-
Disputarase o domingo 1 de outubro e contará con catro modalidades: dúas competitivas de 28 e 16 quilómetros respectivamente; e dúas andainas de 16 e 10 quilómetros
-
A proba presentouse esta mañá na antiga central hidroeléctrica, un dos paraxes naturais e etnográficos polos que pasan os percorridos
-
Asistiron á presentación o alcalde, José Antonio Pereira; a concelleira de Deporte, Ana Pensado; e Sergio Vieites e Montse Avión, do club Seixos
-
A inscrición pode facerse en liña a partir do luns a través da páxina www.galitiming.com
O Trail da Baña, todo un clásico desta especialidade de carreiras de montaña, presentouse esta mañá na antiga central hidroeléctrica do río Faílde. A proba celebrarase o domingo 1 de outubro nas modalidades de trail, con dúas distancias a escoller; e de andaina non competitiva, tamén con dous percorridos adaptados ás condicións físicas dos participantes. O responsable da organización é un ano máis o club Seixos, coa colaboración do Concello da Baña. A cita presentouse hoxe na antiga central hidroeléctrica da Baña coa presenza do alcalde, José Antonio Pereira Gil; da concelleira de Deporte, Ana Pensado; e de Sergio Vieites e Montse Avión, do club organizador.
Os competidores do trail poderán anotarse para realizar a distancia completa, de 28 quilómetros a través de camiños antigos, pistas e paraxes naturais; ou no mini trail, que cubrirá 16 quilómetros. As dúas probas contarán con premios para os tres mellores nas categorías absoluta (máis de 18 anos), veteranos 1 (desde os 40 anos) e veteranos 2 (a partir dos 50), ademais dos primeiros clasificados orixinarios do Val de Barcala (A Baña e Negreira). Os corredores sairán do pavillón municipal da Baña ás 9:45, cun máximo de cinco horas para completar os esixentes percorridos, que atravesan lugares tan singulares como as escaleiras da vella central ou os camiños que comunicaban as aldeas bañenses.
En canto ás andainas, nelas primarán os compoñentes social e ambiental, co obxectivo de dar a coñecer os vellos sendeiros e os lugares singulares cos que conta A Baña. Haberá unha camiñada de 16 quilómetros e outra de 10, e comezarán ás 10:00 h, tamén no pavillón.
A inscrición, aberta para federados e non federados, estará dispoñible a partir do luns 7 de agosto e ata o 28 de setembro a través da plataforma electrónica Galitiming, cun prezo de 18 euros o trail, 15 € o mini trail, 12 € a andaina longa e 10 € a curta. Todas as probas, tanto os trails coma as andainas, contarán con avituallamentos líquidos e sólidos durante o percorrido. Para o abastecemento do final da competición, a organización conta coa colaboración dunha entidade de prestixio probado como é Ternera Gallega. Alén dos premios, todos os inscritos recibirán un agasallo en recordo da súa participación.
“Un escaparate da riqueza natural da Baña”
O Trail da Baña converteuse nos últimos anos nunha referencia entre os deportistas da comarca que practican esta modalidade de carreira de montaña, tanto pola calidade da súa organización coma polas paisaxes que atravesa. O alcalde, José Antonio Pereira, destacou precisamente isto: “Esta proba é un escaparate ideal para mostrar a riqueza natural da Baña, os seus montes, os sendeiros centenarios e o patrimonio etnográfico do municipio. O feito de presentarmos a competición aquí, na antiga central hidroeléctrica, pola que pasarán os corredores, amosa o tipo de paraxes que atopará quen se achegue o 1 de outubro”.
Pola súa banda, Ana Pensado —concelleira de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais— destacou a importancia deste tipo de citas na “promoción do deporte e, máis alá, da vida saudable” e animou á participación de veciñanza e visitantes “con independencia da súa condición física, dado que existen moitas alternativas con diferentes graos de dificultade, todas elas igualmente atractivas para quen queira coñecer lugares sorprendentes”.