- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 866
A cita é puntuable para o VII Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña ||
A inscrición está aberta ata o sábado 16 de setembro ||
O pavillón municipal de San Vicenzo acolle o domingo 17 de setembro a segunda edición do Torneo de Xadrez Concello da Baña, unha proba puntuable para o VII Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña. A competición é valedoira para ELO FIDE de xadrez rápido (sistema de cualificación da Federación Internacional de Xadrez).
O torneo disputarase entre as 11.00 e as 19.30 horas, momento en que está previsto o acto de clausura, baixo o sistema de xogo suízo, con 7 ou 8 rondas segundo o número de xogadores e xogadoras. O ritmo de xogo será de 10 minutos e os emparellamentos realizaranse mediante un programa informático que decidirán os máis de 20 premiados en total.
Haberá premios para os primeiros clasificados e diferentes galardóns atendendo ás categorías por idade dos participantes e para os tres mellores xadrecistas da Baña. Ademais, sortearanse un cheque regalo de Gadis e unha cesta de Frutas Fondo entre os non premiados.
A inscrición no II Torneo de Xadrez Concello da Baña está aberta ata o sábado 16 de setembro, un día antes da competición. Ten un custo xeral de 10€ e de 7 no caso dos participantes sub-16. Ademais, os xogadores e xogadoras locais pagarán 5€.
As inscricións pódense realizar no teléfono 617 234 393 ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
O torneo está organizado polo Club Xadrez Arteixo e conta co patrocinio do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 638
Os traballos renovarán o firme da vía que comunica O Cruceiro, O Canle e Paraxó ||
O Concello da Baña iniciou as obras de pavimentación da vía que comunica O Cruceiro, O Canle e Paraxó na parroquia de Ordoeste.
A licitación dos traballos resolveuse a favor da empresa Ctnes. J. Mauri e hijos, S.L., e supón un investimento de 53.634,36 euros.
O concelleiro de Obras, urbanismo e medio rural, Jesús Manuel Pena, supervisou o inicio destas obras que servirán para renovar o firme desta estrada e mellorará a seguridade viaria, tanto de vehículos como de peóns.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1095
-
José Antonio Pereira mantén unha retribución de 32.200 euros anuais, e Mónica González 24.150 euros por unha dedicación do 75% da xornada
-
Mónica González, Jesús Pena e Vanessa Gil serán, por esta orde, tenentes de alcalde
-
As sesións plenarias celebraranse o último mércores dos meses impares ás 20.30 horas
O Pleno de organización da Corporación da Baña aprobou onte o réxime de sesións, que se celebrarán os últimos mércores dos meses impares, e as retribucións que percibirán o alcalde e a primeira tenente de alcalde polas súas dedicacións exclusiva e parcial, respectivamente. José Antonio Pereira percibirá unha retribución bruta anual de 32.200 euros, lixeiramente inferior á do seu predecesor. Pola súa banda, Mónica González (BNG), recibirá 24.150 euros brutos anuais por unha dedicación equivalente ao 75% da xornada laboral. Os tenentes de alcalde serán Mónica González, Jesús Pena e Vanessa Gil.
As retribucións foron aprobadas cos votos a favor de PSdeG (5) e BNG (1) e a abstención do PP (5). Co mesmo resultado na votación acordouse crear a Xunta de Goberno Local, que se reunirá cada quince días e estará formada polo alcalde, Mónica González y Jesús Pena.
Os plenos da Corporación seguiranse celebrando cada 2 meses, concretamente o último mércores dos meses impares, a partir das 20.30 horas, como medida para facilitar a asistencia da veciñanza. A primeira sesión ordinaria celebrarase o 27 de setembro. Este punto aprobouse por unanimidade.
Así mesmo, aprobouse por unanimidade crear as comisións informativas de Asuntos do pleno e a Especial de Contas, nas que se sentarán 2 representantes do PSdeG, 2 do PP e 1 do BNG. As remuneracións por asistencia a plenos, comisións e Xunta Local de Goberno para os concelleiros e concelleiras que non teñen dedicación quedou fixada en 75 euros.
Na sesións tamén se designou as persoas que representarán ao Concello da Baña nos diferentes órganos colexiados nos que ten representación. Este punto aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP.
Distribución de concellarías
Na sesión de hoxe tamén se deu conta da distribución de competencias entre os concelleiros do grupo de goberno, formado polo PSdeG (5) e BNG (1), e que queda do seguinte xeito:
José Antonio Pereira. Alcalde e competencias en Servizos básicos, patrimonio e persoal.
