes. De feito estas case se duplican, ao pasar das nove da edición de 2025 ás dezasete previstas para este 2026.
A Carreira Popular Concello da Baña está aberta á participación de todas as persoas, tanto federadas como non federadas, e inclúe categorías desde os máis pequenos da casa (biberón) ata os adultos e veteranos (Sénior e Máster). Deste xeito o evento busca promover a actividade física e o deporte en toda a comunidade, sen importar a idade ou o nivel.
As inscricións poden realizarse na web oficial www.carreirasgalegas.com desde hoxe e ata o mércores 30 de abril ás 23:59 horas. A participación nas categorías escolares (de biberón a sub-16) é de balde, mentres que as inscricións nas categorías Sénior e Máster teñen un custo de 7 euros. Os dorsais poderán retirarse na Casa do Concello o día anterior á competición, o sábado 2 de maio, entre as 17.00 e as 20.00 horas, ou ben no propio día da cita, ata media hora antes do inicio da carreira correspondente.
As probas comezarán ás 10.00 horas e continuarán ao longo da mañá, cunha distancia que vai desde os 100 metros para os máis cativos ata os 10 quilómetros para os adultos e veteranos. Os horarios e distancias de cada categoría son os seguintes:
- Biberón (2022 e posteriores): 100 m con saída ás 13.10 h
- Prebenxamín (2019-2021): 200 m con saída ás 13.05 h
- Sub 10 (2017-2018): 800 m con saída ás 12.55 h
- Sub 12 (2015-2016): 1.200 m con saída ás 12.40 h
- Sub 14 (2013-2014): 1.200 m con saída ás 12.30 h
- Sub 16 (2011-2012): 2.400 m con saída ás 12.10 h
A hora de saída da proba de 5 km será ás 10.00 h e nela participarán as categorías Sub 18, Sub 20-23, Sénior e Máster. Pola súa banda, a proba de 10 km sairá ás 11.00 horas, disputándoa un total de sete categorías, desde a Sub 20 á Máster 4 e seguintes.
Ao igual que o ano pasado, para garantir a comodidade de todas as persoas participantes a organización ofrecerá servizo de duchas no Pavillón Polideportivo de San Vicente e no Campo de Fútbol Antonio Martínez. Ademais, como novidade e a fin de evitar esperas, a entrega de trofeos levarase a cabo ao remate de cada unha das probas.
Premios aos deportistas locais
O Concello da Baña recoñecerá o esforzo dos atletas participantes entregando trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, así como aos tres primeiros en cada unha das probas de 5K e 10K.
Os deportistas locais que ocupen os tres primeiros postos en 5K e 10K tamén serán premiados, así como os tres primeiros clubs da carreira absoluta.
Este evento, do que de novo todos os participantes levarán un agasallo de recordo, amosa o compromiso do Concello da Baña coa promoción do deporte e da actividade física entre a súa veciñanza.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 3193
-
A cita, organizada polo Concello da Baña, consolídase no calendario deportivo da localidade //
-
Haberá cinco categorías en xogo: segunda masculina, terceira masculina, feminina e mixta, e iniciación //
-
Os finalistas recibirán como premio distinto material deportivo //
As pistas de pádel de Lañas acollerán esta vindeira fin de semana, sábado 18 e domingo 19 de outubro, o IV Torneo de Pádel da Baña, organizado polo Concello da Baña. A cita consolídase ano a ano no calendario deportivo bañense e unha vez máis marcará un récord de participación grazas ás 53 parellas inscritas.
O torneo contará con cinco categorías: segunda masculina, terceira masculina, terceira feminina, terceira mixta e iniciación. As máis numerosas serán a terceira masculina e a terceira mixta, ámbalas dúas con 16 parellas participantes, o que amosa o crecemento do interese por este deporte no municipio.
Todas as persoas inscritas recibirán un obsequio de benvida, mentres que os finalistas de cada categoría serán premiados con material deportivo.
O horario definitivo dos encontros xa está disponible nos cadros que acompañan esta nova. Recordamos que aquelas persoas que vaian quedando eliminadas poderán empregar as pistas no caso de atoparse dispoñibles. Só se terán que poñer de acordo entre elas.
Con esta cuarta edición do torneo de pádel, o Concello da Baña reafirma o seu compromiso co fomento da actividade deportiva e a participación veciñal, promovendo o deporte como ferramenta de convivencia e vida saudable.
As bases do torneo poden consultarse no arquivo adxunto.





16-10-2025
O horario provisional dos encontros xa está disponible nos cadros que acompañan esta nova, aínda que podería sufrir pequenas modificacións no caso de que algunha persoa participante xustifique a necesidade dun cambio. Pregámoslle ás/aos xogadoras/es que teñen en conta a alta participación e as dificultades organizativas á hora de solicitar alteracións. O cadro definitivo publicarase o venres nesta páxina web municipal.








