-
A inscrición, dirixida a persoas afeccionadas, estará aberta ata o mércores 15 de outubro //
-
Ten un custo de 5 euros por participante, que pagará 8€ se xoga en dúas categorías e 12€ se xoga en tres //
Animado polo éxito das edicións anteriores, o Concello da Baña desenvolverá o cuarto Torneo de Pádel A Baña na fin de semana do 18 e do 19 de outubro. A participación está aberta a todas as persoas afeccionadas maiores de 10 anos. As inscricións poderán facerse ata o mércores 15 de outubro ás 23.59 horas chamando ao teléfono 633 499 635 (Dani).
O IV Torneo de Pádel a Baña xogarase nas pistas de Lañas e contará cun total de oito categorías: segunda masculina, feminina e mixta; terceira masculina, feminina e mixta; iniciación masculina e feminina. Todos os deportistas recibirán un obsequio de benvida e se repartirán premios entre os finalistas de cada categoría.
A inscrición ten un custo de 5 euros por participante. Aquelas persoas que participen en dúas categorías pagarán 8 euros e se participan en tres o prezo será de 12 euros. O comité de competición facilitará o cadro e os horarios do torneo 48 horas antes do inicio do mesmo. No caso de non poder xogar o partido na hora asignada, os/as xogadores/as poderán dirixirse ao comité de competición para que faga as pertinentes modificacións sempre que sexa posible.
O IV Torneo de Pádel A Baña está organizado pola Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais bañense, coa colaboración da Deputación da Coruña.
As bases do torneo poden consultarse no arquivo adxunto ou premendo nesta ligazón.