• A veciñanza arroupou un desfile que rematou coa entrega de premios no pavillón de San Vicenzo

  • ‘El show del Gran Hotel’, ‘Polbo á Barcalesa’  e ‘Os insumerxibles de Barcala’ foron as formacións máis premiadas

WhatsApp Image 2026 02 21 at 22.19.13

O Concello da Baña celebrou este sábado o seu tradicional Desfile e Concurso de Entroido cunha destacada participación e unha notable presenza de público nas rúas Castelao e Tedelle. A tarde solleira acompañou unha xornada na que comparsas, carrozas, grupos e disfraces individuais encheron o centro da vila de cor, música e posta en escena.

WhatsApp Image 2026 02 21 at 22.21.18 1

Ao longo do percorrido, o público puido gozar dunha sucesión de propostas moi diversas e coidadas ao detalle: dende a velocidade dos corredores de Fórmula 1 ata un tributo ás tradicións máis nosas; houbo tamén festa e reivindicación gastronómica con Polbo á Barcalesa, a recreación minuciosa de Titanic con todos os seus protagonistas, un gran hotel convertido nun espectáculo de baile e ambientación, unha simpática viaxe a Tailandia e, como non podía faltar no Entroido, espazo para a retranca e a actualidade coa aparición de Donald Trump ou Maduro esposado, entre outras escenas. Un conxunto de propostas que puxo de manifesto a variedade temática e o traballo das formacións participantes.

WhatsApp Image 2026 02 21 at 22.21.18

Unha vez rematado o desfile, a celebración trasladouse ao pavillón municipal de San Vicenzo, onde tivo lugar o fin de festa e a entrega de premios nas distintas categorías.

 

Gañadores do Concurso de Entroido 2026

Na categoría de comparsas, o primeiro premio foi para El show del Gran Hotel; o segundo para Polbo á Barcalesa; e o terceiro para Os insumerxibles de Barcala.

O premio á participación local foi para As marcianas do Barcala.

En disfrace individual infantil, o primeiro premio recaeu en Moi do noso, mentres que en disfrace individual adulto o galardón foi para Non me tóquelo cesto!

Na categoría de grupos, o primeiro posto foi para Esperansa e Claridá e o segundo para Desayuna con alegría.

En carrozas, o primeiro premio foi para Polbo á Barcalesa; o segundo para Os insumerxibles de Barcala; e o terceiro para El show del Gran Hotel.

O xurado estivo composto por Estrela Lois, Jennifer Cambeiro e Jennifer Riveira, que valoraron aspectos como a orixinalidade, o vestiario, a posta en escena e a capacidade de animación.

A concelleira de Acción social, cultura e servizos á cidadanía, Mónica González, agradece a implicación das persoas participantes e a presenza do público nunha xornada que volveu converter o Entroido nun punto de encontro para a veciñanza.

Consulta a galeria de fotos picando neste enlace ao Facebook do Concello