• As contas foron aprobadas por unanimidade nun Pleno extraordinario

  • O investimento en saneamento, abastecemento e melloras culturais, sociais e medioambientais supera o 30% do orzamento

  • O Concello solicitará máis de 234.000 € para gasto corrente con cargo ao POS + Adicional da Deputación

  • O martes de Entroido e o 8 de setembro, día da Virxe do Bo Suceso en San Vicenzo, serán festivos locais en 2023

 

O Pleno municipal da Baña aprobou onte, xoves 11 de agosto, por unanimidade, un orzamento para o exercicio 2022 que ascende a 4.430.000 euros. No Pleno extraordinario a Corporación deulle luz verde tamén á solicitude de 234.000 euros para gasto corrente con cargo ao POS + Adicional para este exercicio; e fixou os días festivos locais de que poderá gozar a veciñanza en 2023: o martes de Entroido e o 8 de setembro.

Os orzamentos, os primeiros que aproba o Concello da Baña desde 2017, fan unha especial incidencia na partida dedicada a servizos sociais, favorecendo deste xeito a atención á calidade de vida da cidadanía bañense. A desagregación por programas mostra unha previsión de gasto social de 1.205.007,14€, máis da cuarta parte do total. Mentres, o investimento real en diferentes actuacións de saneamento e abastecemento, así como en melloras culturais, sociais e medioambientais, supera o 30% do orzamento do Concello para o presente exercicio. O mantemento da rede viaria tamén é unha das partidas con maior incidencia orzamentaria, cunha asignación de 859.210,13.

Para Andrés García Cardeso, "este orzamento vai permitir que A Baña recupere o pulso despois da pandemia. Este é un presuposto real, adecuado ás necesidades que ten un concello rural coma o noso". Mirando cara ao futuro, o alcalde da Baña apuntou que a aprobación do orzamento de 2022 significará "unha catapulta para elaborarmos xa o de 2023 e recuperarmos a normalidade, que é tan necesaria para o desenvolvemento".

Pola súa banda, o portavoz do PSdeG, José Antonio Pereira, razoou o voto favorable do seu grupo en que, ao seu xuízo, as contas "son as mesmas que nós presentamos en 2021", coa variación de capítulos coma "os incrementos salariais de persoal e a seguridade social. O que antes non valía, agora vale", afirmou Pereira, que xustificou a aprobación asegurando que "a diferenza de vostedes nós queremos o mellor para os veciños, gobernemos nós ou gobernen vostedes". O alcalde agradeceu o apoio dos socialistas ás contas municipais, aínda que declarou que "a diferenza entre as contas que presentaron en 2021 e as actuais é abismal: dos 3.600.000€ de entón pasamos a 4.430.000€". Para García Cardeso, aquelas contas e estas "pode que se parezan na letra, pero os números non son os mesmos".

Nunha análise por capítulos, a partida de investimentos reais suma 1.340.039,21 (o 30,24% do total). Entre as actuacións previstas de maior calado atópanse a ampliación de equipamentos sociais no centro cívico de San Vicenzo (332.492,26€) ou o saneamento de Liñares-San Salvador (177.843,57€) e de Xaxoso-Castiñeira (46.238,70€). Tamén figuran nos presupostos as obras de pavimentación no Cruceiro-Canle-Paraxó, Cores-Lameiro, Trarroeira e Trasbarcala a límite con Negreira ou de Lañas e Fiopáns.

Por outra banda, os gastos correntes en bens e servizos consomen o 34,20% do total do orzamento, cun importe asignado de 1.514.161,3€. Mentres, os gastos de persoal ascenden a 1.258.699,40€, á espera do remate da elaboración e negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) que se está a realizar. Este feito podería afectar á execución deste capítulo.

O equipo de goberno elaborou uns orzamentos equilibrados e sen déficit inicial. As principais fontes de ingreso son as transferencias correntes doutras administracións, que con 2.244.960,33€ supoñen máis da metade do presuposto. Tamén teñen gran peso as transferencias de capital, calculadas en base ás subvencións solicitadas, que suman un 25% do orzamentado.

