O Concello da Baña puxo fin este martes, 22 de abril, a unha nova edición do taller Ás que coidan, un programa de sete sesións dirixido a persoas coidadoras e impulsado desde o servizo de educación familiar municipal.
A iniciativa, conducida pola educadora social Tamara Rodríguez Pereira, tivo como obxectivo proporcionar ferramentas para o autocoidado físico, emocional e mental, fomentar o empoderamento persoal, reflexionar sobre as propias necesidades e crear redes de apoio entre mulleres coidadoras do municipio. As actividades abrangueron desde dinámicas de atención plena, traballo emocional, ata a recuperación de afeccións persoais, sempre coa persoa coidadora como eixo central da intervención.
Na última sesión do taller, celebrada onte, a concelleira de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía, Mónica González, achegouse para compartir uns momentos coas participantes e facerlles entrega dos diplomas. Aproveitou a ocasión para recoñecer o seu compromiso ao longo do obradoiro e salientar a importancia de coidar do propio benestar para poder continuar coidando doutras persoas.