- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 1102
- A galardoada exerceu de mestra e xefa de estudios durante vinte anos no CPI de San Vicente
- A tenente de alcalde Mónica González recoñeceu a súa traxectoria profesional e “o orgullo que sentimos de que unha bañesa continúe coa profesión familiar” dunha s saga de mulleres dedicadas ao ensino
- A directora do CPI, Mar Sueiro, e o historiador e exalumno, Bruno Esperante, loaron a figura e o legado que deixou a docente no centro
- Chus Álvarez Ramos, moi emocionada e agradecida, recoñece que a súa etapa na Baña foi a “máis importante da miña vida”
A profesora Mª Jesús Álvarez Ramos recibiu esta mañá, na Casa da Cultura da Baña, o III Premio Daniel García Ramos, un galardón instituído polo Concello co gallo do Día das Letras Galegas en recoñecemento ao traballo en favor da lingua e da cultura galegas. Coa distinción deste ano recoñécese o gran labor que realizou Mª Jesús Álvarez durante os vinte anos que exerceu de mestra no CPI de San Vicente, deixando a súa impronta en varias xeracións de bañenses e guiando a súa traxectoria educativa, xa que ademais foi xefa de estudos do colexio.

“Con este premio non só se pretende recoñecer a súa traxectoria profesional, senón tamén mostrar o orgullo que sentimos de que unha bañesa, porque Chus ten sangue bañesa xa que a súa familia materna é natural de San Vicente, continúe coa profesión familiar. A súa nai e as súas cinco tías foron mestras, polo tanto forman unha saga de mulleres dedicadas ao ensino”, subliñou a tenente de alcalde, Mónica González Blanco. O acto contou tamén coa presenza do alcalde, José Antonio Pereira Gil, membros da Corporación; a directora do CPI San Vicente, Mar Sueiro; o ex alumno e agora profesor da USC Bruno Esperante; así como de moitos veciños e veciñas da Baña entre os que se encontraban excompañeiros e exalumnos da homenaxeada.
Mónica González lembrou na súa intervención o percorrido profesional da homenaxeada quen, tras licenciarse en Xeografía e Historia pola USC, traballou durante dúas décadas na Baña e na actualidade segue a desenvolver a súa actividade no IES Arcebispo Xelmírez, na modalidade de Educación para Adultos.

“Estamos aquí para celebrar que Chus pasou polas nosas vidas”, afirmou Mar Sueiro, quen insistiu en valores como o “respecto” como unha das principais ensinanzas que a homenaxeada transmitiu aos seus alumnos e alumnas durante as dúas décadas que traballou na Baña. Tamén con agarimo e veneración tomou a palabra Bruno Esperante, quen asegurou que “se hoxe son historiador é grazas a ela e a súa paciencia”. “De parte de toda a nosa xeración, Chus, moitas grazas”, transmitiulle á mestra.
Sen poder reter as bágoas, Mª Jesús Álvarez Ramos agradeceu ao Concello esta distinción e nun emotivo discurso recordou “ás mulleres da miña vida”, comezando pola súa avoa, integrantes todas dunha saga de mestras. Ademais de repasar a súa traxectoria profesional, insistiu en que na Baña completou a “etapa máis importante da miña vida”, insistiu en compartir esta distinción cos seus excompañeiros do CPI San Vicente, e amosou o seu orgullo por toda a cativada que posou pola súa aula. “O mellor agradecemento que poido recibir é o agarimo dos meus rapaces cando veño á Baña”, subliñou.
O acto, que contou con constantes alusións á celebración este venres do Día das Letras Galegas e á figura de Luisa Villalta, rematou coa actuación do alumnado da Escola de Música Tradicional da Baña que interpretou o Himno Galego diante da Casa da Cultura.

Terceira edición
Mª Jesús Álvarez Ramos é a terceira persoa que recibe o Premio Daniel García Ramos despois das distincións no ano 2022 do mestre e músico Alonso Barreiro Caxade, que exerceu na escola infantil de Lañas; e en 2023 de Emilio Lois, profesor na Escola de Música Tradicional da Baña e promotor de varios grupos como Os Campantes da Baña, os Pequenos da Baña ou as Pandereteiras da Baña.
Esta distinción homenaxea a figura de Daniel García Ramos, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e fillo predilecto da Baña, unha figura que destacou polo emprego do galego nos procedementos xudiciais e pola defensa do rural.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 772
-
O xoves celebrarase unha xornada de convivencia para o CPI A Baña en Agra de Chans coa actuación de Luis Vallecillo
-
O venres 17, Día das Letras Galegas, homenaxearase á exprofesora María Jesús Álvarez Ramos na casa da cultura
-
A carballeira de Seilán acolle o domingo 19 a Festa da Re-Volta

