-
Senda circular á beira do río Faílde de 7,5 quilómetros e dificultade moderada
En Galicia, a terra dos mil ríos, a auga moldea as súas verdes paisaxes e está intimamente vencellada ao seu desenvolvemento social e económico. Os cursos fluviais permitiron regar os cultivos, darlle de beber aos animais e aportaron tamén a forza para mover as rodas dos muíños ou alimentar ás chamadas fábricas de luz. A Ruta dos muíños da Baña convídanos a viaxar ao pasado para coñecer a Galicia máis tradicional percorrendo paraxes de gran beleza natural á vez que nos mergullamos na historia e na etnografía do municipio.
Facendo esta ruta circular de 7,5 quilómetros e de dificultade moderada, a persoa camiñante percorrerá unha zona chea de natureza e un anaco de historia do Concello da Baña. Percorrendo o río Faílde visitará un conxunto de 9 muíños tradicionais galegos, fervenzas, montes, escaleiras de pedra, un lavadoiro, e a vella central hidroeléctrica que subministrou luz á capital bañense e ás aldeas próximas a principios do século XX. Unha mestura de arte, historia, natureza e tradición que de seguro será un pracer para os sentidos e unha oportunidade para visitar recunchos de singular beleza próximos á vila da Baña.
O punto de chegada e saída da Ruta dos muíños da Baña é á praza do Concello, fronte a casa consistorial. Dende aquí baixaremos pola rúa Castelao ata a entrada de San Vicenzo, cruzamos o paseo de peóns que está situado sobre a ponte e chegamos ao lugar de Vilariño, onde empezaremos a gozar dos primeiros soutos e carballeiras ata chegar á central hidroeléctrica. As 79 escadas de pedra forman o conxunto máis coñecido do lugar. Continuamos río arriba ata O Barro e, pouco depois, veremos os muíños de Marcelle e cruzamos a primeira das pontellas de madeira sobre unha fervenza singular. Baixamos de novo, agora pola marxe dereita do regato, ata volver á ponte do Barro para dirixirnos de volta a San Vicenzo.
A uns 250 metros atoparemos os dous primeiros muíños. O río tórnase alegre, ruidoso, con distintos saltos de auga e no percorrido da senda poderemos descubrir algunha “bañeira” artificial. Imos xa por enriba dunha antiga levada que abastecía de auga os muíños. Veremos un pequeno bosque de abeneiros no que as cores pardas e a sombra predominan sobre o resto. O río tamén troca e volvese mudo, xerando una zona calma e pacífica. En breves chegaremos á caseta de captación de auga do Concello e xa empezaremos a gozar das fervenzas e saltos de auga que nos levaran ata a antiga minicentral. Zona para gozar dos sentidos e percibir cal sería o seu funcionamento e a importancia na vida da veciñanza do Concello da Baña.
Seguimos o curso do río e comeza unha zona un pouco máis complicada para camiñar, pero apta para todos os públicos, que nos levará a ver unha cascada e o columpio que descobre a gran fervenza do río Faílde. Continuamos gozando das diferentes cores e sons que nos brindan as paisaxes desta ruta, con zonas de fortes correntes, zonas calmas con area, bosques frondosos, pero neste intre son protagonistas os catro muíños que nos quedan por visitar, cada un coa súas particularidades e coa súa pegada na historia deste municipio. O remate deste sendeiro condúcenos xa ata o final desta ruta.
Podes facer a ruta seguindo o track GPX que se descarga no arquivo adxunto.
Historia da minicentral hidroeléctrica situada na Ruta dos muíños da Baña
En 1906 Manuel Gómez Barbeira funda Electra de La Baña S.A. E inmediatamente constrúe a planta a carón do rego do Failde.
Dende esta minicentral subministra luz a capital bañense (San Vicenzo) as aldeas próximas da capital e chagando incluso a zonas do Concello de Negreira.
Funcionou ata o 13 de novembro do 1951, implantando o servizo a Sociedade Xeral de Galicia da recente presa construiía no Tambre e xestionada por Fillos de Plácido Fabeiro S.A.
Na planta bañense traballaba a familia Proupín que era a encargada do correcto funcionamento. Vivían nela e incluso a familia aumentou nela nacendo José Proupin. No parón de produción da enerxía emigraron a Venezuela.
Como dato, en 1933 o kilowatio rondaba as 33 pesetas sen impostos. A xefatura de Industria era a que verificaba e inspeccionaba os contadores e o tendido eléctrico. O tendido eléctrico de Electra La Baña S.A seguía en funcionamento en aluguer á Sociedade Xeral de Galicia.