• A proba foi presentada hoxe pola concelleira de Deportes, Ana Pensado, e polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín //

  • Contará con tres distancias de 28, 16 e 8 quilómetros e unha andaina non competitiva //

  • Rebaixa os prezos de inscrición para facilitar a participación //

O Trail da Baña chegará o domingo 28 de setembro á súa oitava edición. A proba, puntuable para o ranking do Circuíto Galicia Trail Running Series, presentouse este luns 4 de agosto no Concello da Baña coa presenza da concelleira de Deportes, Ana Pensado; do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e de Dani Gesto, representante do club organizador BJ Trainers. Contará de novo con tres distancias competitivas e cunha andaina e baixa os prezos para facilitar a participación, que chegou ás 300 persoas na pasada edición. As inscricións están xa abertas na páxina web de Carreiras Galegas.

A proba raíña do Trail da Baña será un trail de 28 quilómetros cun desnivel acumulado de 1.000 metros. Haberá tamén un minitrail de 16 quilómetros cun desnivel de 650 metros e un trail promesa de 8 quilómetros, este último aberto a categorías inferiores a partir de 14 anos e a aquelas persoas adultas que prefiran facer unha distancia máis curta.

A cita deportiva comprende así mesmo unha andaina non competitiva de 10 quilómetros, na que poden participar persoas de todas as idades a partir dos 12 anos. Os menores deberán ir obrigatoriamente na compaña dunha persoa maior de idade.

A saída efectuarase dende o pavillón de San Vicenzo a partir das 9.45 horas, cando comecen a correr os participantes no trail. Sairán logo o minitrail, ás 9.55 horas; e o trail promesas, ás 10.00h. A andaina poñerase en marcha cinco minutos despois, ás 10.05h.

En canto ás categorías, o trail longo contará cun total de cinco: sénior (dende 2007), máster 1 (persoas nadas entre 1990 e 1980), máster 2 (persoas nadas en 1979 e anos anteriores) e absoluta. No trail curto establécense as categorías Sub 20, Sub 18, Sub 12, sénior e absoluta. Haberá premios para os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres de cada categoría, así como para os tres primeiros clubs clasificados, os tres clubs con maior participación e os mellores atletas locais.

Puntuarán para o ranking galego as probas de trail longo de 28 quilómetros nas categorías Classic Sub 23, absoluto e máster. Na proba curta, de 8 quilómetros, quedarán rexistradas as marcas en Preclassic Sub 20, Sub 18 e Sub 16.

As inscricións quedarán abertas dende este luns, 4 de agosto, ata o martes 23 de setembro na páxina www.carreirasgalegas.com. O prezo é de 15€ para o trail, 12€ para o minitrail, 10€ para o trail promesas e 5€ para a andaina. Todas as persoas participantes recibirán un agasallo, contarán con varios puntos de abastecemento ao longo do percorrido e poderán gozar dun catering final, no que tamén terán a oportunidade de coñecer e saborear as tradicionais filloas da pedra da Baña.

As bases do trail poden consultarse no arquivo adxunto.

 

Attachments:
Download this file (Regulamento Trail da Baña FGA 2025 Final.pdf)Regulamento do VIII Trail da Baña[ ]461 kB