• A lista de propostas comeza o domingo 11 coa tradicional Festas dos Maios 

  • O IV Premio Daniel García Ramos que se entrega o Día das Letras Galegas recoñece ás Pandereteiras da Baña como símbolo da poesía oral popular

WhatsApp Image 2025 05 02 at 12.27.39

O Concello da Baña celebrará durante todo o mes de maio unha programación cultural diversa e participativa con motivo do Mes das Letras Galegas, cun calendario de actividades que combinan tradición, música, literatura, educación e memoria colectiva.

A programación arranca o domingo 11 de maio coa tradicional Festa dos Maios, que encherá de cor, música e convivencia a Praza do Concello desde as 10.00 horas. Oli Xiraldez ofrecerá asesoramento e elaboraranse os maios durante toda a xornada, na que tamén haberá obradoiros, a actuación da Escola de Música Tradicional da Baña e un xantar veciñal ao aire libre na área recreativa do río Albariña, no que o Concello achegará uns petiscos. Pola tarde, ás 17.00 horas, terá lugar a actuación de Os Monifates, un espectáculo único de marionetas danzantes ao son da música en directo, recuperando a esencia do teatro popular galego.

“Queremos animar á veciñanza a participar nesta tradición tan nosa como é a dos Maios, e que desfruten dunha xornada festiva, aberta e para todos os públicos, na que poden sumarse en calquera momento do día”, destaca a concelleira de Cultura Mónica González.

O sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase a entrega do IV Premio Daniel García Ramos, que este ano recoñece a traxectoria das Pandereteiras da Baña, como homenaxe á tradición da poesía oral e da música popular. Esta elección está aliñada coa temática do Día das Letras Galegas 2025, que se dedica precisamente ás cantareiras e á poesía oral popular. O acto, que comezará ás 11.00 horas na Escola de Música Emilio Andújar , contará coa actuación de Mari Faltri e cunha degustación de petiscos. “Esta é unha data moi especial para nós, porque este ano as Letras están dedicadas á narración oral, un eido no que A Baña tivo sempre unha presenza destacada grazas ás súas cantareiras e gaiteiros”, engade Mónica González.

A programación continúa o domingo 18 de maio, ás 12.00 horas na Casa da Cultura, coa presentación do libro As verbas do luns de Xan Martínez, unha nova oportunidade para achegarse á literatura galega e compartir reflexións co seu autor.

O 23 de maio celebrarase a actividade Axudádeme a cantar, unha xuntanza musical e educativa entre o CPI da Baña e o CPI de Bembibre, promovendo a colaboración e o respecto pola nosa lingua e cultura entre o alumnado.

Como broche final, o 24 de maio terá lugar unha excursión cultural organizada en colaboración coa Asociación Alborada.

Con esta programación, A Baña súmase á celebración do Día das Letras Galegas cun calendario que pon o foco na oralidade, na música tradicional e na importancia de manter vivas as nosas raíces culturais. Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza e contan coa colaboración de artistas locais, entidades sociais e centros educativos.