• No plan complementario, o concello inclúe a mellora do viario de Nantón a O Barro, cun orzamento de 230.000 euros

  • Aprobado un expediente extraxudicial de crédito para pagar facturas por importe de 369.000 euros

  • A Corporación apoia a moción do BNG solicitando cubrir a praza de pediatra no centro de saúde

 

 

Os diferentes Plans de Obras e Servizos (POS+) da Deputación da Coruña foron os protagonistas do primeiro pleno ordinario deste ano no Concello da Baña. A Corporación debateu a solicitude do POS+ 2026; a incluída no adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios, o adicional 3/2026 para a redución de débeda e a modificación do adicional 4/2025. En conxunto todas as propostas incluídas nos diferentes POS+ superan os 870.000 de euros, e todas elas aprobáronse por unanimidade dos concelleiros.

Polo que respecta ao Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+2026 da Deputación da Coruña, no que o Concello da Baña ten asignados 660.202,91 euros, o Pleno aprobou onte reservar 533.199,11 euros para gasto corrente e pagar a provedores, e outros 127.003,80 euros para a mellora dun viario na parroquia de Fiopáns.

O proxecto contempla a mellora da capa de rodaxe nun tramo de 1,8 quilómetros con 5 centímetros de aglomerado en quente, da estrada que vai de Vilar de Suso ata o límite do municipio.  Tamén inclúe a limpeza de gabias e a realización dun cruce de pluviais cun tubo de oitenta centímetros de diámetro. O orzamento total é de 127.003,80 euros.

Neste mesmo apartado, e dentro do Plan complementario, o equipo de goberno incluíu o proxecto de mellora do viario de Nantón ata O Barro, que ten un orzamento de 230.491,53 euros. Este proxecto contempla a mellora da capa de rodaxe nun tramo de tres quilómetros con 5 centímetros de aglomerado en quente, previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Tamén contempla a limpeza de gabias, entre outras actuacións.

O Pleno tamén aprobou a distribución dos 77.670,93 euros do POS+ adicional 1/2026 para gastos sociais extraordinarios que lle corresponden ao Concello da Baña. Segundo explicou a tenente de alcalde, Mónica González, 22.670,93 euros resérvanse para reforzo ou ampliación do persoal técnico do departamento de Servizos Sociais para “contratar outra traballadora social para garantir a continuidade do servizo”, asegurou. Outros 5.000 euros destinaranse para axudas de emerxencia; 35.000 para reforzo do Servizo de Axuda no Fogar e de carácter básico, e 15.000 para  poñer en marcha o “un programa de loita contra a soidade non desexada no concello da Baña”, dixo Mónica González.

Os tres grupos políticos coincidiron en que se precisa un acordo para que “Xunta e Goberno central financien o sistema de dependencia e non nos carguen aos concellos cunhas competencias impropias, sen facilitarnos financiamento”, como resumiu o alcalde, José Antonio Pereira.

Do mesmo xeito, acordouse destinar os 116.506,40 euros no POS+ adicional 3/2026 para reducir a débeda do Concello coa Deputación da Coruña, pola utilización de préstamo provincial dos plans 2015 a 2023. Por outra banda, A Baña solicítalle á Deputación que os 19.912,99 euros do POS+ adicional 4/2025 se sumen ao Plan adicional POS 2026. 

Por outra banda, o alcalde defendeu a necesidade de aprobar un recoñecemento extraxudicial de crédito por un importe total de 369.004,01 euros “para poder pagar facturas a provedores dos últimos meses”.  A proposta aprobouse cos 6 votos a favor do grupo de goberno (5 do PSdeG-PSOE e 1 do BNG) e a abstención do PP (5).

Tamén por unanimidade acordouse que o Concello da Baña se sume ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e o Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias. Neste apartado, os portavoces dos tres grupos coincidiron en destacar que a responsabilidade de manter limpos os montes, sobre todo nas zonas próximas ás casas, é dos propietarios das leiras.

O Pleno tamén aprobou por unanimidade modificar a política de seguridade do Concello da Baña para adaptarse aos requisito establecidos pola Deputación da Coruña e polo Plan nacional de seguridade.

Pediatra no centro de saúde

A moción presentada polo BNG para instar á Consellería de Sanidade a que sempre manteña cuberta a praza de pediatra no centro de saúde da Baña aprobouse por unanimidade. Mónica González explicou que dende mediados de novembro ata o 12 de xaneiro o centro de saúde non contou cun pediatra, “o que provoca graves trastornos para as familias e unha mala atención para as crianzas”.

Ademais de cubrir de xeito inmediato todas as ausencias da pediatra no centro de saúde bañense e reclamar as medidas adoptadas para a solución definitiva da situación, o BNG tamén lle pide ao concello que faga un seguimento activo desta problemática.

José Antonio Pereira cualificou este problema de “crónico” e lembrou as iniciativas que xa se levaron a cabo dende o propio Concello e desde o grupo socialista en diferentes estancia, “de momentos tivemos boas palabras, pero non houbo solución” para que a praza de pediatría do centro de saúde da Baña estea sempre cuberta. O alcalde criticou que, ao contrario do que di, a Xunta non apoia o rural “ao non apostar por ofrecer os servizos que se precisan, como é o de pediatría”.

Dende o PP, Andrés García Cardeso tamén apoiou a moción, se ben trasladou que “dende a administración sinalan que non hai profesionais para cubrir as baixas”.

A Corporación tamén apoiou a iniciativa do PP en defensa do sector primario polo acordo acadado pola Unión Europea con Mercosur. Entre outros puntos, a moción solicítanlle ao goberno central que defenda as cláusulas de salvagarda para esixir que todos os produtos agroalimentarios procedentes de terceiros países cumpran cos mesmos controis  e estándares de calidade que os esixidos na Unión Europea.

Jesús Pena indicou que o PSdeG vai apoiar a moción, como concello gandeiro e rural como o da Baña. A moción aprobouse cos votos de PP (5) e PSdeG (5) e a abstención do BNG.

 

20260128 Banha pleno ordinario proxectos POS 1