O alcalde asegura no pleno que buscará outros recursos para compensar o déficit

Modificaranse as ordenanzas do IBI, IAE e ICIO para fomentar a creación de emprego e poder optar a máis subvencións

Bonificarase o imposto de construción dos panteóns de San Mamede, como solicitou a Asociación de Veciños Outeiro

Ratificado o convenio de cesión de terreos para a mellora do primeiro tramo do Camiño de Monelos

 

O Pleno da Baña aprobou na sesión deste 27 de novembro subir o recibo do lixo só un 10% para o vindeiro ano, ao considerar que o incremento dun 50% que establece o novo canon de Sogama “é inasumible para a veciñanza”, segundo o alcalde. Na sesión tamén se aprobou modificar as ordenanzas do IBI, IAE e ICIO en base ao convenio de Concellos Doing Business Galicia para favorecer a creación de emprego no municipio e optar a máis subvencións. A Corporación atendeu a petición da Asociación de Veciños Outeiro e bonificará o imposto de construcións do cemiterio de San Mamede de Monte.

A Corporación iniciou a sesión gardando un minuto de silencio en memoria das vítimas da DANA que afectou a Valencia e outras comunidades autónomas.

O alcalde, José Antonio Pereira, volveu criticar con dureza o forte incremento do canon que aplicará a Xunta a partir do ano que ven pola recollida de lixo. Sogama pasará de cobrar 66 euros por tonelada a fixar unha tarifa de 95 euros, despois do desconto de 12 euros que aplica a Xunta. Para José Antonio Pereira “esta subida é inasumible para a veciñanza da Baña”, motivo polo que o goberno local presentou no pleno unha proposta de incremento de tan só un 10%.

“Buscaremos recursos por outras vías para compensar o déficit desta taxa”, asegurou Pereira Gil para xustificar a proposta do equipo de goberno. O informe da secretaría e intervención recoñece que con esta subida a taxa só cubrirá a metade do custe do servizo.

A proposta foi aprobada cos 6 votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e os 5 en contra do PP.

Na sesión tamén se acordou por unanimidade modificar as ordenanzas reguladoras da contribución (IBI rústica e urbana), de actividades económicas (IAE) e de construción (ICIO) adaptándoas ao convenio Concellos Doing Business Galicia asinado entre Xunta e Fegamp para o fomento do emprego e para favorecer o asentamento de empresas no polígono industrial e noutras zonas do municipio para crear postos de traballo. Ademais de actualizar as tarifas e favorecer os descontos a aquelas iniciativas que xeren postos de traballo na Baña, con esta medida o Concello poderá recibir máis subvencións doutras administracións.

Por unanimidade aprobouse bonificar o imposto de construcións dos panteóns de San Mamede do Monte, como solicitaba a Asociación de Veciños Outeiro. Tamén co voto favorable de todos os concelleiros e concelleiras ratificouse o convenio de cesión de terreos para a mellora do primeiro treito do Camiño de Monelos.

Reclámanlle á Xunta que faga obras na Baña

As tres moción presentadas no pleno, unha por cada grupo políticos, foron aprobadas por unanimidade.

O grupo socialista volveu denunciar a discriminación que está a manter a Xunta de Galicia coa Baña, ao non incluír ningunha obra nos orzamentos autonómicos, e presentou unha moción na que lle pide ao Goberno galego que inclúa nos orzamentos de 2025 sendas partidas para executar o saneamento nas parroquias de Troitosende e de San Cibrán e unha partida para urbanizar o polígono industrial.

A moción en defensa da lingua galega presentada polo BNG reclámalle á Xunta diferentes accións para defender o noso idioma como patrimonio colectivo de incalculable valor e poñer en marcha medidas que permitan darlle a volta a situación actual (cada vez menos xente fala a lingua propia). A moción tamén recolle que o Concello da Baña se adhira á Plataforma Queremos Galego.

O Partido Popular presentou unha proposta con motivo do 25N na que se solicita ao Concello da Baña, á Xunta e ao Goberno central por en marcha diferentes iniciativas para acabar coa violencia contra as mulleres. 

20241127 Banha pleno ordinario subida lixo 1