• As clases comezarán a impartirse o luns 23 de xaneiro con dúas horas semanais tanto para nenos como para adultos

  • Para anotarse hai que cubrir o formulario dispoñible na web do Concello

  • Os afeccionados a este deporte poderán reservar as pistas de Lañas de xeito gratuíto provisionalmente a partir do día 20

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 10

 

O Concello da Baña incorpora a modalidade de pádel ás Escolas Deportivas Municipais. A nova actividade deportiva está aberta tanto a nenas e nenos como a persoas adultas. As clases, que comezarán a impartirse a partir do vindeiro luns, 23 de xaneiro no pavillón de Lañas, desenvolveranse unha vez á semana en sesións de dúas horas de duración: os luns de 17.45 a 19.45 horas para menores e os venres, de 20.00 a 22.000 horas para persoas adultas.

Todas as persoas interesadas en mellorar a súa técnica ou iniciarse no pádel nas Escolas Deportivas Municipal da Baña deberán cubrir o formulario de inscrición que se atopa no arquivo adxunto, así como as bases das Escolas Deportivas Municipais.

Reserva gratuíta das pistas

Por outro lado, as novas pistas de pádel do pavillón de Lañas poderanse utilizar por todas as persoas afeccionadas a este deporte que fagan a oportuna reserva de hora. As pistas abriranse ao público tamén a partir do luns, 23 de xaneiro, nos seguintes horarios: os luns e os xoves, de 20.00 a 23.00 horas; os martes, mércores e sábado, de 17.00 a 23.00 horas. 

De forma provisional, a utilizacións das pistas será gratuíta, ata que o Concello aprobe a ordenanza correspondente, na que se establecerán os prezos e os horarios de uso. O venres, 20 de xaneiro, abrirase o prazo para facer as reservas das pistas, que se poderán facer cunha antelación non superior a unha semana (respecto do día que se queira xogar) e para un tempo máximo de 90 minuto por persoa.

Polo de agora, todas aquelas persoas que o desexen poden reservar a pista chamando ao teléfono do departamento de Deportes: 669 368 413, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e indicar o día e o tramo horario no que queren xogar.

  • Anuncia cortes de tráfico polo percorrido da proba e solicita que non se aparquen vehículos na praza do Concello

  • Ampliado o prazo de inscrición ata as 12.00 horas do día 30 de decembro

Baña San Silvestre 2022 1920 1280 px

O Concello da Baña está cos últimos preparativos para celebrar este sábado, 31 de decembro, a segunda edición da San Silvestre entre ás 16.00 e ás 19.00 horas. Os máis de cen participantes xa anotados tomarán a saída ás 17.00 horas dende a praza do Concello para percorrer uns catro quilómetros antes de chegar á meta, situada no mesmo punto.

Para facilitar o desenvolvemento da proba, o alcalde, Andrés García Cardeso, acaba de asinar un bando, no que solicita a colaboración da veciñanza para que non aparque os seus vehículos na praza do Concello o sábado pola tarde nin nas súas inmediacións, e para que se respecten os cortes de tráfico que se producirán ao paso da carreira nos lugares de San Vicenzo, Vesía, Guende, Xasoso, O Castro, Señor e A Castiñeira.

Máis de cen persoas xa están inscritas para participar nesta segunda edición da San Silvestre da Baña, unha carreira lúdica de 4 quilómetros na que se anima ás persoas participantes a correr disfrazadas. Ao rematar haberá unha gran chocolatada, badaladas e agasallos. Dende a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte anuncian a colocación dunha gran carpa para resgardarse en caso de choiva.

Para facilitar a participación de todas as persoas interesadas, a organización ampliou o prazo de inscrición ata mañá, venres, día 30, ás 12.00 horas. Para anotarse é suficiente enviar un correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou unha mensaxe de whatsapp ao teléfono 669 368 413 indicando nome, apelidos, idade, DNI e número de teléfono da persoa participante.

Este ano, o karateka Nicolás Carnota será o padriño da San Silvestre da Baña, que conta coa colaboración de Spar Express Corneira, Neumáticos Marcos, Sinala Tecnoloxía Visual, Automoción Torreira, Pizzería O Muiño e Xallas Publicidade.

  • SD A Baña, A Baña Veteranos, Futsal A Baña e Clube Seixos recibirán unha subvención económica e colaborarán nas actividades municipais //

  • O alcalde, Andrés García, e o concelleiro César Ramos salientan a relevancia do deporte no tecido social do municipio //

 

SD A Baña, Asociación Cultural e Deportiva A Baña Veteranos, Club Futsal A Baña e Clube de Sendas Enxebres Seixos recibirán este ano unha subvención económica do Concello da Baña para promover os valores e a práctica deportiva no municipio. Así queda reflectido no convenio que asinaron o luns pola tarde no salón de plenos o alcalde, Andrés García Cardeso, e os responsables destas entidades, acordo que recolle tamén a colaboración da administración local para conseguir que os clubes impregnen o tecido deportivo e social bañense.

