• Tenis, pilates, baloncesto, pádel, tenis de mesa, patinaxe artística, judo, baile moderno, ximnasia rítmica e acrosport forman parte da nova oferta

  • As clases comezan o xoves 11 de setembro e desenvolveranse principalmente en horario de tarde coincidindo co calendario escolar

  • O obxectivo deste servizo é promover a actividade física e o deporte entre toda a poboación ao tempo que facilita a conciliación familiar

20250901 Inscricion Escolas deportivasO Concello da Baña abre mañá, martes 2 de setembro, o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas Municipais 2025/26, que se desenvolverán a partir do xoves 11 de setembro, coincidindo co calendario escolar. Este servizo busca fomentar a actividade física e o deporte entre a veciñanza, ao tempo que contribúe á conciliación das familias.

A oferta deste curso inclúe disciplinas para diferentes idades e preferencias. Entre as actividades dirixidas a nenos e nenas de 3 a 16 anos atópanse o baloncesto, baile moderno, judo, patinaxe artística, ximnasia rítmica e acrosport. Ademais, tenis e tenis de mesa estarán dispoñibles tanto para menores de 3 anos en diante como para persoas adultas; o pádel poderá practicarse a partir dos 6 anos; e pilates estará reservado ás persoas adultas.

As clases desenvolveranse nos seguintes horarios:

  • Acrosport: venres de 15:30 a 17:00 horas.
  • Baile moderno: luns e xoves, de 15:30 a 16:30 horas.
  • Baloncesto: luns e xoves, de 15:30 a 16:30 horas.
  • Judo: luns de 16:30 a 17:30 horas.
  • Pádel: venres de 17:00 a 22:00 e sábado de 10:00 a 12:00 horas.
  • Patinaxe artística: grupo A os martes e venres de 17:00 a 18:00 e grupo B de 18:00 a 19:00 h.
  • Pilates: mércores e venres de 19:00 a 20:00 horas.
  • Tenis: xoves de 17:00 a 19:00 horas.
  • Tenis de mesa: venres de 15:30 a 17:30 horas.
  • Ximnasia rítmica: martes de 15:30 a 17:00 horas.

Cada actividade requirirá un mínimo de sete participantes para poder realizarse. No caso de non alcanzarse o número mínimo de inscritos, a actividade poderá ser cancelada.

As cotas de participación para este curso establécense en 80 euros por tempada e actividade, cun pagamento fraccionado en tres prazos trimestrais. No caso de inscribirse en dúas ou máis actividades, a tarifa será de 120 euros por tempada (40 € por trimestre).

Tamén se aplicarán bonificacións familiares. Para dous membros da mesma unidade familiar, a cota será de 132 euros por tempada (44 € por trimestre) se cada un participa nunha actividade, ou de 177 euros por tempada (59 € por trimestre) se un deles realiza dúas ou máis actividades. Para tres ou máis membros da mesma unidade familiar, a cota será de 160 euros por tempada (53 € por trimestre) se cada un participa nunha actividade, ou de 201 euros por tempada (67 € por trimestre) se un deles realiza dúas ou máis.

As persoas interesadas deberán cubrir o formulario dispoñible na web do Concello da Baña, que poderá remitirse a través da sede electrónica, por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou presentarse presencialmente na Concellería de Deportes. Será necesario entregar, ademais do formulario de inscrición, as autorizacións de imaxe e teléfono e a domiciliación bancaria, documentos dispoñibles en formato PDF editable nos anexos da web municipal.

Para calquera dúbida ou consulta, pódese contactar co Departamento de Deportes no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou no teléfono 981 886 501.

Con esta programación, o Concello da Baña reafirma o seu compromiso co deporte local, ofrecendo opcións de aprendizaxe e socialización para todas as idades durante a tempada 2025/26.