• O gran desfile celebrarase o sábado 21 de febreiro polas rúas Castelao e Tedelle

  • A gran novidade é a creación dun premio específico para recoñecer a participación local dotado de 150 euros

  • O prazo de inscrición ampliouse ata o martes 17 de febreiro a través da sede electrónica e o Rexistro Xeral 

WhatsApp Image 2026 01 30 at 11.00.59

O Concello da Baña, a través da Concellería de Acción social, cultura e servizos á cidadanía, organiza o sábado 21 de febreiro o Concurso de Disfraces do Entroido, unha cita que volverá encher as rúas Castelao e Tedelle de cor, música e creatividade a partir das 16.30 horas e que chega este ano cunha importante novidade: a creación, por primeira vez, dun premio específico para recoñecer a participación local..

O Entroido da Baña reforza así a súa aposta por implicar á veciñanza e poñer en valor o tecido social do municipio, cunha dotación económica que supera os 3.000 euros en premios, repartidos entre as seis categorías do concurso. Entre elas destaca o novo premio de participación local, dotado con 150 euros, destinado a aquelas comparsas ou grupos nos que, cando menos, o 75 % das persoas integrantes sexan veciñas ou veciños da Baña, non sendo acumulable con outros galardóns.

Na modalidade de carrozas, cun mínimo de sete integrantes, estableceranse tres premios: 900 euros para o primeiro posto, 400 euros para o segundo e 150 euros para o terceiro, unha contía que se reproduce tamén na categoría de comparsas.

Na categoría de grupos, formados por entre dúas e seis persoas, concederanse dous premios: 150 euros para o primeiro clasificado e 100 euros para o segundo. Pola súa banda, as modalidades de disfrace individual adulto e disfrace individual infantil contarán cun premio único de 100 euros en cada caso.

As persoas e grupos interesados en participar deberán formalizar a súa inscrición como data máxima o venres 13 de febreiro (prazo ampliado ata o martes 17 de febreiro). O trámite pode realizarse telemáticamente na sede electrónica municipal ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello. No caso de participantes menores de idade, será imprescindible achegar a correspondente autorización asinada por titor/a legal.

Criterios de valoración

O xurado, composto por persoas alleas á organización para garantir a total imparcialidade, puntuará de 1 a 5 aspectos como o vestiario e a maquillaxe -valorando especialmente o traballo artesanal e o uso de materiais de refugallo-, a orixinalidade, a posta en escena e a capacidade para involucrar ao público. Cada formación disporá dun máximo de 3 minutos de actuación diante do xurado.

Plan de continxencia por choiva

En caso de que a meteoroloxía impida o desfile exterior, a festa trasladarase ao pavillón municipal de San Vicenzo. Nese suposto, a categoría de carrozas quedaría deserta por motivos loxísticos e de seguridade, e as comparsas adaptarían a súa actuación a un máximo de 20 membros en pista.

O Concello da Baña fai un chamamento a todos os colectivos, asociacións e particulares para que saian á rúa e fagan súa esta festa. O obxectivo é unir o talento de pequenos e maiores nunha xornada de convivencia que busca gañar o seu oco propio no calendario festivo da comarca a través da ilusión e a creatividade.

As bases completas do concurso, así como o formulario de inscrición e a autorización para menores, están dispoñibles nos ficheiros adxuntos.