Mónica González Blanco. Primeira tenente de alcalde. Acción social, cultural e servizos a cidadanía.
Jesús Manuel Pena Varela. Segundo tenente de alcalde. Obras, urbanismo e medio rural.
Vanessa Gil Vilacoba. Terceira tenente de alcalde. Formación, emprego e relacións veciñais.
Álvaro Silva Suárez. Contas, comunicación e novas tecnoloxías.
Ana Pensado Louzao. Turismo, deporte e relacións institucionais.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 665
-
Os días 24, 25 e 28 só estivo presente un dos tres facultativos e o venres só atendeu de 8.30 a 12 horas, derivando os pacientes a Negreira
-
“O centro médico ten deficiencias estruturais que hai que solucionar canto antes”, reclama o alcalde José Antonio Pereira
-
O goberno local reitera a súa petición de reunirse co conselleiro de Sanidade e coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, expresou hoxe o malestar existente entre a veciñanza pola "moi deficiente cobertura médica que o municipio está sufrindo este verán". Cunha nula previsión para cubrir baixas e vacacións durante este período estival, o centro médico local padeceu atrasos continuos e varias persoas foron mesmo derivadas ás instalacións sanitarias de Negreira, algo que, a xuízo de Pereira, é "totalmente inaceptable". O alcalde agarda aínda a que o conselleiro de Sanidade e a xerente da área sanitaria poñan cita a unha reunión que o Concello solicitou hai unha semana, o pasado 23 de agosto.
Aínda que, sobre o papel, o centro médico da Baña debe estar atendido por tres médicos, o certo é que as baixas e vacacións deixaron a instalación moi minguada en termos de asistencia. Sen ir máis lonxe, o Concello denuncia que en días como o xoves 24 ou o luns 28 de agosto só un doutor estivo presente, cos conseguintes atrancos. Máis aínda, en xornadas coma a do pasado venres, 25 de agosto, só se prestou servizo de 8:30 a 12:00 da mañá; os casos que chegaron fóra deste marco temporal foron desviados a Negreira.
"Semella que os veciños e veciñas da Baña non podemos poñernos enfermos ou, de facelo, temos que cinguirnos a un horario estrito", dixo o alcalde. José Antonio Pereira recordou que a situación "vén de lonxe; o noso centro médico ten deficiencias estruturais que hai que solucionar canto antes".
Neste sentido, o alcalde recordou que tanto el como Mónica González (concelleira de Acción social, cultura e servizos a cidadanía) tiñan solicitada hai unha semana (o 23 de agosto) unha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e coa xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez. "Non tivemos resposta aínda", destacou Pereira. Os puntos a tratar nesta xuntanza son ben importantes para o municipio bañense: desde o mantemento do centro de saúde ata as substitucións do persoal que traballa en dito centro, o funcionamento do servizo de pediatría (que non se cobre en vacacións) ou o servizo de matrona (compartido con outro concello, cando antes atendía a tempo completo na Baña). "Parécennos cuestións o suficientemente importantes como para que se nos atenda canto antes por parte da Xunta", remarcou o alcalde.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 703
O Concello da Baña informa de que non é necesaria autorización municipal para facer as tradicionais cacharelas de San Xoán en recintos privados. Porén, aquelas asociacións veciñais ou colectivos que queiran facer as cacharelas en espazos públicos deberán solicitar un permiso (mediante sede electrónica) e presentar ademais un seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles danos ocasionados no lugar da celebración.
A data límite para pedir a autorización é o mércores 21 de xuño de 2023. Só se permitirán as cacharelas en terreo público lousado, asfaltado ou pintado. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ao remate da actividade, inmediatamente despois de rematar a cacharela e/ou a sardiñada.
O Concello da Baña lembra ademais as normas de obrigado cumprimento para garantir o correcto desenvolvemento da celebración:
- As fogueiras deberán separarse como mínimo 15 metros das vivendas e 50 das masas árboreas ou zonas vexetais. Poñerase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos ou telefónicos.
- A hora límite para rematar a celebración é as 03.30 h da madrugada, de acordo co disposto no art. 5f da Lei 10/ 2017 de 27 decembro de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
- Prohíbese a queima de neumáticos, plásticos, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. En ningún caso se queimarán recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases de presión, incluidos os baleiros.
- Sobre terreos con vexetación herbacea, previo ó inicio do lume, farase unha devasa do material combustible nunha franxa de polo menos 9 metros de ancho, rodeando o perímetro.
- Será vixiada polas persoas responsables ata a súa total extinción, asegurándose de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, suspenderase de inmediato.