• O Goberno municipal pon en marcha un servizo de asesoramento técnico para facilitar a veciñanza o acceso ás axudas autonómicas de rehabilitación e eficiencia enerxética

  • A administración local solicita o programa VI422F para a reconversión de inmobles municipais en desuso en vivendas destinadas a novos residentes

20260224 plan vivenda A Banha

O Concello da Baña vén de activar un servizo municipal específico de asesoramento en materia de vivenda co obxectivo de facilitar á veciñanza o acceso ás axudas públicas para a rehabilitación de inmobles e a mellora da eficiencia enerxética. Esta medida enmárcase na estratexia do Goberno local para converter a política de vivenda nun eixo prioritario de fixación de poboación e dinamización do municipio.

O alcalde, José Antonio Pereira, explicou que a iniciativa responde á vontade de “que ningún veciño quede sen axuda para mellorar a súa casa e que o Concello recupere patrimonio para atraer novos residentes”.

Apoio técnico para tramitar axudas

A través do Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local, o Concello ofrece asesoramento técnico individualizado para a tramitación de dúas liñas clave da Xunta de Galicia: o Programa VI435E, destinado á rehabilitación de infravivendas, co fin de garantir fogares dignos e seguros ás persoas con menos recursos; e o Programa MT402A, centrado na corrección de impactos paisaxísticos e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo á redución do consumo eléctrico e á sustentabilidade das vivendas.

“Non imos permitir que a complexidade administrativa frea oportunidades para a nosa xente. Este Goberno local está ao carón da veciñanza, acompañándoa en cada trámite para garantir que as axudas se transformen en melloras reais nas vivendas da Baña”, destacou o alcalde. José Antonio Pereira enmarcou esta iniciativa dentro dun plan estratéxico máis amplo orientado a revitalizar o municipio, atraer novos residentes e converter a política de vivenda nun instrumento eficaz para encher de vida o concello.

Esta acción complétase coa solicitude presentada polo Concello ao abeiro do programa VI422F, que permitiría rehabilitar edificios municipais en desuso cun financiamento de ata o 95% para convertelos en vivendas.

“Cada vivenda que rehabilitamos é unha oportunidade real para favorecer o asentamento de novas familias”, subliñou o alcalde, quen incidiu en que este esforzo permite garantir a viabilidade económica do municipio, dinamizar a vida social e reforzar a prestación de servizos públicos.

O obxectivo final é transformar inmobles municipais actualmente en desuso en fogares que xeren actividade, atraian poboación e contribúan a frear o envellecemento demográfico.

Con esta liña de actuación, o Concello da Baña reafirma a súa aposta decidida pola rehabilitación e polo impulso demográfico como piares dun modelo de xestión rural moderno, sostible e orientado ao futuro.