O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe, 21 de abril de 2025, as modificacións de dúas ordenanzas do Concello da Baña: unha relativa ao uso e xestión das áreas recreativas e outra sobre as plantacións e cortas de árbores.
Ábrese agora un prazo de 30 días naturais, contados dende esta publicación no BOP e no taboleiro de anuncios do Concello, para que a veciñanza poida presentar alegacións ou suxestións a estas modificacións. De non recibirse reclamacións nese tempo, as ordenanzas consideraranse aprobadas definitivamente.
Modificación da ordenanza das áreas recreativas
A principal novidade é a introdución de condicións específicas para o uso da Área Recreativa de Chans:
- Establécese unha fianza de 50 euros para todas as persoas usuarias.
- As persoas non empadroadas deberán abonar tamén unha taxa de alugueiro de 50 euros.
- As persoas empadroadas no Concello da Baña quedan exentas do pago desta taxa, mantendo a fianza.
- A fianza e a taxa deberán aboarse nas entidades bancarias onde o Concello ten conta.
Esta modificación pretende priorizar o uso por parte da veciñanza local e garantir o coidado e mantemento das instalacións.
Consulta o texto completo da ordenanza modificada sobre áreas recreativas nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.
Modificación da ordenanza sobre cortas e plantacións forestais
As modificacións desta ordenanza buscan minimizar os danos nas vías públicas e mellorar a xestión ambiental das cortas. Entre os principais cambios destacan:
- Obrigatoriedade de comunicar as cortas con 15 días hábiles de antelación cando superen as 5 toneladas.
- Establecemento de licenzas bianuais obrigatorias para as tarefas de depósito, carga e transporte de madeira.
- Fianzas obrigatorias:
- 1.600 € para vehículos de menos de 16 Tm.
- 3.100 € para vehículos de 16 Tm ou máis.
- O/A madeireiro/a e/ou persoa propietaria será responsable directa dos danos causados e da limpeza das vías.
- Detállanse as infraccións leves e graves, con sancións que oscilan entre os 300 e os 1.500 euros.
Consulta o texto completo da ordenanza modificada sobre cortas e plantacións nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.