O Concello da Baña recoñece tanto o labor desenvolvido polas agrupacións deportivas dende o deporte base e o deporte afeccionado como na organización de eventos, andainas e outras propostas relacionadas coa vida activa. O convenio establece en concreto que clubes e entidades deportivas colaborarán nas actividades das programacións anuais deseñadas dende a Concellaría de Promoción de Vida Activa e Deportiva e dende a Concellaría de Cultura, Educación, Muller e Igualdade e Normalización Lingüística, así como en todos aqueles proxectos sociais e espazos de participación cidadá promovidos polo Concello da Baña e que sexan de interese para ambas as dúas partes. As contías obxecto da subvención están xa incluídas nos orzamentos municipais aprobados este ano.

Na sinatura do convenio participaron o alcalde da Baña, Andrés García; o concelleiro de Vida Activa e Deportiva, César Ramos; o presidente da SD A Baña, José Manuel Vieito; o representante da Baña Veteranos, Pablo Pazos; o presidente de Futsal A Baña, Pablo Penido; e a presidenta de Seixos, Mercedes Calo.

Andrés García destacou a importancia do deporte no desenvolvemento local e o benestar tanto físico como psíquico da veciñanza. Incidiu, así mesmo, en que a colaboración dende a administración local está a impulsar a ampliación de número de clubes e de disciplinas deportivas que se poden practicar no municipio.

Pola súa parte, o concelleiro César Ramos eloxiou o traballo altruísta de directivos e asociados, ademais de subliñar a relevancia de difundir os valores do deporte en nenas e nenos. Dende o seu departamento, lembrou, estase a traballar nunha ampla oferta de iniciativas que inciden nos hábitos saudables, a promoción da vida activa e o goce do patrimonio natural.

  • A carreira, non competitiva e de catro quilómetros, sairá ás cinco da tarde da Praza do Concello

  • O prazo de inscrición remata o 28 de decembro e abonda con mandar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou unha mensaxe ao 669 368 413

A San Silvestre volverá despedir o ano na Baña. A carreira, non competitiva e de tan só catro quilómetros, pretende reunir ao maior número de persoas de todas as idades para combater o frío cun pouco de exercicio e, sobre todo, para pasar un bo rato. A Concellería de Promoción de Vida Activa e Deporte anima a disfrazarse a todos os participantes e recorda que, unha vez remate a proba, haberá reparto de agasallos, unha gran chocolatada e se poderá gozar dun adianto das badaladas.

A segunda San Silvestre da Baña sairá ás cinco da tarde da Praza do Concello para percorrer as rúas de San Vicenzo. Todas as persoas que o desexen poderán inscribirse na carreira totalmente de balde ata o 28 de decembro. Abonda con enviar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou un wasap ao número de teléfono 669 368 413, indicando nome, apelidos, idade, DNI e número de teléfono. Os menores de 12 anos deberán correr na compaña dunha persoa adulta.

Na súa estrea o ano pasado, a San Silvestre chegou aos oitenta atletas participantes, que encheron de disfraces e alegría as rúas bañenses. A proba serviu tamén para renderlle homenaxe a marchadora Alba Pérez, bronce no campionato de España de marcha en ruta sub 20.

  • A Consellería de Deporte aportará 40.000 euros dos 48.000 que custará a instalación

  • O convenio entre Xunta e Concello asinouse a semana pasada e ten que estar xustificado antes da fin deste 2022

A Baña verá incrementadas nos próximos meses as súas infraestruturas deportivas municipais con dúas pistas cubertas de pádel que se instalarán no pavillón polideportivo de Lañas. As obras, que teñen un custo de 48.000 euros, desenvolveranse grazas a un convenio asinado a semana pasada entre o Concello bañense e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte.

O obxectivo do acordo de colaboración entre a Xunta e o Goberno municipal responde tanto ao desexo de ofertar maiores servizos para a veciñanza como ao de darlle máis aproveitamento ao pavillón de Lañas, na actualidade practicamente en desuso, coa fin última de promocionar a vida activa e a práctica deportiva.

Así, o polideportivo sufrirá unha reestruturación que pasa pola instalación de dúas pistas de pádel no seu interior. Para iso, o primeiro paso será nivelar o pavimento onde se van asentar as pistas e, a continuación, levantarase o recinto coa colocación dunha estrutura autoportante con frontes de vidro temperado e puntos de iluminación con focos LED.

O convenio recolle que a Xunta aportará 40.000 euros dos 48.000 do orzamento total das obras. Os outros 8.000 euros serán asumidos polo Concello da Baña, que se fará cargo da actuación e terá que xustificala antes do 20 de decembro deste 2022 polo que se prevé que as instalacións poidan estar rematadas a principios do vindeiro ano.