-
A iniciativa enmárcase na liña 2 de actuación subvencionada pola Xunta de Galicia para promover a reciclaxe en orixe de biorresiduos mediante compostaxe doméstica ou comunitaria
-
O Concello anima á veciñanza a sumarse a este proxecto que xa conta con máis de 170 familias participantes nas edicións anteriores

O Concello da Baña dá un novo paso no seu proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria coa entrega de 30 novos composteiros individuais, que se suman aos 170 xa repartidos noutras edicións, e coa creación de dous puntos de compostaxe comunitaria no centro urbano de San Vicenzo. Con esta iniciativa, o municipio reforza o seu compromiso cunha xestión de residuos máis sostible e respectuosa co medio ambiente.
Esta nova actuación está financiada a través dunha subvención da liña 2 do programa MT975T, enmarcado na Orde do 17 de decembro de 2024 publicada no Diario Oficial de Galicia, e cofinanciada pola Unión Europea a través dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia – NextGenerationEU.
O obxectivo da iniciativa é promover a separación e reciclaxe en orixe dos biorresiduos, facilitando a elaboración de compost natural tanto nas vivendas con horta ou xardín como nas zonas urbanas onde se instalarán os composteiros comunitarios.
Convertelos residuos orgánicos en fertilizante é unha maneira sinxela e efectiva de coidar o medio ambiente e contribuír a un concello máis sostible, un obxectivo no que o alcalde José Antonio Pereira Gil quere involucrar á veciñanza. Así, fixo un chamamento á participación veciñal e anunciou que nos vindeiros meses organizaranse charlas informativas e obradoiros prácticos para fomentar o uso axeitado dos composteiros.
Petición de composteiros
As persoas interesadas en participar nesta nova entrega poden solicitar o seu composteiro doméstico na Casa do Concello ou a través do teléfono 981 886 501, ata esgotar existencias.
O Concello facilitará tamén formación básica para garantir unha correcta xestión dos residuos orgánicos e unha boa calidade do compost resultante. Ademais, os composteiros comunitarios permitirán participar neste proxecto a aquelas persoas que non dispoñen de espazo verde nas súas vivendas.
Con esta actuación, A Baña reafirma o seu compromiso coa loita contra o cambio climático, a redución de residuos e a transición cara a un modelo circular e respectuoso co medio ambiente.
