Unha trintena de persoas participaron onte na andaina inaugural da ruta dos muíños da Baña, durante a que puideron gozar das excelentes paisaxes que hai a carón do río Faílde e mergullarse na historia e na etnografía do municipio.

A ruta dos muíños da Baña é unha senda circular de 7,5 quilómetros de dificultade moderada, que transcorre na maioría xunto ao río Faílde, e que permite visitar un conxunto de 9 muíños tradicionais galegos, fervenzas, montes, escaleiras de pedra, un lavadoiro, e a vella central hidroeléctrica que subministrou luz á capital bañense e ás aldeas próximas a principios do século XX.

Organizada polo club de sendas enxebres Seixos e a Asociación A Baña Emprende en colaboración do Concello, antes da saída inaugurouse na praza do Concello, en San Vicenzo, a sinalización desta ruta. Na andaina participou o alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o concelleiro de Promoción da vida activa e deporte, César Ramos; membros da Corporación da Baña, o presidente da Baña Emprende, Rafa Vieito; e representantes de Seixos.

O track da ruta dos muíños da Baña e máis información sobre a minicentral e a propia senda pódese atopar na páxina web do Concello da Baña (preme neste enlace)

Podes ver o álbum de fotos no seguinte enlace:

https://acortar.link/jL5Gea

 

20220703 Ruta Muinos Bana 1