POS + Adicional

Na sesión de onte tamén se aprobou solicitar 234.000,72€ para financiar o gasto corrente municipal con cargo ao POS + Adicional 2/2022. Nesta segunda fase do plan, a Deputación provincial ten asignado ao Concello da Baña un total de 412.001,29€, polo que os 177.843,57€ restantes se destinarán ao saneamento de Liñares-San Salvador. A proposta foi aprobada cos votos favorables do grupo de goberno (PP e Compromiso) e co voto en contra dos catro edís do PSdeG.

Festivos locais

Por outra banda, o Pleno da Baña aprobou tamén por unanimidade fixar como festivos locais para o vindeiro ano 2023 o martes de Entroido e o 8 de setembro, día no que se celebra a Virxe do Bo Suceso na parroquia de San Vicenzo. Malia que é costume declarar como días non laborables o 22 de xaneiro (San Vicenzo) e o 9 de setembro (Virxe das Dores), dáse a circunstancia de que estas datas coinciden en fin de semana.

20220811 pleno orzamento

  • A subvención enmárcase no programa PEL-Concellos de Axudas ao sector das orquestras e verbenas //

  • O goberno local solicitou a achega para o espectáculo da orquestra Olympus durante a Festa da Filloa //

A Deputación da Coruña concedeulle ao Concello da Baña unha subvención por un importe de 5.000 euros destinada á contratación de orquestras durante o presente ano 2022. A axuda enmárcase no programa PEL (Plan de Emprego Local)-Concellos de Axudas ao sector das orquestras e verbenas.

O Concello da Baña solicitou a devandita subvención para o espectáculo que a orquestra Olympus realizou durante as Festa da Filloa.

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña recolle na súa edición do pasado martes, 26 de xullo, a resolución da Deputación da Coruña pola que se aproba a concesión definitiva de subvencións correspondentes ao programa de Axudas ao sector das orquestras e verbenas, incluído na liña 1.3 do Plan de Emprego Local. A resolución pódese consultar no seguinte enlace.

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/07/26/2022_0000004445.pdf

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte de maneira definitiva a ordenanza reguladora do Punto de Atención á Infancia (PAI), ao atender dúas das reclamacións presentadas para que se lle dea tamén prioridade no momento da matrícula aos fillos e fillas das persoas que traballan no Concello da Baña. A ordenanza foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (6) e a abstención do grupo socialista (4).

Por unanimidade da Corporación aprobouse autorizar a un traballador municipal para que poida dar clases nun máster da USC no último trimestre deste ano.

No capítulo de rogos e preguntas, entre outros temas, o portavoz socialista, José Antonio Pereira, preguntou por unhas facturas da Universidade de Santiago sobre a minoración da pobreza enerxética. O alcalde, Andrés García Cardeso, respondeulle que se corresponde co asesoramento e a tramitación do nono eléctrico que están a facer coa veciñanza da baña. “A solicitude do bono eléctrico aumentou un 300% grazas a este asesoramento, e moitos veciños viron rebaixada a factura da luz”, engadiu o alcalde.

Pereira Gil tamén preguntou porqué se lle cobra 30 euros mensuais ás familias polos cursos de natación, cando noutros concellos son máis baratos. García Cardeso respondeulle que o goberno está a “aplicar a ordenanza municipal que foi aprobada polo goberno socialista, que establece 30 euros polos cursos de natación e 100 euros mensuais polos campamentos”.

20220721 Pleno ordenanza PAI 2

  • As parroquias de Marcelle e de Suevos disporán desta rede a partir do 10 de agosto, segundo lle informaron ao Concello //

20220727 fibra optica parroquia barro

Telefónica vén de confirmarlle ao Concello da Baña que a parroquia do Barro conta xa con cobertura de fibra óptica o que lle permitirá dispoñer dun bo acceso a internet e dunha mellor cobertura móbil. Ademais, e segundo comunicáronlle ao alcalde, Andrés García Cardeso, dende a dirección xeral de Telefónica en Galicia, as parroquias de Marcelle e de Suevos disporán da rede ultrarrápida de fibra óptica a partir do 10 de agosto.

