• O Apalpador e Papá Noel, xuntos por primeira vez, visitarán o pavillón de San Vicenzo

  • CantoEncanto, grupos de gaita e pandeireta da Escola de Música Tradicional e o Mago Paco protagonizan a programación escénica

  • Unha ampla oferta de postos artesanais e produtos locais estará dispoñible para as compras de Nadal

20241215 Mercadinho Nadal web 2 corrixidoO domingo 15 de decembro, o pavillón municipal de San Vicenzo converterase no escenario da novena edición do Mercadiño de Nadal da Baña, unha cita consolidada no calendario local que cada ano atrae veciñanza e visitantes da comarca. Dende as 12.00 do mediodía e ata as 20.00 horas, o Concello da Baña ofrecerá unha xornada chea de artesanía, música e actividades pensadas para toda a familia, cunha especial atención á cativada.

O evento contará cun amplo programa de actividades culturais e de lecer que comezará ás 12.30 horas coa animación musical a cargo do grupo de gaiteiros da Escola de Música Tradicional (EMT) da Baña. A partir das 16.00 horas, á música dos gaiteiros sumarase a das pandeireteiras da EMT e a de CantoEncanto, un conxunto de música tradicional local creado en 2023 que se define como “un grupo de amigos que se xuntan nas foliadas para cantar e bailar”.

A programación inclúe tamén unha dose de maxia e fantasía co espectáculo do Mago Paco, especializado en entretemento infantil, que terá lugar ás 17.00 horas. Pero a gran novidade deste ano será a presenza conxunta, por primeira vez, de dúas figuras imprescindibles do Nadal en Galicia: o Apalpador e Papá Noel, que chegarán ás 18.00 horas para espertar a ilusión de nenas e nenos.

Ademais das actividades, o mercadiño ofrecerá unha coidada selección de postos con produtos de artesanía e delicias gastronómicas, permitíndolles ás persoas asistentes mercar agasallos únicos nun ambiente festivo e acolledor. Como en anos anteriores, habilitarase un posto de empaquetado solidario, no que quen merque no Mercadiño poderá preparar os seus agasallos ao tempo que colabora cunha causa solidaria.

A organización desta novena edición, a cargo do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña, busca reafirmar o Mercadiño como un evento de referencia na comarca. O pavillón de San Vicenzo converterase, un ano máis, nun punto de encontro para celebrar o Nadal en comunidade, promovendo a música, a tradición e a convivencia.