No marco da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello da Baña pon en marcha o Mes das Letras, un programa de actividades dirixido a toda a veciñanza que ten como obxectivo render tributo ás nosas tradicións, á nosa cultura e á nosa lingua.
A axenda de citas iniciarase o xoves 16 cunha xornada de convivencia para o CPI A Baña a partir das 12.30 horas en Agra de Chans. A proposta contará coa actuación de Luis Vallecillo co que a cativa gozará do mundo das letras mediante xogos e música.
O venres 17, co gallo do Día das Letras Galegas, a casa da cultura acolle ao homenaxe a María Jesús Álvarez Ramos, profesora que deu clase no CPI A Baña. O emotivo acto terá lugar a partir das 12.00 horas.
O domingo 19 será a celebración da tradicional Festa da Re-volta na carballeira de Seilán. O mercadiño, os postos de artesanía e de polbo, e as propostas culturais e musicais para a veciñanza de todas as idades recrearán o ambiente das antigas romarías.
O programa do Mes das Letras está organizada polo Concello da Baña e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 763
O Concello da Baña anuncia a exposición das listas do censo electoral para as eleccións ao Parlamento Europeo do 9 de xuño de 2024, que se poderán consultar entre o 22 e o 29 de abril (ambos os dous inclusive), nas oficinas xerais do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Para realizar a consulta presencial nas oficinas municipais é necesario identificarse co DNI, pasaporte ou carné de conducir.
Tamén existen dous teléfonos da Oficina do Censo Electoral nos que se poden realizar as consultas: 900 343 232 (gratuíto) e 981 217 439.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 974
O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade a ordenanza que inclúe o regulamento de réxime interior do Punto de Atención á Infancia (PAI). Durante o período de exposición pública non se presentou ningunha reclamación a esta ordenanza.
Na sesión tamén se deu conta da liquidación do orzamento municipal de 2023. Neste punto o alcalde, José Antonio Pereira, explicou que aínda que dita liquidación presenta un remanente positivo de 256.000 euros, o Concello sigue tendo pendente unha débeda que supera os 800.000 euros. “A contención do gasto que fixemos a partir do mes de xuño permitiunos pechar o exercicio con 256.000 euros de remanente, pero o Concello segue tendo pendentes de pago facturas por máis de 800.000 euros ás que teremos que facerlle fronte este ano”, asegurou Pereira Gil.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visitas: 932
-
O municipio fai parte do proxecto provincial Concello Dixital para impulsar a dixitalización das entidades locais
-
A Baña avanza tamén na mellora da seguridade das telecomunicacións
O Concello da Baña segue avanzando con éxito no seu proceso de transformación dixital, unha iniciativa que busca modernizar a administración municipal e mellorar a atención á cidadanía. Os cambios realizados ao abeiro do proxecto provincial Concello Dixital buscan facer máis eficiente a xestión dos servizos públicos.
Neste sentido, activáronse novos procedementos de tramitación en liña e ampliouse o catálogo da Sede Electrónica, facilitando así o acceso aos servizos municipais por parte dos veciños e veciñas. Ademais, este proceso de transformación conta coa colaboración directa dos traballadores e traballadoras municipais, implicándoos activamente na implementación das novas ferramentas e procedementos.
Por outra banda, o Concello da Baña está a dar pasos importantes para mellorar a seguridade das súas telecomunicacións. Tralo acordo do Pleno celebrado en febreiro, o Concello adheriuse á Oficina Técnica de Ciberseguridade Provincial da Deputación da Coruña, transferindo á entidade provincial a seguridade das infraestruturas de telecomunicacións locais. A nova política de seguridade ten como obxectivo reforzar a protección dos sistemas e redes do concello ante posibles ciberataques.
Estas accións enmárcanse no proxecto Concello Dixital impulsado pola Deputación da Coruña, que ten como obxectivo acompañar as entidades locais no proceso de transformación cara á plena dixitalización. O Concello da Baña, a través da concellería de Contas, comunicación e novas tecnoloxías, reafirma así o seu compromiso coa modernización e a seguridade dixital, sumándose ás iniciativas da Deputación para fortalecer a dixitalización e a ciberseguridade nos concellos da provincia.