Con estas actuacións, consideradas prioritarias por parte do Concello, preténdese dotar a todo o rural bañense das ferramentas necesarias para que toda a veciñanza dispoña en igualdade de condicións ca das zonas urbanas de acceso á internet e de cobertura 4G, eliminando deste xeito as barreiras dixitais.

A pretensión do Concello da Baña é cubrir todos os puntos do municipio e neste obxectivo levan xa traballando meses. Lembrar que o pasado mes de febreiro, o Concello asinaba un convenio de colaboración co teleoperador neutro de comunicacións Rede Aberta para despregar no municipio unha rede ultrarrápida de fibra óptica ao obxecto de dotar á Baña de infraestruturas precisas para que calquera compañía puidese logo prestar o servizo coa maior calidade. Estableceuse así un mapa de áreas prioritarias de actuación para cubrir as zonas brancas, ás que non chega a fibra nin entran nos plans de execución.

  • Os afectados reafirmaron ante o conselleiro de Industria, Francisco Conde, o rexeitamento á declaración de utilidade pública do parque de Troitomil

  • O vicepresidente primeiro do Goberno galego comprométese a estudar as alegacións e a revisar o proxecto

 

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, o seu homólogo de Val do Dubra, Juan Manuel Varela Ferreiro, así como representantes das asociacións veciñais O Outeiro, de San Mamede de Monte; A Fonte Seca  e Ventolibre, de San Román mantiveron este mércores unha xuntanza co vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ao obxecto de trasladarlle a necesidade de paralizar a tramitación do parque eólico de Troitomil e dos demais parques que se queren implantar na comarca, ata que se “adapte a lei á situación actual”. 

Na reunión tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Industria, Paula Uría Traba; o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

Os afectados reafirmaron ante o vicepresidente primeiro da Xunta o rexeitamento unánime da veciñanza e das forzas políticas da Baña contra a declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil, publicada o pasado 16 de xuño, así como contra todos os procesos que están en marcha e que afectan ao municipio da Baña. 

O conselleiro de Industria escoitou as demandas presentadas e todas as sensibilidades. Segundo trasladou o alcalde da Baña, Conde comprometeuse a estudar todas as alegacións e a dar resposta a cada unha delas, así como a revisar e estudar con detemento o proxecto. “O conselleiro comprometeuse a mirar con lupa todo o proceso e as alegacións”, recalcou o rexedor da Baña.

“Valoramos positivamente esta xuntanza xa que é un problema serio e de vital importancia porque compromete ó noso concello, á nosa veciñanza e á toda a contorna” subliñou Andrés García Cardeso, que lembra o proceso está na fase inicial e que o prazo para presentar alegacións á declaración de utilidade pública do parque eólico remata o 1 de agosto. 

O alcalde da Baña indicou que entre os principais argumentos expostos contra a tramitación da declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomiil e todos os que se están a tramitar ou solicitar no municipio atópanse que o proxecto afecta a unha ampla zona arqueolóxica, á mananciais e que altera substancialmente a modificación do solo nunha ampla zona devastada polos incendios en 2006 e unha alteración significativa sobre o PXOM, xa que supón un cambio total sobre boa parte dos terreos e das construcións xa existentes. Cómpre lembrar que o Concello da Baña está pendente dos informes que solicitou á Consellería de Medio Ambiente e a unha arqueóloga.

Presentación de alegacións

Tal e como se acordou no pleno do 30 de xuño, o Concello da Baña mantén a disposición da veciñanza un equipo técnico  para axudarlles a presentar e tramitar as alegacións pertinentes contra a declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil. Tamén está posta a disposición de toda a veciñanza un modelo tipo de alegación (que pode descargarse da páxina web). 

Ademais de no rexistro ou na sede electrónica da Xunta de Galicia, as reclamacións pódense presentar tamén no rexistro do Concello da Baña. O equipo de goberno recomenda á cidadanía que non agarde ao último día, o 1 de agosto, para presentar ditas alegacións e que poden acudir aos técnicos municipais para facer os trámites necesarios para presentalas.